domingo, 27 de octubre de 2013

A LUZ DAS PALABRAS (30) Carlos Negro



Carlos Negro

Hoxe achégase a esta sección unha persoa que leva a poesía ben dentro, que fai dela unha fonte inesgotable de descubrimentos, tanto formais como de significado. Poesía próxima e, á vez, rompedora. Poesía que sabe amosar a todos aqueles e aquelas que asisten aos seus obradoiros e que saboreamos os seus lectores. Estou a falar de Carlos Negro (Lalín, 1970), licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, que respira poesía por todos os poros da súa pel.

Carlos Negro é docente. Carlos Negro é poeta. Sorte para os seus alumnos porque a concepción poética deste autor fai que os mozos se acheguen a ela sen medo. Carlos coida moito o fondo e as formas de tratar a poesía. Téñoo observado en mesas e conferencias e dá gusto escoitalo.
Capaz de facer poesía a partir da composición total dun vehículo, con olor a gasolina, a carburadores. Unha poesía frenética que avanza enlouquecida polos camiños máis difíciles, pouco iluminados, polas estradas perigosas sempre, por suposto, procurando palabras que deixen pegada nos lectores. É o caso, por exemplo, do seu magnífico libro de poemas Makinaria (Ed. Xerais, 2009)
O primeiro poemario que eu lin de Carlos Negro foi Far-west (Xerais, 2001) e sorprendeume a visión poética do autor. Unha poesía penetrante, con moita dor implícita que non te deixa impasible.

 

(…) nomes escondidos nas rutas da escravitude
          colombianas
          portuguesas
          angolanas

elas arrastran ollos mansos (ollos de vaca)
elas arrastran corpos descosidos (sacos rotos) (…)
         


Héleris, VII Premio Johán Carballeira, ex-aequo, consolidou a miña percepción sobre Carlos Negro. Neste home vive a poesía do cotián, do que está preto, da dureza; esa poesía que pon o dedo na chaga das persoas comúns que andan pola vida.
Héleris (Ed. Espiral Maior, 2003) paréceme o típico libro que debe estar sempre a man para facer relecturas varias, algo que os poemas están pedindo a berros. Un libro de cabeceira. Duro e emocionante.
                             

  
 
                                     I

VÉS ó mundo con camiseta branca de tiras.
Curtido desde a codia contra as lañas da friaxe.
Sen outra armadura que unha funda de faena.
E co destino atado á marralla das galiñas

                          
                                   II

         BAUTÍZANTE coa auga do pilón de cemento.
             Para que a alma se volva limpísima patena.
                                                         Cunca ben lavada nun territorio de esterco.



E Abelcebú ( Edicións Positivas, 2010) é un proxecto tan diferente como orixinal. Si, porque Carlos Negro precisa abrir camiños e afondar na terra onde tece os versos. Podiamos considerar Abelcebú como unha enciclopedia dos saberes do Demo, unha lupa grotesca que nos desvela as vergoñas do mundo. É un libro punzante, que rabuña e fai dano coa finalidade de facerche pensar con definicións que se moven entre o humor, a ironía, a amargura e o lirismo.
Non é, de ningunha maneira, unha obra menor. Vén a ser como unha senda diferente dentro do mundo literario deste home, Carlos Negro, que gusta de non delimitar as liñas da literatura e abofé que o consegue pois abre con amplitude o seu horizonte persoal.

  Vexamos algunhas definicións:

 Desamor: 1 Destete que se produce na parella cando se esgota a paixón. 2 Despoxo sentimental do que se alimenta unha caterva de avogados. 3 Alteración depresiva que provoca frecuentemente vómitos de carácter poético.

Descanso: Intervalo vital entre dous contratos temporais.

Goleta: Andoriña do mar.

Góndola: Embarcación para atracar turistas.

Monopolio: Ese privilexio exclusivo das relixións para venderen cadansúa verdade absoluta.

Saber: Ignorar un chisco menos do común, pero moito máis do necesario.





En Versos e aloumiños temos que darlle as grazas a este home comprometido ata o fondo coa poesía. Envíanos unhas mostras marabillosas do seu forno literario. Unha intelixente Autopoética e tres poemas do que agarda sexa o seu vindeiro libro de poesía.
Podemos pedir máis?
Verdadeiramente non.
Grazas, poeta, polo agasallo e intercede por nós ante Belcebú.

E  isto foi o que recibimos con gran gozo da nosa parte.

Con Marta Neira en Santiago

 Autopoética 2013



Importa o poema, non a poesía.



Debaixo da tona, procura as palabras (ou agarda por elas).



Desasosego, tensión, gozo, incertidume... (proceso da escrita).



O territorio do poema é unha gándara aberta.



O valor do poema: ser un pulmón, osíxeno lingüístico.



O poema transforma o complexo en evidente e o evidente en complexo (pero só desde a precisión estilística).



O poema acontece, non se dá de favor, esixe ir máis alá das propias conviccións, cara a ese espazo indeterminado onde nunca se está a salvo de cometer un erro necesario.



Ás veces (rara vez) un verso aparece e nos salva de todas as miserias.



Daquela, algo non estritamente lingüístico se ilumina e permanece.



             
                                TRES POEMAS DE CARLOS NEGRO



Barbie girl


O noso universo é rosa.



Rosas son os muros

da prisión das princesas.



Rosa o amor

e o estampado dos vestidos.



As fadas,

as bonecas,

a luz,

a laca de unllas,

as máscaras,

son todas rosas.



As portadas das revistas

que nos deseñan os soños,

feitas están

tamén

co fulgor tan delicado do rosa.



E eu,

pequena larva,

afogando

entre estas catro paredes

eternamente

de rosa.







Princesa (contra) Disney


Cuspo os chícharos



agochados no colchón



como se fosen balas.



Arrinco o vestido de seda.



Íspome e pego un berro



que escacha as porcelanas.



O cabelo longo semella atadura.



(As tesoiras fanme menos escrava).



Fuxo da torre.



Da mazá envelenada



da obediencia.



Fendo os ferrollos.



Pelo curto,



lingua solta.



Respiro fondo,



corro descalza.



Comezo a alancar



cara a esa gándara



máis alá dos espellos.



(Vaime volvendo a voz



que perdín en palacio).







 Es una chica chic? (Autocuestionario)



                                       Mordes as unllas ou lévalas á última?



As unllas úsoas para rabuñar a pel dos peluches.



Prefires barra de labios ou brillo?



Prefiro óxido na lingua, cuspe e dinamita.



Cal é a túa pose favorita?



A posición dunha percha no armario.



Estás apuntada a clases de dance?



Estou apuntada a unha danza de contradicións.



Gústanche os gatiños como mascotas?



Escollo o negro da pel da pantera.



Canto tempo pasas fronte aos espellos?



Procuro esquivalos para que non me devoren.



Cal é o teu mellor truco de beleza?



Dubidar, non sentirme evax fina y segura.



Como imaxinas a un chico dez?



Case tan perdido coma min, pero sen tetas.



Es feliz?



Nin se me pasa pola cabeza ser un parrulo no estanque.





              
Con Carlos Negro nunhas Xornadas en Santiago


                             Isto chámase facer poesía e achegala ás realidades das persoas para que reflexionen.
           
                             De novo, moitas grazas.