Mostrando entradas con la etiqueta agustin fernandez paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta agustin fernandez paz. Mostrar todas las entradas

martes, 17 de septiembre de 2019

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ E A SÚA HOMENAXE EXPLÍCITA A LOVECRAFT

Agustín Fernández Paz (1947-2016)
Durante os meus anos de estudante de instituto, unha das poucas novelas que foron lecturas obrigatorias na clase de galego que me resultaron de verdadeiro interese foi Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Publicada en 1995 na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, esta obra curta era, en palabras do propio autor, "unha homenaxe explícita a Lovecraft." Para min supuxo unha introdución ao universo lovecraftiano. Eu xa estaba interesado na literatura de terror e misterio e xa lera textos de Edgar Allan Poe, Sir Arthur Conan Doyle ou Bram Stoker, pero quen seria ese Lovecraft de quen se falaba na novela? Comecei a investigar na impresionante biblioteca dos meus pais e alí atopei a resposta, como case sempre, e entón puiden ler eses inmortais Mitos de Cthulhu polos que sempre será lembrado o escritor estadounidense.


H.P. Lovecraft


Cartas de inverno, narrada a través desas cartas ás que fai referencia o título, foi tamén unha das primeiras obras, antes de ter a oportunidade de ler (e entender) o Quixote cervantino, que me presentaron o concepto da metaficción, esa literatura que fai explícito o xeito en que se constrúe. Relendo a novela varias décadas despois daquela primeira lectura, resúltame evidente que no é soamente unha homenaxe a H.P. Lovecraft, senón tamén ao magnífico escritor inglés de historias de pantasmas M.R. James, e especialmente ao seu relato "The Mezzotint" ("O gravado"), xa que un gravado é tamén un elemento primordial na trama de Cartas de inverno. A relectura desta obra—que sempre me semellou curta de máis—inspiroume a creación dun vídeo no que ofrezo un comentario crítico en maior profundidade e que deixo aquí debaixo para quen teña interese en velo. Agardo que vos interese e que vos faga tirar do andel esta magnífica novela de Agustín, todo un clásico xa dentro da literatura galega.




                                                                                 ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

lunes, 4 de febrero de 2013

O fermoso rastro que nos deixa



Si, é moi grande o rastro que nos deixa Agustín. Non hai máis que ler este  excelente libro para deixarse levar por unha primeira parte conmovedora que nos permite coñecer a situación dun neno, dunha familia nunha época gris e miserenta contada con tenrura. Nótase un Agustín feliz rememorando feitos que lle ocorreron nun tempo duro, pero do que rescata feitos que a súa memoria salva da negrura. Pura memoria selectiva. E na segunda parte, ademais de contarnos bastante da súa “cociña” como novelista,  Agustín afía os coitelos e preséntase indomable, inflexible  diante desa actitude  arteira que intenta, e o consegue demasiadas veces, desprezar a lingua galega, a lectura en galego e os prexuízos contra a LIX, á que moitos consideran “unha literatura menor”. A primeira parte é fermosísima. Nela, Agustín cóntanos uns momentos da súa infancia realmente deliciosos. Malia ser consciente de que viviu uns anos que deixaron castrados a todos aqueles que nacemos nos corenta e boa parte dos cincuenta, o autor recrea, coa súa habilidade literaria, feitos que nos fan sorrir e que nos lembran a inxenuidade que, afortunadamente, posuïamos.

Agustín, coa súa prosa limpa, o seu estilo literario tan persoal  consegue que a súa voz de seu, sexa  a axeitada para o que desexa contar. A partir da súa vontade de estilo, tan recoñecible nos seus variados escritos, relátanos, cunha estruturación ben intelixente, esas vivencias que a memoria retén porque a selecciona para a boa saúde mental dos seres humanos. Vivencias relacionadas coa escola, coa familia, coa súa Vilalba natal. Lembranzas relacionadas coa Orquesta Mato, na que seu pai era trompetista, coa primeira película que o abraiou ou co sentimento  (e a min me produciu unha emoción especial) que rabuñou o seu corazón cando descubriu o mar.

E conta todo isto cunha enerxía vital envexable. Séntese cómodo contando unhas pasaxes da súa vida de neno que, a min, me produciron un auténtico pracer, pese a que ás veces non son optimistas, precisamente. Confluín nalguns feitos con Agustín, pero el, cinco anos maior ca min e estando nunha vila, viviunos dun xeito diferente. Coincidimos, iso si, no espíritu que marcaban eses sucesos nas vidas de tantos rapaces.

Desta primeira parte, chamada AS PAISAXES DA MEMORIA, gustaríame salientar certos aspectos que me pareceron marabillosos:

       -   O amor pola súa familia.
Agustín cando era un cativo
             -   O recoñecemento público ao seu pai por ser quen lle introduciu o veleno das lecturas, algo pouco común nun carpinteiro e músico da época.
             -   A paixón por escoitar os contos en voz alta e ir á casa da veciña a escoitar a radio.
             - O enorme número de referencias a cineastas, películas, narradores, títulos de libros, músicos e poetas (aquí Valente aparece por riba de todos eles) que aparecen ao longo de todo o libro. Nesta primeira parte, loxicamente, tamén.
             - O descubrimento oral de Charlie e a fábrica de chocolate que fixo aos seus alumnos en 1984 dando clase de EXB, que rematou cunha explosión de aplausos e berros cando Charlie descobre o billete dourado na chocolatina. Agustín lía aos rapaces capítulo por tarde.
    -   A experiencia de ver o mar na praia de Foz, baleira, pero “cun mar inmenso, un mar de intenso azul escuro estendéndose ata un horizonte máis afastado ainda que nas largacías terras chairegas” como di textualmente o autor.
           -   A lembranza da chegada a súa casa da radio mercada a prazos, unha Telefunken debaixo do brazo do seu pai.                 
     -   O cesto do Beti. Entrañable vivencia do troco e negociación de tebeos. A figura do Beti de Beceiro aprovéitaa  Agustín para falarnos dos exemplares que foron espazo común na nosa infancia e a chea de personaxes que invadiron felizmente a nosa nenez. Ler tebeos resultaba un gozo indescritible.

E tantas e tantas anécdotas, vivencias dunha época que cadaquén soportou e levou como mellor puido aparecen n´O rastro que deixamos para deleite dos lectores e lectoras.


A segunda parte, O OFICIO DE ESCRIBIR, vén sendo outra cousa. E nela Agustín Fernández Paz nos vai deixando, coma se fose un/unha das súas personaxes, a súa rabia diante das relacións, inxustas case sempre, que vive a sociedade coa lingua galega. Unha sociedade que non quere (e, mesmo, menospreza) empregala, o rexeitamento da nosa literatura. Rexeita con dureza esa expresión que tantas veces escoita de que é un escritor “periférico”, entrégase ata o máis profundo a prol da lectura en galego. Agustín escribe/fala dun xeito nidio das súas conviccións. E faino con claridade, dunha maneira intensa, porque está convencido do que fala/escribe. Por iso, Agustín emociona nas súas intervencións en diferentes foros. As súas consideracións, como creador comprometido coa nosa cultura, sobre o trato recibido en Galicia tanto polo libro coma pola lecturaestán expostos cunha claridade exemplar.

Con Manuel Bragado e Antonio
Gustoume especialmente a explicación sobre a cantidade de protagonistas femininos nas súas novelas ou nos seus contos. Algo que deben ler eses que fan fincapé neste punto, algúns cunha certa ironía non moi positiva. Os seus argumentos son incontestables. Marabilloso tamén o discurso no IES Os Rosais 2, no acto de despedida da promoción de Bacharelato  do 2007, que coincidiu coa xubilación como docente do autor. É este un discurso para telo presente, abrilo, lelo e relelo e aprender del cada día. Podía estar perfectamente nesta segunda parte, por iso fago alusión a el aquí. Ou esas Oito doas para San Simón que, co ditame dos XXVI Premios Xerais, conseguiu emocionar e poñer o público en pé. Esta segunda parte componse de artigos publicados en diversos medios , de intervencións en mesas redondas, de peticións recibidas variadas e foros internacionais.

Non quero esquecer o método que nos explica sobre a creación de historias a partir das páxinas dun xornal. Un feito que deu lugar a un dos libros que máis me impactaron no seu momento:  Contos por palabras.

Tampouco non quero pasar por alto algo que xa comentei anteriormente: o malestar que lle produce a expresión “escritor periférico”. “Un artista nunca é periférico (…) Periférico de que? E collo o globo terráqueo, o que estaba no cuarto da miña filla cando era pequena, xíroo ata colocar Galicia fronto a min, e vexo que nós tamén somos o centro do mundo (…) O centro do mundo está onde estou eu (…)"

Claro e rotundo Agustín. Son as súas propias verbas. Tampouco quero deixar atrás, aínda que deixei moitos outros temas, o fermoso conto, Reflexións sobre a precariedade laboral, que se publicou posteriormente no Boletín Galego de Literatura en 2004. Un conto duro e irónico. Un conto crítico. Un conto co que pon remate a esta segunda parte.

Que quede claro que eu non estou a facer unha crítica deste libro. Nin boa nin mala. Eu non son crítico. Eu son un lector, unha persoa que gozou coa lectura  O rastro que deixamos. Unha persoa que se sentiu cómplice do autor en moitísimas partes do libro e que, unha vez rematado, quere moito máis o amigo. Agustín consegue que todo o que escribe soe a verdade. Por iso, querémolo tanto.





ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
                                                                                         

martes, 15 de enero de 2013

A luz das palabras (4): Agustín Fernández Paz

Prometín que non ía falar de Agustín. Nun momento que todos son homenaxes, máis que merecidas, crin quedar sen palabras para poder falar do mestre. Mais non foi así e comecei a pensar nel. Imposible dicir algo novo que non tiveran dito xa antes persoas máis cualificadas ca min. Entón deixeime levar polas miñas sensacións cara a el.

Agustín, mestre de mestres na escola, guía de mestres no pedagóxico, inventor dun mundo de seu literario no que vivimos todos os que amamos a boa literatura e seguimos o ronsel das súas palabras dende tantos puntos de vista que el nos foi descubrindo dende hai ben anos.

Agustín Fernández Paz ten unha ética relacionada intimamente coa súa poética. Agustín é o escritor máis elegante e coidadoso que eu lin en galego xunto con Carlos Casares e Manuel Veiga. Unha prosa limpa que te envolve sen decatarte e que te leva polos sendeiros máis comprometidos da vida. Unha vida complicada que cos libros de Agustín semella máis nidia. Toca moitos paus na súa literatura. E sempre o fai dende o coñecemento do que escribe, moi informado cando trata temas delicados, moi próximo a Lovecraft nos libros de terror e sensible coas redes de sentimentos do ser humano.Gústalle a aventura, tanto interior coma exterior, deixa nas súas obras referencias musicais, cinematográficas ou literarias.

Vexo de cando en cando a Agustín. Falamos de cinema, de literatura, de música. Non hai moito tempo estivemos hora e media na cafetaría Jamaica parolando sen ser conscientes do tempo que pasaba. Eu regaleille dous cedés de Paco Ibáñez (o último, marabilloso, no que Paco canta aos poetas latinoamericanos) e el tróuxome dedicados dous libros, un deles ese extraordinario O rastro que deixamos (Ed. Xerais). Un libro moi especial que ole a memorias en retallos, tan claros coma nel é costume e que nos achega ás súas fontes como creador, ás súas vivencias como home e todo aquilo que para el significa ser escritor, oficio que o axudou a acadar a forza necesaria para cambiar o mundo por medio da palabra.

Desta volta falamos de cine. Eu díxenlle que non atopaba a versión orixinal do film de David Lynch, Unha historia verdadeira, e el faloume da emoción que lle producir a escoita do último disco de Luis Eduardo Aute, El niño que miraba el mar, algo que me encantou oír porque a min me sucedeu o mesmo.

E nesta conversa, pedinlle algo que tivera escrito para Versos e aloumiños. E Agustín, un home xeneroso coma poucos, ofreceume, tras pensar un pedazo, un relato semiinédito (dérao nunha ocasión a un instituto para a súa revista) dun fato de contos curtos que algunha vez se puxera a escribir e ten gardados esperando o seu momento de saír á luz.

Agustín ten moitos premios gañados pola súa potente obra. Ben merecidos, por outra parte. Pero o premio máis importante que ten o de Vilalba é o de ser querido por todos os que o coñecemos e todos e todas os que o leron. Ese é o premio máis querido polos escritores. Grazas, compañeiro!


Gocemos con este breve conto de Agustín Fernández Paz, un luxo para este modesto blog.



UN CASO DE LICANTROPÍA
   Conforme pasaban os minutos, a insolencia daquela alumna ía en aumento. Xa non se trataba só do seu ostentoso desprezo polas explicacións que o profesor, con paciencia infinita, tentaba enfiar naquel ambiente hostil. O peor era que, ademais, a moza dedicábase a atraer a atención do resto da clase con procedementos cada vez máis imaxinativos. Ao contrario que a do profesor, a actuación da moza acadaba, por que non dicilo, un éxito de público cada vez maior.
   Atentos como estaban ás impertinencias da súa compañeira, os alumnos non se decataron das transformacións mínimas que anunciaban o desastre: o medre desmesurado das uñas, as grosas sedas que apareceron polas partes visibles da pel, o sangue coloreando o branco dos ollos, os cairos afiados que asomaban por entre uns labios anormalmente inchados, a mudanza na forma e no tamaño das orellas, a desfeita nas costuras da chaqueta e do pantalón...
   Cando foron conscientes do que ocorría, era xa demasiado tarde. Algúns aínda tiveron un tempo fugaz para pensar en balas de prata e en cruces invertidas, e na ausencia da lúa chea, máis evidente no ceo azul daquela mañá de primavera, e noutras inútiles fantasías literarias e cinematográficas, tan afastadas do ámbito docente e do rutineiro mobiliario escolar que os rodeaba.
   Así de terribles e inagardados son algúns fenómenos de licantropía.


viernes, 8 de julio de 2011

Antonio García Teijeiro en la Feira do Libro de Vigo


Pese a que el clima no acompañó demasiado, la firma de libros de Antonio García Teijeiro en la Feira do Libro de Vigo el pasado miércoles 6 de julio resultó todo un éxito. Antonio tuvo la oportunidad de charlar con los muchos lectores que se acercaron por el stand en el que estaba autografiando ejemplares de sus obras en la Plaza de Compostela, lugar en el que tradicionalmente los lectores vigueses tienen una cita anual con la literatura.

Al concluir su firma de libros, Antonio asistió a la presentación de Non hai noite tan larga, la última novela de Agustín Fernández Paz, que desde aquí aprovechamos para recomendar sin reservas. En dicha presentación participaron, junto al autor de la novela, Manolo Bragado y la periodista Teresa Cuíñas, quienes glosaron esta nueva obra de Agustín y entablaron una muy interesante conversación con un escritor que, además de un buen amigo de Antonio, es, sin duda, uno de los mejores narradores de la literatura gallega actual.

Antonio firmando un ejemplar de una de sus obras en la Feira do Libro de Vigo el pasado miércoles

De izqda. a dcha.: Manolo Bragado, Agustín Fernández Paz, Teresa Cuíñas y Antonio García Teijeiro

martes, 28 de junio de 2011

Artículo para A Nosa Terra: “Hoxe non quero escribir”


El artículo que Antonio García Teijeiro publicó este mes en el diario A Nosa Terra se titula “Hoxe non quero escribir” (“Hoy no quiero escribir”), pero pese a su título, Antonio sí habla en él, y mucho. Con las Variaciones Goldberg de Bach interpretadas por ese genio que fue Glenn Gould como música de fondo, el artículo repasa el último libro de Agustín Fernández Paz, reflexiona sobre la vida y la literatura de la mano de los diarios de Jules Renard, menciona a un Bob Dylan que ha cumplido ya 70 años y recuerda al recientemente fallecido escritor Juan Farias (en la foto de la izquierda). Podéis leer el artículo completo en el siguiente enlace.

El escritor Agustín Fernández Paz