Darío a diario.
Invasión que se me convén fantástica.
Invasión sen ocasión.
Invadíuseme a vida de cueiros e biberóns,
de roupiñas pequenas e xoguetes de colores,
de risas, choros, agarimos, agarimos.
Darío a diario.
A túa man ocupa un cuarto da miña xigante,
por iso detesto un pouco tantas palabras.
Todas para ti, ¡son a raíña parlante!,
¡emperatriz de sonidos guturais en diante!
E, por certo e para sempre, contigo a miña maior
diversión.
Busco o modo de te acompañar sen estorbo,
que sexas ó meu carón feliz e creador
de ti,
de ti e mailo mundo que apañes.
INSTANTÁNEA DA TÚA VISIÓN
Arróupote arrequecido no meu colo:
sómo-lo globo terráqueopousado nos raios do sol,
teu pai.
A túa ollada incendaria anima tartarugas plásticas,
camións de engano.
Con pernas magras percorres metros de corredor.
Que con cabeza e corazón limpo dirixas,
meu ben,
a orquestra da túa vida.
Só teño contigo, Darío, unha dor difícil de esquivar
(e por riba está non máis comprender que sufrirás),
¿Cómo é iso de te saber disciplinar?
Lembro tantas que rompín, outras que esquezo xa.
Ai, si, corazón, aí busco axuda,
que vexo treme-las follas das árbores coa treboada
e procuro eu o nordés,
unha brisa.