Cando un sábado do mes de
maio baixabamos pola rúa Urzáiz de Vigo Juan
Carlos Martín Ramos, Lurdes López
e mais eu, despois de recitar poemas de Manuel
María no Mercado do Calvario, fixo o meu amigo poeta esta reflexión en voz
alta: “Paréceme incrible que haxa de
facer aínda actos coma este para defender unha lingua propia”. Chegoume ben
fondo o comentario. E comecei a falarlle dos múltiples atrancos nos que aínda
atopa o galego no día a día en Galicia.
Comenteille, unha vez máis, a situación que o noso idioma está a vivir e o menosprezo
que aínda sofre nesta sociedade sen rumbo.
Notei que lle daba mágoa o que lle estaba
a dicir. Conversas que, por certo, xa tiveramos
noutras ocasións.
Viñamos dun acto da Plataforma “Queremos
galego” que nos convocaba a dicir poemas do noso poeta chairego no
mercado nun día chuvioso.
No acto lemos libremente versos de Manuel
María, individual e colectivamente. Cantamos e rematamos coa canción de Fuxan os Ventos, “O meu carro”.
E Juan Carlos Martín Ramos recitou en galego cun
agarimo emocionante. Co seu acento cordobés foi dicindo os versos do poema “A
palabra”, contido no poemario A luz resucitada:
a palabra.
Só a palabra verdadeira
pode
traducir a pecha
e insondábel
soidade do noso ser.
Só a nosa
palabra. A propia.
A que
pertence á nosa lingua.
A que
amamos. A que se usa,
coñece e
recoñece a nosa xente.
Sen a
palabra sería a pobreza,
a miseria
total, a impotencia,
a escuridade
eo non ser (…)
E así foi lendo
o meu amigo entre a emoción dos que alí estabamos reivindicando a presenza da
nosa lingua na normalidade cotiá.
Manuel María deixa ben clara, ao longo da súa extensa obra, a firme
decisión de comprometerse co uso do idioma do país. É algo que podemos
comprobar nos seus poemarios. Neles fai unha apaixonada defensa da lingua
galega, algo que se converteu nun tema habitual
nos seus escritos.
Como di Xosé Ramón Freixeiro Mato na introdución ao libro A
esencia máis nosa. Poemas sobre a Lingua Galega, editado pola Fundación
Manuel María de Estudos Galegos, 2015:
“é un tema recorente ( a defensa
do noso idioma ) unas veces como motivo central dun poema e outras como
referencia colateral. Sería moi difícil acharmos outro poeta que dedicase tantos
versos á exaltación do idioma galego, tema tamén moi presente noutros xéneros
cultivados polo autor”.
Nesta
introducción, Ferreiro Mato refire unas liñas contidas nun libro de conversas
de Manuel María con Xosé M. del Caño,
de 1990. Como podemos comprobar ao lelas, o poeta da Terra Chá ratifica o seu
radical compromiso co galego:
galegas, e o primeiro
idioma que aprendín tamén foi o galego,
por iso é que eu
podería renunciar a todo, incluso a un brazo,
a unha perna ou a un
ollo, pero non ó idioma.
Coido que non paga a pena insistir máis en
todo isto. Clara queda a postura de Manuel María. Unha actitude que nos debería
facer pensar. Que debería pousar no interior das galegas e galegos , os que o
noso autor quería tanto.
Rematamos "dardo poético" cun poema nesta
dirección. Uns versos que se atopan no poemario de 1993, Os lonxes do solpor, e que di así:
O
pobo que deixa perder a súa palabra
creada,
herdada, usada, revelada,
aquela
que lle é propia e singular,
está
empobrecendo o mundo
e
perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese
pobo vil
ollará
aniquilada a súa lembranza
e
o seu nome indigno
borrarase,
sen máis, do universo:
hai
agresiós á beleza e ao espírito
que
a vida non tolera nin perdoa.
Tomemos nota das sabias
palabras do poeta, porque debemos ser conscientes de que aínda queda bastante xente
que non se decata –ou non quere decatarse- destas cousas.
Unha
verdadeira pena.