Mostrando entradas con la etiqueta manuel maría.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta manuel maría.. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de junio de 2016

DARDO POÉTICO (XXXIV) : MANUEL MARÍA, O ESCRITOR QUE SE COMPROMETEU DE CHEO COA NOSA FALA





Cando un sábado do mes de maio baixabamos  pola rúa Urzáiz de Vigo  Juan Carlos Martín Ramos, Lurdes López e mais eu, despois de recitar poemas de Manuel María no Mercado do Calvario, fixo o meu amigo poeta esta reflexión en voz alta: “Paréceme incrible que haxa de facer aínda actos coma este para defender unha lingua propia”. Chegoume ben fondo o comentario. E comecei a falarlle dos múltiples atrancos nos que aínda atopa o galego no día a día en Galicia.
     
     Comenteille, unha vez máis, a situación  que o noso idioma está a vivir e o menosprezo que aínda sofre nesta sociedade sen rumbo.
    
Un momento do acto celebrado no Mercado do Calvario en Vigo
     Notei que lle daba mágoa o que lle estaba a dicir. Conversas que, por certo, xa tiveramos  noutras  ocasións.
     
     Viñamos dun acto da Plataforma “Queremos galego” que nos convocaba a dicir poemas do noso poeta chairego no mercado nun día chuvioso.
     No acto lemos libremente versos de Manuel María, individual e colectivamente. Cantamos e rematamos coa canción de Fuxan os Ventos, “O meu carro”.
 
Juan Carlos Martín Ramos le a Manuel María
     
     E Juan Carlos Martín Ramos recitou en galego cun agarimo emocionante. Co seu acento cordobés foi dicindo os versos do poema “A palabra”, contido no poemario A luz resucitada:


Nós, de verdade, únicamente temos
a palabra. Só a palabra verdadeira
pode traducir a pecha
e insondábel soidade do noso ser.
Só a nosa palabra. A propia.
A que pertence á nosa lingua.
A que amamos. A que se usa,
coñece e recoñece a nosa xente.
Sen a palabra sería a pobreza,
a miseria total, a impotencia,
a escuridade eo non ser (…)

     
     E así foi lendo o meu amigo entre a emoción dos que alí estabamos reivindicando a presenza da nosa lingua na normalidade cotiá.

     Manuel María deixa ben clara, ao longo da súa extensa obra, a firme decisión de comprometerse co uso do idioma do país. É algo que podemos comprobar nos seus poemarios. Neles fai unha apaixonada defensa da lingua galega, algo que se converteu nun tema  habitual nos seus escritos.

     

     
     Como di  Xosé Ramón Freixeiro Mato na introdución ao libro A esencia máis nosa. Poemas sobre a Lingua Galega, editado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 2015“é un tema recorente ( a defensa do noso idioma ) unas veces como motivo central dun poema e outras como referencia colateral. Sería moi difícil acharmos outro poeta que dedicase tantos versos á exaltación do idioma galego, tema tamén moi presente noutros xéneros cultivados polo autor”.
    
     Nesta introducción, Ferreiro Mato refire unas liñas contidas nun libro de conversas de Manuel María con Xosé M. del Caño, de 1990. Como podemos comprobar ao lelas, o poeta da Terra Chá ratifica o seu radical compromiso co galego:

As primeiras verbas que pronunciei na miña vida foron
galegas, e o primeiro idioma que aprendín tamén foi o galego,
por iso é que eu podería renunciar a todo, incluso a un brazo,
a unha perna ou a un ollo, pero non ó idioma.

     
     Coido que non paga a pena insistir máis en todo isto. Clara queda a postura de Manuel María. Unha actitude que nos debería facer pensar. Que debería pousar no interior das galegas e galegos , os que o noso autor quería tanto.
     
     


     Rematamos "dardo poético"  cun poema nesta dirección. Uns versos que se atopan no poemario de 1993,  Os lonxes do solpor, e que di así:


O pobo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é únicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese pobo vil
ollará aniquilada a súa lembranza
e o seu nome indigno
borrarase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ao espírito
que a vida non tolera nin perdoa.

    
     Tomemos nota das sabias palabras do poeta, porque debemos ser conscientes de que aínda queda bastante xente que non se decata –ou non quere decatarse- destas cousas.

     
     Unha verdadeira pena.


martes, 17 de mayo de 2016

MANUEL MARÍA AMABA FONDAMENTE OS NENOS E NENAS DE GALICIA

Manuel María



Sen coñecer a súa figura, a súa obra, non sei se tería chegado a escribir tantos poemarios para os pequenos (e non tan pequenos).
     
      Os soños na gaiola significou para min a constatación de que aos nenos e nenas lles gusta a poesía. Camiñei a través dos seus versos para ir deixando no meu alumnado de hai máis de trinta anos a semente da poesía.
     
    



      Coñecelo foi un pracer.
     
     Compartir algunhas mesas redondas  con el e, sobre todo, deixar no aire os meus versos xunto cos de Manuel María, nun recital conxunto cheo de vida nun colexio vigués , algo que marcou definitivamente a miña vida de escritor. Tratoume con moito agarimo e foi moi amable na opinión que deitou sobre os meus versos. Eu voaba coas súas palabras.
     
Con Manuel María. Ano 1992?


     Eu, que tanto bebera da súa obra, compartindo voz e espazo co mestre, a quen tanto admiraba.
     E non me defraudou. Manuel María estaba sempre á beira das persoas para clamar, coa súa elegante voz (todo nel era elegante), pedindo xustiza social, recoñecemento da nosa lingua e deixar claro o que Galicia tiña que significar na sociedade do seu tempo (que segue a ser este).

     
     El era, sobre todo, un escritor transparente, que aborda todos os xéneros literarios: teatro, ensaio, narrativa, poesía e crónicas xornalísticas. Un escritor pleno. Un escritor cuxa poesía abrangue todos os temas que  se poden dar. Porque, malia todo o dito, será a poesía o xénero no que Manuel María se centrou para expresar as súas necesidades como ser humano que berra.

    
Como moi ben afirma Manuel Veiga no seu libro Manuel María, buscando un país, o noso poeta ten unha elevada conciencia de si mesmo, como todos os grandes escritores . Para entendérmonos, é o contrario da persoa que está en Babia. (…) Esa autoconciencia proporciónalle unha voz de autor inconfundíbel. Pero,ao mesmo tempo, en demasiados casos, a súa obra non é autónoma, cando menos na medida en que se lle acostuma pedir modernamente á literatura, porque se identifica demasiado cos deberes, reais ou supostos, da propia patria. Ás veces é coma se non quixese exercer de Homero, o poeta, senón de Aquiles, o mellor soldado, o guerreiro .
      
     Interesoume sempre a poesía e mais a actitude do poeta. E sentín decote a tenrura de Manuel María para escribir poemas infantís. Unha poesía con vocación de ensinar, de concienciar e de intentar que a rapazada puidese sentirse ben próximos á paisaxe, aos animais, aos trebellos utilizados nos labores do campo, ao tempo atmosférico, aos paxaros, aos seres humanos, á terra…
     
     
     
     Esas foron algunhas das causas que me permitiron achegar a poesía aos meus alumnos  cos versos de Manuel María baixo o brazo e posteriormente cos meus.
     
     Poesía directa, limpa, punxente ás veces; poesía próxima, chea de vida e de cor (dende as cores grises ata as máis brillantes); poesía reivindicativa, visualmente rica. Poesía que arrecende a Galicia e vai talvez un chisco máis alá.

    
Carta aos nenos coa que comeza "Os soños na gaiola"
       
     Sobre todo Os soños na gaiola, mais tamén poemas d´As rúas do vento ceibe, o pequeño lector séntese cómodo entre os versos, conmóveno e nota a man aloumiñadora do poeta, que sabe, a través da palabra cálida, como entrar no máis íntimo dos lectores e lectoras.

     
     Nunca esquecín aquel día en que o patio do centro escolar "San Xosé da Guía" se encheu das nosas palabras (principalmente das del). Sigo a escoitalo dicir os versos con pausas perfectamente elixidas, mirando os nenos cunha ollada profunda, empregando un ton engaiolante, calmo, pero cunha forza indescritible. A énfase coa que pronunciaba as palabras deixounos abraiados. Sentinme pequeno ao seu lado, pero aprendín moito. Foi un auténtico pracer, unha honra. Aí,á miña beira, estaba o home que me sinalou os camiños que debía seguir. Debía de ser o ano 1992.
     

     
     El non se trabucou no camiño que abriu.
     Eu, tampouco.
     Os seus poemas non perderon vixencia; os meus foron medrando ano a ano, libro a libro, e síntome moi orgulloso. Ambos os dous amamos os nenos e nenas. 

     

     
     De aí a carta que serviu de prólogo a “As rúas do vento ceibe”. Lede as liñas coas que comeza:  
     “Moi queridos nenos:  Velaquí o meu segundo volumen de versos para nenos galegos. Tiña que ser. Este servidor, con case medio século ás costas que me florea nas barbas, sentiuse na obriga e sobor de todo na necesidade de escribir de novo para os nenos. Para todos os nenos galegos e dun xeito particular para os nenos da cidade, un tanto esquecidos no outro meu libro para rapaces, Os soños na gaiola” (…) E remata con “ se estes poemas, sinxelos e simples, vos deprenderan a amar a nosa patria Galiza, este voso vello amigo sería o home máis feliz do mundo. Moitas grazas unha vez máis.”
      
     Corría o ano 1978 e a poesía de Manuel María dirixida aos nenos, cargada de cero didactismo consciente, volvía ser un elemento para ter en conta nun eido ermo. El mesmo afirmaba –algo discutible, pero auténtico- que “ a poesía que non ensine algo –o que sexa- non é poesía”.
     

     Así que neste “Día das Letras Galegas” quero salientar a importancia dos poemas que o noso poeta escribiu para a rapazada. Sen eles, estou seguro, moitos non nos animariamos a escribir para eles.
    


OS SOÑOS NA GAIOLA este poema dedicado a Galicia.

Galiza docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montañas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñsdora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Se buscas a Galiza

en ti tes que atopala!

Así me dedicou a primeira edición d´"Os soños na gaiola".