Tempo de Nadal. Luces que cegan. Miserias que se agochan.
Rebumbio. Ledicia (falsa
ou real?). Reunións familiares. Apertas e emocións. Compras e gastos. Viaxes e
reencontros. Bágoas e bailes. Ilusións e
compromisos. Risas sinceras e das outras.
Todo é branco en cadros, postais e películas. Comidas excesivas e cava.
Desexos de paz, de amor, de saúde.
No medio de todo, soan as panxoliñas. As
de sempre e algunas outras, en inglés, en galego ou en castelán.
Decidín facer unha aportación en Versos
e aloumiños: agasallarvos uns poemas de Nadal, talvez algo diferentes.
Uns teñen música; outros non. Pero quero compartilos e que sexades felices.
Así que, se vos apetece, podedes lelos sen
compromiso.
Para todas e todos vós.
Que a luz de Nadal vos deixe seguir
pensando os que o facedes.
A
LUZ DO NADAL
Os nenos camiñan
e xogan e brincan
na rúa calada
que cobren de
risas.
E inventan
trouleiros
palabras de neve
que borran as
penas
que a terra non
quere.
Cantigas e risas
veñen anunciar
que peta na porta
a luz do Nadal.
Un Nadal que
amose
como vai a vida.
Un Nadal que cure
con paz as
feridas.
Un Nadal
que abrigue.
Un Nadal
Turrón!
Un Nadal
que acougue
Un Nadal
Canción!
PINTAN
AS VERBAS DE PAZ
Bailan as nenas
douradas.
Pintan as verbas
de PAZ.
Soñan e cantan e
xogan
Sonche todas ben
distintas.
Pintan as verbas
de PAZ.
Cartas escritas
no vento
para que as lea o
Nadal.
Soben e baixan
das nubes.
Pintan as verbas
de PAZ.
Rouban
folerpas no ceo.
Brincan collidas
da man.
Saben que a dor
mancha a Terra.
Borran disparos e berros.
Queren que fale o
Nadal.
Queren tocar as
estrelas.
Pintan as verbas
de PAZ.
Queren que non
molle a chuvia
E que non minta o
Nadal.
PAPÁ NOEL
E este vello,
quen vén sendo?
Non me soa,
nin o entendo.
Ten a barba
branca e longa.
Vaia traxe
E que fai
o vello aquí?
Quizais veña
de París.
Home, non,
non é así.
Ben, iso
diralo ti.
Tanto ten,
pouco me importa…
Cala,cala,
anda na porta!
Carga
cun saco moi grande?
Si, que o dobra
cara adiante.
Ten un gorro
cun pompón
e un bandullo
de lambón?
Leva un traxe
colorado
O Apalpador. Ilustr. de Leandro Lamas |
e co cu
non dá amañado?
Tantas cousas
eu non vexo
mais semella
algo tatexo.
Ah! Xa sei,
ben sei quen é
Non é mago
nin é rei.
El está
no seu papel.
É Papá,
Papá Noel!!!!
CONSTRUÍNDO
SOÑOS
Constrúen
os nenos
mil soños de azul,
de verde, de
estrelas,
E non piden
lúas
nin ouro, nin prata.
Mais dóelles ver
persoas sen casa.
Rapazas, rapaces
collidos da man
son aspas que xiran.
Muíños de paz!
Son aves que
voan.
Son ollos que buscan
sorrisos sinxelos.
Panxoliñas ledas
con sabor a mar.
Voces que
acariñen
despois do
Nadal.
BEN
UN DÍA E OUTRO MAL .
A ledicia de
Nadal,
ben un día
e outro
mal.
Cando soan os
tambores
queda
sen cores.
E se soan as
trompetas
cobre o ceo
unha baeta.
Cando chegan os
Reis Magos,
ti comezas,
eu
acabo.
O soldadiño de
chumbo
cunha perna
pisa o mundo.
E se quere ir a
Belén
vai nun barco
de papel.
Por aí anda un
capitán
nunha
nube de verán
e ten balas de algodón
na pistola de turrón.
Sobre as rúas
Cantan chuscos
reiseñores.
Mais tamén a
chuvia anega
esperanzas que
hai na terra.
E no tempo do
Nadal
uns van ben
e algúns van mal.
Co que ocorre
cada día
vai por barrios
a alegría.
TODOS
A BELÉN
Todos a Belén.
Uns imos nun
burro,
outros van no
tren.
Din que nun
portal
un neno naceu.
Vaia, que
ocorrencia!
Polo que lle deu!
Unha bolboreta,
que non voa ben,
encarga un
billete
para ir no tren.
Quere ver o neno
a bolboretiña
e quere pedirlle
ás de prata fina.
Mais dinlle que o
neno
dorme nun
presebe,
mentres fóra caen
folerpas de neve.
Ai, a bolboreta,
que non voa ben,
vai quedar na
casa.
Non irá a Belén.
Cáenlle unhas
bágoas,
cando marcha o
tren.
Xa sabe que nunca
vai voar moi ben.
Dez e dez son
vinte.
Dez por dez son
cen.
Bela bolboreta,
voa ata o roibén.
HOUBO
UN TEMPO DE NADAL
María ten unha
tenda
de brancos soños
bordados.
Xosé, que é un bo
carpinteiro,
fai mobles para
gardalos.
E o neno recorta
bicos
de menta e
doutros sabores.
E planta no seu
xardín
apertas, chanzas
e flores.
E xoga cos
rapazolos
no medio e medio
da praza.
Rapaces ben
diferentes
que berran,
brincan e danzan.
E móllanse,
móllanse todos
baixo a chuvia
agarimosa.
E van de estrela en estrela
enchendo o ceo de
rosas.
E na tenda de María,
cando quedan sen
bordados,
o neno e mais os
amigos
secan os rostros
mollados.
E Xosé bota un
sorriso
do xeito máis
natural.
E lembra que
noutro tempo
se celebraba o
Nadal.
SORRISOS
DE CORES
En cada estrela,
un sorriso
de moitas, de moitas
cores.
Sorrisos verdes
vermellos
amarelos
Sorrisos de mar azul,
de lúa chea
ou salgados.
Mais algúns
talvez baleiros;
outros, de lume
ou calados.
Un sorriso en cada estrela
e raiolas nas olladas.
Cancións que aneguen a
terra
de caricias desexadas.
En cada estrela, un
sorriso.
Un sorriso universal
de agarimo e de xustiza
sen
carautas de Nadal.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO