O pasado venres, día 5 de
abril, no Fórum Metroplitano, A Coruña, tivo lugar un acto fermosísimo: POLAVILA
XABIER P. DOCAMPO, na memoria do grande escritor, Xabier Docampo,
que ese día cumpriría 78 anos.
Amigas e amigos,
institucións, asociacións e particulares foron a base dunhas horas de intensa
emotividade, nunha gala baixo a dirección de MªÁnxeles Roca, Paula
Carballeira e Chus Fernández.
Unha exposición
bibliográfica sobre o querido autor, coas adhesións recibidas das bibliotecas
escolares, unha sesión de contacontos para público familiar (Vouche contar
un conto) ou a lectura pública e continuada de Catro cartas,
un dos seus libros, por parte de amizades de Xabier.
![]()  | 
| Lectura de "Catro cartas" | 
E a partir das 20:00,
comezou a Gala PolaVila Docampo, no auditorio, conducida maxistralmente
por Paula Carballeira, Isabel Risco e Lois Pérez.
![]()  | 
| Paula, Isabel e Lois | 
Iniciouse cun pequeño vídeo
no que escoitamos unhas palabras de Xabier. Emocionante velo e escoitalo.
![]()  | 
| Xabier P. Docampo | 
Tras a presentación a cargo
das presentadoras (+Lois), Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín falaron
do homenaxeado con moito agarimo e emoción.
![]()  | 
| Xavier, Fina e Paco | 
Deseguido, Daniel Puente
Bello, fillo do escritor, leu os poemas do libro Mans,
apoiado nunhas marabillosas fotografías súas, nun emotivo silencio.
Dores Tembrás, Antía Otero e Antonio
García Teijeiro (Yolanda Castaño non puido asistir) leron poemas das súas
obras.
![]()  | 
| Dores, Antonio e Antía | 
De novo, lecturas de textos de Xabier, nas voces de amizades como Francisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco.
![]()  | 
| Chisco, Mercedes, Irene e Concha | 
A marabillosa Gala rematou
cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, Antonio Reigosa, María
da Pontragha e Paula Carballeira.
Uxía, a
nosa gran cantora, puxo a súa voz para emocionarnos coas súas cancións. Xunto a boa parte dos participantes e co público posto en pé cerrouse o acto cantando entre todos "O carro" de Manuel María (Fuxan os ventos).
![]()  | 
| Uxía | 
E o cartel marabilloso, que
anunciou esta homenaxe, foi obra do enorme ilustrador Xosé Cobas.
Un acto inesquecible para os
que alí estivemos na honra e na lembranza dunha persoa irrepetible. Imposible
esquecer o que ese serán vivimos.
Parabéns ás organizadoras,
porque o seu labor foi lucido e eficiente.
No vídeo que segue a estas palabras, podedes ver a miña intervención emocionada con dous poemas de Se falases de min (Cando caen as follas) e de Poemar o mar.
O acto serviu para atopar e abrazar os amigos e amigas, porque as distancias entre nós
non nos permiten un contacto directo. Nestas situacións a emoción e os afectos
estiveron presentes en boa parte dos reencontros.









