Mostrando entradas con la etiqueta a nena do parque. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta a nena do parque. Mostrar todas las entradas

domingo, 10 de mayo de 2015

A NENA DO PARQUE: NOA, DÚAS DÉCADAS DESPOIS

Versos e aloumiños quere agradecer a Maria do Carmo Duarte, profesora de lingua portuguesa nunha universidade estadounidense, a súa colaboración desinteresada ao ternos achegado a súa lectura dun dos últimos libros de Antonio García Teijeiro, A nena do parque, que saíu do prelo hai só uns poucos meses. Tiven a oportunidade de coñecer a María do Carmo no transcurso dunha conferencia na que participei hai pouco, e vendo o seu interese pola literatura en galego, decidín agasallarlle un exemplar e falarlle da obra do autor. Moi interesada polo que lle contei,leu o libro e correspondeu con esta breve crítica, escrita orixinalmente en portugués pero que eu traducín ao galego. Muito obrigado pelo texto, cara amiga Maria! (Antón García-Fernández)

Alá polos primeros anos da década dos noventa, Antonio García Teijeiro publicaba Noa, un sinxelo e emotivo conto adicado á súa filla que saíu á luz en varias das linguas de España: ademais de en galego e castelán, o libro, que formaba parte da pioneira colección La Chalupa, de Edicións La Galera, apareceu traducido ao catalán, ao aranés e a dúas variedades distintas de vasco. En novembro do ano pasado, Edicións Embora publicou A nena do parque, unha edición revisada e ampliada por García Teijeiro, quen nesta nova versión escribe un relato sobre a base do anterior pero con unha chea de modificacións e engadidos que o modernizan e fan aínda máis interesante.

O que non cambia, xaora, é a mensaxe ecolóxica, de respecto pola natureza e de loita por un futuro mellor que xa caracterizara a primeira versión. Pero fóra diso, non hai dúbida de que a Noa que protagoniza este novo título da xa longa bibliografía de García Teijeiro creceu, como tamén creceu o texto. N'A nena do parque atopamos novos personaxes que non aparecían en Noa, e como adoita facer o autor, temos agora versos interpolados que van subliñando unha trama que xa por si mesma é ben poética.





O libro vai adicado a Noa e á pequena Libby
Porque está claro que García Teijeiro é un poeta, un dos de maior relevancia LIX galega de hoxe, e iso nótase ben tamén nos seus libros de narrativa. A nena do parque podería considerarse sen maiores problemas prosa poética, unha prosa lixeira que non é difícil ler, pero que fai pensar a nenos e adultos sobre temas sociais, políticos e artísticos de moita importancia. N'A nena do parque, a pequena Noa vese na obriga de loitar contra a incomprensión dos maiores, cuxas decisións teñen sempre que ver con intereses económicos e doutros tipos que, por sorte, non caben na cabeza sensible e bulideira dos máis pequenos. E a súa loita ten éxito porque nace do agarimo e da sensibilidade, da esperanza por un mundo mellor que move as accións dos nenos e as nenas, sempre dispostos a falar coas estrelas, as árbores e os animais. Así se vai construíndo o universo poético e literario de García Teijeiro, que con esta Nena do parque, reactualización daquela Noa, consegue emocionarnos e facernos ver o mundo a través dos ollos esperanzados e esperanzadores desta nova Noa.

                                                       MARIA DO CARMO DUARTE



domingo, 1 de febrero de 2015

NOA É A NENA DO PARQUE (OU CANDO AS NARRACIÓNS MEDRAN COAS PERSOAS).



     
Os meus fillos, Antón e Noa.
     Adoro os meus fillos. A súa existencia permíteme ver claro nos espazos sombrizos que debo ocupar acotío.
      
     Son bálsamo diante das necidades que nos agasalla a vida.
      
     Son a causa de moitas decisións tomadas que, de non ser por eles, irían por camiños diferentes. E seguro que máis pobres.
      
     Axudan a ver a vida con distancia; o horizonte, como punto de encontro; as apertas, como necesidades fondas; as palabras, como medio para abrir canles; os seus proxectos, como gromos de flores coidadas no xardín dos afectos.
      
     Moitos pensaredes que a este home lle deu unha arroutada de nostalxia familiar, non?
      
     Pois nada máis lonxe da realidade. Non é nostalxia: é agarimo e recoñecemento a unha traxectoria impecable. Chea de soños.
      

     No ano 1989 publicouse, con ilustracións de Penlope Ares, o libro Noa (Galaxia. Col. A chalupa), un conto sinxelo, ecolóxico, cun punto crítico, no que a miña filla, que daquela tiña cinco anos, foi a fonte de inspiración para crear a protagonista. Ambas compartían, ademais, o nome.
      
     O libro era unha coedición e saíu en todas as linguas do Estado.
      
     Pasaron vinte e cinco anos e o libro, loxicamente, quedou descatalogado. En min bulía a idea de recuperalo. De facelo medrar. De axustalo á figura daquela nena marabillosa, a miña filla, que se fixo muller. Homenaxeala, dalgún xeito, e dicirlle, outra vez, o importante que é para min. Sábeo ben, pero non está de máis demostrarllo.
       
Noa pequeniña.
     Un día púxenme a iso. Transformei o relato. Incluín algúns poemas, cambiei o desenvolvemento da historia, engadín certos feitos ditos e vividos pola miña filla e o resultado foi un conto que me deixou moi feliz. Nel estaba o espírito de Noa.
      
     Daquela, quería que alguén o publicase. Era un conto curto pero dun valor afectivo para min ben grande. Ofrecinllo a Edicións Embora. E Miguel Toval non dubidou en aceptalo. Sentinme de marabilla. Era un relato longo para un álbum e curto para un libro de peto.
      

     Acabo de recibilo. As ilustracións de portada e interiores son de Nuria Díaz. Gústanme. Saíu en rústica, cun deseño elegante. O libro é delgado, mais posúe un carácter simbólico enorme.
      
     Noa, xa muller, é a destinataria destas páxinas. E Libby, a andoriña que vive nos EE UU, voa da súa man polo parque xa verde.
      
Noa e Libby. Decembro 2014.
      Que feliz me sinto, ao ver que a literatura pode vestirse coa roupa dos afectos sen deixar de ser literatura. Ou iso, alomenos, foi por riba de todo o meu propósito. Non sei se o conseguín.
      
     E chegado a este punto, quero referirme a un mestre fundamental, á hora de escribir esta clase de contos: Fernando Alonso. Nel, nos seus relatos, inspireime para crear  A nena do parque. No seu estilo, directo, espido, de linguaxe coidada, crítico… bebín para utilizar as miñas ferramentas literarias. Con elas artellei esta historia e moitas outras.
      
Con Fernando Alonso en Fuenlabrada. Maio 2014.
     Quero deixar aquí, ben clara, a influencia do autor d´O homiño vestido de gris e outros contos, cando escribo narrativa curta. Unha influencia que non nego e da que me sinto ben fachendoso.
      
     Así que, xa na rúa A nena do parque, cumpro un obxectivo que me marquei hai xa tempo: que Noa tivese esta narración máis preto dela, se cadra, e que estou moi contento de que servise de modelo para protagonizar unha historia poética e crítica como é ela.
      
     Bicos, Noíña.





                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO