Europa
Express
Edicións Xerais de Galicia.
Col. Fóra de Xogo.
2015
De novo, un libro de Andrea Maceiras. De novo,
unha proposta de literatura ben escrita. De novo, un pracer enorme entrar no
mundo que nos propón a escritora.
Unha novela, Europa Express, gañadora
do Premio Jules Verne de Literatura
Xuvenil 2015, que aposta pola boa literatura. Esa literatura que lectores
en formación deben demandar para ir acadando esa madurez en materia literaria.
Porque Europa Express está editada en Fóra de Xogo (Edicións Xerais), pero Europa Express é unha
novela para adultos e para todos aqueles que se queiran achegar á palabra ben
empregada. Isto é algo constante na brillante traxectoria de Andrea Maceiras.
Estamos diante dun relato coral, que se
move entre dous planos: dez anos antes e na actualidade. Os capítulos van
alternado a voz narradora: a terceira persoa cando se rememora o tempo pasado e
a voz dos diferentes protagonistas (1ª persoa) no momento actual. Unha
estrutura moi ben deseñada que presenta ademais a historia en tres bloques: I. Sen notificación de recibo.II.
Xiro Postal. III. Franqueo en destino.
Dez
anos atrás, ao remataren o bacharelato, sete mozos viaxan xuntos por Europa en
Interrail. Unha viaxe que os vai abrir a realidade da vida, á complexidade das
relacións persoais e á procura do amor nunha situación nova que compartirán á marxe do ambiente familiar.
A traxedia acompaña o remate desa viaxe, aparecen as dúbidas, algúns deles cuestionan a vida actual, mentres o espírito de Xacobe latexa no máis íntimo. Procuran as causas de algo que está dentro deles, aínda que talvez intenten esquecer, temen as respostas e mesmo Aroa é reticente de revolver no pasado.
Malia isto, Nico, un deles, organizará unha festa de reencontro, tras dar cunha postal en Berguen que lle revelará certa información que o desacouga e que o levará a plantearse que ocorreu naquel fatídico acontecemento. Con máis ou menos ganas, os demais aceptan o convite e aparecerán as múltiples visións da vida.
Vista de Praga |
Encántanme as novelas psicolóxicas cando están ben escritas e ben artelladas. Europa Express cumpre con todas as características que lles esixo. O relato vai medrando a medida que te internas nel, cunha alternancia de lugares, personaxes e tempos narrativos que lle dan consistencia. Non perde endexamais o interese, pois a intriga está moi ben levada e queda moi ben descrita a esencia da mocidade. Esa esencia que perdura na memoria dos protagonistas malia semellar efémera.
Un libro para gozar. Unha desas obras que
te reconcilian cos seres humanos e coa boa literatura. Unha obra que salienta a
forza da palabra. Unha palabra que marcará a necesidade de poner en orde os
pensamentos. Unha obra para reflexionar e para sentir o vento acariciador da
liberdade tanto interna coma externa das
persoas.
Un verdadeiro pracer perderse entre as
súas páxinas.
Parabéns para a autora.
ANTONIO GARCÍA
TEIJEIRO