lunes, 25 de junio de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (48) "O que sei do silencio", de Andrea Maceiras







TÍTULO:  O que sei do silencio


AUTORA:  Andrea Maceiras




EDITORIAL:  Edicións Xerais.  COLECCIÓN: Fóra de Xogo




Estiven ata  ben entrada a madrugada para rematar unha historia que me seduciu moito. Non fun quen de abandonala ata que acabei a derradeira liña, a derradeira páxina.

     Andrea Maceiras escribiu unha novela máis que interesante: O que sei do silencio, finalista do Premio Raíña Lupa, 2017. Un relato estremecedor sobre o  acoso escolar. Non é doado aportar matices novos ás historias sobre este tema que están a proliferar na LIX actual, pero Andrea Maceiras conseguiuno. E fíxoo a través da estrutura e da figura de Delia, unha acosadora pasiva con Silke coma vítima, unha rapaza sueca recén chegada ao instituto para cursar 3º de ESO.

    
Andrea Maceiras (Foto E.Xerais)

     Unha historia de silencios cómplices que rachan posteriormente cando Delia, pasado un tempo, decide crear un blog para contar o sucedido. Para contar como se lles foi das mans algo que non debía suceder. Ela mesma afirma que "son unha covarde". E afirma, tamén, o inútil que se sentiu  (era bastante asociable e precisaba de amigas que a visibilizasen) e como se deixou levar por compañeiras acosadoras como Xulia, Lara e Daniela por medo á soidade.

     Por iso, Delia abre un blog no que vai contando o sucedido. Un acerto da autora esta estrutura, porque, ademais das diversas narracións da rapaza, aparecen testemuños de Marcos, indiferente el ao longo dos acontecementos, e de persoas alleas que dan as súas opinións arredor do que len no blog.

     Salientar, tamén, os contos dunha tal Leaena Hiems, recollidos nun suposto volume co nome de "De cando fun serea". Contos de países remotos, de princesas e príncipes que teñen unha carga emocional grande e que están en sintonía co espíritu do relato.

     Hai moita crueldade na novela. Unha crueldade que fere, Pero hai tamén unha visión da vida que posúe graos diversos de sentimentos, pasos adiante e pasos atrás, reflexións e remorsos. Hai covardía pero tamén desexos afogados de asumir actitudes positivas.

     Os personaxes están moi ben perfilados -Silke é unha rapaza admirable- e a acción non só é crible senón que te convida a pensar fondamente no que alí se conta.

     
Asinando

     Encántame a escrita de Andrea Maceiras. Sígoa dende hai tempo e afirmo que é unha das mellores escritoras desta nova xeración de autoras que non só escriben de marabilla, senón que poñen o dedo na chaga da realidade que se está a vivir hoxe en día. E fano con vocación literaria. Un gran mérito pola súa parte. Denunciar, sen esa vocación literaria, sería todo menos literatura e iso ben o sabe a autora, que desenvolve a acción con moita medida e con moita intelixencia.

     Novela, sen dúbida, moi necesaria O que sei do silencio. Unha novela na que a palabra acada unha nova dimensión para explicar, literariamente, silencios que queren deixar de ser crueis para facer máis auténtico o ser humano.

     Altamente recomendable, esta novela é un paso máis na traxectoria magnífica de Andrea Maceiras que xa demostrou a súa calidade con libros como Volverás, golfiño ou Europa Express, tamén editados por Edicións Xerais, entre outros, e que tanto me gustaran.

     
     Mil parabéns.

                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO