Mostrando entradas con la etiqueta embora. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta embora. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de diciembre de 2020

A LUZ DAS PALABRAS (75) Xosé Neira Vilas

 




Nesta nosa sección A luz das palabras, un home dunha transcendencia indiscutible na cultura e literatura galegas: Xosé Neira Vilas. E a súa luz no noso blog-revista son dous contos fermosísimos e ben curtos que están no seu precioso Aquel neno, que en xullo de 2013 publicara Edicións Embora.

     En Versos e aloumiños veneramos a Neira Vilas pola contribución, tanto poética coma narrativa, que deu á nosa LIX. E non só.

E temos un agradecemento moi particular para Miguel Toval quen, dende Embora, nos permitiu publicar este dous textos e, ademais, tivo o detalle de enviarnos os dous debuxos maxistrais de Xosé Vizoso que os acompañan no libro e nesta luz das palabras que tanto queremos

     Grazas, Miguel, de corazón.

 

 


 

Di Neira Vilas no limiar (co título de Motivación) de Aquel neno, un monllo de relatos curtos dun contido claramente biográfico que “ todo home leva por vida un neno dentro de si (e toda muller leva unha nena). E inda que teña cen anos ou máis o neno aparece nel cada pouco, porque ninguén esquece, ninguén desbota o neno que deixou atrás. E cando pretende arredarse del, fuxir do que foi nos primeiros anos da súa existencia, perde o rumbo e fai toladas”.

                 

         Xosé Neira Vilas (Foto de Santos Díez)

     Ninguén dubida de que Neira Vilas levou dentro del o neno que foi. El recoñéceo. E engade que ese neno que foi -o do libro do que tiramos os contiños- pode chamarse Balbino, Moncho, Toño, Lelo etc., ou sexa, pode ser máis ou menos algún deses seus nenos literarios, mais tamén, aclara, “pero tamén pode ser o neno que eu mesmo fun e que aínda que queda lonxe o sigo sendo, non o do carné de identidade, nin o do pasaporte, nin o que aparece na cuberta deste e doutros libros dos que son `culpable´, senón de Pepe de Santiaguiño, ou Pepiño de Gres, que así me chamaban cando comezaba a atoutiñar sobre a codia do mundo”.


     E deixa moi claro o noso autor que os escritores e escritoras non deixan de falar dos demais cando falan de si mesmos.

     E ten moita razón.

 

 


 

Escribir

 

DESPOIS DAS PRIMEIRAS LETRAS QUE LLE deprendeu o Avó foi á escola. Para el era todo un milagre iso de levar a fala a signos, poñer en figuras o que se dicía ou se cantaba, unha oración ou unha maldición. Non só escribía no encerado ou nalgún papel. Riscaba palabras no po do camiño, na parede branca da igrexa e tamén na tona mol dalgunhas árbores coma olmos ou ameneiros, na primavera, usando a aguillada de levar as vacas ou unha navalla. E un día falou con el na fonte Engracia, aquela mulleriña pobre, coxa, analfabeta. Pediulle que lle escribise unha carta para o seu irmán que estaba en América. E foi á casa dela e escribiu a carta, na que lle puxo cousas moi bonitas que se lle ían ocorrendo. E así unha e outra vez. Tamén lle lía as que ela recibía do irmán. Andou niso máis dun ano ata que Engracia dixo que se acababan as cartas porque seu irmán morrera.

 

 

                                                                             (Debuxo de Xosé Vizoso)

 

A morte

 

VIU MORRER Ó AVÓ. ERA POLA TARDIÑA. TODOS andaban no agro, na recolleita das patacas debaixo da viña na cabeceira da leira grande. O Avó faláballe algo, pouco e con voz roufeña e encerellada. No tallo que tiña ó pé da cama apousaba aquel resto de lapisiño amarelo cunha goma no cabo, co que anotaba o pouco que tiña que anotar. Foino collendo coa man dereita e deullo ó neto, que se puxo moi contento. Tiña os ollos medio pechados e xa case non falaba. Nunha desas pediulle auga e foilla buscar. Colleu o tanque e encheuno no balde que apousaba na laceniña da parede e levoulla. Auga fresca que trouxeran esa mañá da fonte das penedas. Deulla. Bebeu un gurrucho. Logo pechou totalmente os ollos. Ampeaba. Pouco despois, nada. Estaba morto. O neno decatouse. Deulle un bico e botouse a chorar. Seguía chorando cando seus pais e mais a Avoa chegaron do agro.


                                                    Debuxo de Xosé Vizoso 




viernes, 22 de febrero de 2019

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXI): "Poemas con canela", de Miguel Anxo Romero







MIGUEL ANXO ROMERO

Ilustracións: Leandro Lamas

Poemas musicados por Bárbara Mourelo



Don Saltón, na campía,
éche todo un campión,
salta trevo e margaridas
Miguel Anxo Romero
entre grande admiración.

Don Caracol, moi pasmado,
   recoñécelle o tesón.
Dona Oruga, moi teimuda,
   chúfalle ser tan guasón.

Son Saltón, elegante,
chouta sen preocupación,
dando chimpos de xigante
causa grande admiración.

Todos gaban a afouteza
   dese grande corazón
mentres el segue choutando
   fachendoso e fortachón.





Viña o comboio cantando
   na raia de Portugal,
e aínda que eu fago mal,
  acompañábao asubiando.
Viña enchoupando de fume
   os ventos da miña aldea,
e anque cheira que alcatrea,
  gustábame aquello arume.
   Viña moi parsimonioso
   cun musical chucuchú,
 que facía moverme o cu
e ao velo estaba orgulloso.
Viña, en fin, de cando en vez
   o comboio pola terra.
E agora que xa non berra,
  lémbrame a miña nenez.




Heivos contar dunha amiga
   unha historia interesante
que debaixo dunha pedra
   atopou un elefante.

Os expertos máis famosos
pensaron que era un mutante
   e levárono de mostra
para un museo importante.

Pero o bicho esmorriñaba
se non tiña á nena diante,
Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas
   todo o día inapetente,
tristeiro e de mal talante.

Mais deron coa solución
cunha amizade constante
traballando cada día
coa rapaza de feirante.





O ratiño roía,
escoitábao furar,
eu deitado na cama
a medio durmitar.
O ratiño alí estaba,
tacatá a traballar,
eu ao axexo agardando
para podelo cazar.
O ratiño saía
e botaba a correr.

Mais eu xa neses intres
durmía a todo pracer.







                        (Do libro Poemas con canela, editado por Edicións Embora, 2018)









domingo, 1 de febrero de 2015

NOA É A NENA DO PARQUE (OU CANDO AS NARRACIÓNS MEDRAN COAS PERSOAS).



     
Os meus fillos, Antón e Noa.
     Adoro os meus fillos. A súa existencia permíteme ver claro nos espazos sombrizos que debo ocupar acotío.
      
     Son bálsamo diante das necidades que nos agasalla a vida.
      
     Son a causa de moitas decisións tomadas que, de non ser por eles, irían por camiños diferentes. E seguro que máis pobres.
      
     Axudan a ver a vida con distancia; o horizonte, como punto de encontro; as apertas, como necesidades fondas; as palabras, como medio para abrir canles; os seus proxectos, como gromos de flores coidadas no xardín dos afectos.
      
     Moitos pensaredes que a este home lle deu unha arroutada de nostalxia familiar, non?
      
     Pois nada máis lonxe da realidade. Non é nostalxia: é agarimo e recoñecemento a unha traxectoria impecable. Chea de soños.
      

     No ano 1989 publicouse, con ilustracións de Penlope Ares, o libro Noa (Galaxia. Col. A chalupa), un conto sinxelo, ecolóxico, cun punto crítico, no que a miña filla, que daquela tiña cinco anos, foi a fonte de inspiración para crear a protagonista. Ambas compartían, ademais, o nome.
      
     O libro era unha coedición e saíu en todas as linguas do Estado.
      
     Pasaron vinte e cinco anos e o libro, loxicamente, quedou descatalogado. En min bulía a idea de recuperalo. De facelo medrar. De axustalo á figura daquela nena marabillosa, a miña filla, que se fixo muller. Homenaxeala, dalgún xeito, e dicirlle, outra vez, o importante que é para min. Sábeo ben, pero non está de máis demostrarllo.
       
Noa pequeniña.
     Un día púxenme a iso. Transformei o relato. Incluín algúns poemas, cambiei o desenvolvemento da historia, engadín certos feitos ditos e vividos pola miña filla e o resultado foi un conto que me deixou moi feliz. Nel estaba o espírito de Noa.
      
     Daquela, quería que alguén o publicase. Era un conto curto pero dun valor afectivo para min ben grande. Ofrecinllo a Edicións Embora. E Miguel Toval non dubidou en aceptalo. Sentinme de marabilla. Era un relato longo para un álbum e curto para un libro de peto.
      

     Acabo de recibilo. As ilustracións de portada e interiores son de Nuria Díaz. Gústanme. Saíu en rústica, cun deseño elegante. O libro é delgado, mais posúe un carácter simbólico enorme.
      
     Noa, xa muller, é a destinataria destas páxinas. E Libby, a andoriña que vive nos EE UU, voa da súa man polo parque xa verde.
      
Noa e Libby. Decembro 2014.
      Que feliz me sinto, ao ver que a literatura pode vestirse coa roupa dos afectos sen deixar de ser literatura. Ou iso, alomenos, foi por riba de todo o meu propósito. Non sei se o conseguín.
      
     E chegado a este punto, quero referirme a un mestre fundamental, á hora de escribir esta clase de contos: Fernando Alonso. Nel, nos seus relatos, inspireime para crear  A nena do parque. No seu estilo, directo, espido, de linguaxe coidada, crítico… bebín para utilizar as miñas ferramentas literarias. Con elas artellei esta historia e moitas outras.
      
Con Fernando Alonso en Fuenlabrada. Maio 2014.
     Quero deixar aquí, ben clara, a influencia do autor d´O homiño vestido de gris e outros contos, cando escribo narrativa curta. Unha influencia que non nego e da que me sinto ben fachendoso.
      
     Así que, xa na rúa A nena do parque, cumpro un obxectivo que me marquei hai xa tempo: que Noa tivese esta narración máis preto dela, se cadra, e que estou moi contento de que servise de modelo para protagonizar unha historia poética e crítica como é ela.
      
     Bicos, Noíña.





                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO