viernes, 10 de junio de 2016

ESCAPARATE POÉTICO ( LXXXII ) Toño Núñez






                  TOÑO  NÚÑEZ  ( Vilameixide. Navia de Suarna. Lugo, 1959)





MAN


Toño Núñez

Man de tempos escravos
feita moza antes de tempo
no berce dos prados.
Man de artesa e de fragua,
de aixada e gadaña…
De sol e de auga!
Man de terra e de arado,
de fouzo e de espiga…
De berro clado!
Man de emigración clandestina,
de azoute e de orelladas…
De abeiro e de caricias!
Man quente e desexada.
Man de pai.
Man amiga.




TEIMAS

 
Fun pasando páxinas
do libro dos días.
De contido cumprido xa.
E final incerto.
Engordiño. Non hai présa.
E aínda me sorprendo.
Como facía de neno.
Porque ti segues aí.
Quentando os meus invernos.
A pesares das miñas teimas.



DESEXO


E vestiraste de cerdeira outra primavera.
Doce veleno para os meus ollos.
Armando Requeixo, autor do limiar
O chafariz do sol fornecerá os teus froitos.
Quen gozará das túas cerixas’




PERDEDOR


Ela díxome que se apagara
o seu lume.
Un lóstrego fendeu a noite.
Eu cheiraba a borralla.





ILUSIÓN
Debuxo de Miguel Anxo Macía


No amarguexo da tarde outoniza,
cando amenza o solpor,
entre os refugallos da derrota
e as follas murchas da dor,
acubillarei o relustro da túa mirada.
Despois virá a lúa, na invernía,
e cubrirá de luz-cinza
as miñas feridas ensanguentadas.
E durmirei un longo sono de pedra.
Logo, en decembro, serei folerpa.
E choverán abriles de chumbo
pola miña pel de sangue e lama…
Agardarei a que escampe…
E retoñarei, vitorioso, en primavera.





                                     (Do libro Poemas de Amor en Outono, editado por Fachinelo, 2016.)