martes, 15 de diciembre de 2020

A LUZ DAS PALABRAS (75) Xosé Neira Vilas

 




Nesta nosa sección A luz das palabras, un home dunha transcendencia indiscutible na cultura e literatura galegas: Xosé Neira Vilas. E a súa luz no noso blog-revista son dous contos fermosísimos e ben curtos que están no seu precioso Aquel neno, que en xullo de 2013 publicara Edicións Embora.

     En Versos e aloumiños veneramos a Neira Vilas pola contribución, tanto poética coma narrativa, que deu á nosa LIX. E non só.

E temos un agradecemento moi particular para Miguel Toval quen, dende Embora, nos permitiu publicar este dous textos e, ademais, tivo o detalle de enviarnos os dous debuxos maxistrais de Xosé Vizoso que os acompañan no libro e nesta luz das palabras que tanto queremos

     Grazas, Miguel, de corazón.

 

 


 

Di Neira Vilas no limiar (co título de Motivación) de Aquel neno, un monllo de relatos curtos dun contido claramente biográfico que “ todo home leva por vida un neno dentro de si (e toda muller leva unha nena). E inda que teña cen anos ou máis o neno aparece nel cada pouco, porque ninguén esquece, ninguén desbota o neno que deixou atrás. E cando pretende arredarse del, fuxir do que foi nos primeiros anos da súa existencia, perde o rumbo e fai toladas”.

                 

         Xosé Neira Vilas (Foto de Santos Díez)

     Ninguén dubida de que Neira Vilas levou dentro del o neno que foi. El recoñéceo. E engade que ese neno que foi -o do libro do que tiramos os contiños- pode chamarse Balbino, Moncho, Toño, Lelo etc., ou sexa, pode ser máis ou menos algún deses seus nenos literarios, mais tamén, aclara, “pero tamén pode ser o neno que eu mesmo fun e que aínda que queda lonxe o sigo sendo, non o do carné de identidade, nin o do pasaporte, nin o que aparece na cuberta deste e doutros libros dos que son `culpable´, senón de Pepe de Santiaguiño, ou Pepiño de Gres, que así me chamaban cando comezaba a atoutiñar sobre a codia do mundo”.


     E deixa moi claro o noso autor que os escritores e escritoras non deixan de falar dos demais cando falan de si mesmos.

     E ten moita razón.

 

 


 

Escribir

 

DESPOIS DAS PRIMEIRAS LETRAS QUE LLE deprendeu o Avó foi á escola. Para el era todo un milagre iso de levar a fala a signos, poñer en figuras o que se dicía ou se cantaba, unha oración ou unha maldición. Non só escribía no encerado ou nalgún papel. Riscaba palabras no po do camiño, na parede branca da igrexa e tamén na tona mol dalgunhas árbores coma olmos ou ameneiros, na primavera, usando a aguillada de levar as vacas ou unha navalla. E un día falou con el na fonte Engracia, aquela mulleriña pobre, coxa, analfabeta. Pediulle que lle escribise unha carta para o seu irmán que estaba en América. E foi á casa dela e escribiu a carta, na que lle puxo cousas moi bonitas que se lle ían ocorrendo. E así unha e outra vez. Tamén lle lía as que ela recibía do irmán. Andou niso máis dun ano ata que Engracia dixo que se acababan as cartas porque seu irmán morrera.

 

 

                                                                             (Debuxo de Xosé Vizoso)

 

A morte

 

VIU MORRER Ó AVÓ. ERA POLA TARDIÑA. TODOS andaban no agro, na recolleita das patacas debaixo da viña na cabeceira da leira grande. O Avó faláballe algo, pouco e con voz roufeña e encerellada. No tallo que tiña ó pé da cama apousaba aquel resto de lapisiño amarelo cunha goma no cabo, co que anotaba o pouco que tiña que anotar. Foino collendo coa man dereita e deullo ó neto, que se puxo moi contento. Tiña os ollos medio pechados e xa case non falaba. Nunha desas pediulle auga e foilla buscar. Colleu o tanque e encheuno no balde que apousaba na laceniña da parede e levoulla. Auga fresca que trouxeran esa mañá da fonte das penedas. Deulla. Bebeu un gurrucho. Logo pechou totalmente os ollos. Ampeaba. Pouco despois, nada. Estaba morto. O neno decatouse. Deulle un bico e botouse a chorar. Seguía chorando cando seus pais e mais a Avoa chegaron do agro.


                                                    Debuxo de Xosé Vizoso