sábado, 30 de enero de 2016

ALONSO BELOSO. TALLER DE IMAXINACIÓN: UN PROXECTO DE CREATIVIDADE QUE NOS CONTA MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ


Ilustración de Luz Beloso


A Versos e aloumiños  encántalle  presentar proxectos que estean vencellados coas artes e, sobre todo, coa literatura.
     
     Coa literatura e a plástica.
     
     Espazos comúns que se resolven de marabilla cando quen levan adiante eses proxectos son persoas tan preparadas e entusiastas coma Miguel A. Alonso Diz e Luz Beloso ou Luz Beloso e Miguel A. Alonso Diz, que tanto ten.
     Sabía deste proxecto e interesoume moito. Por iso lle pedín ao escritor que me escribise un texto para dalo a coñecer a través deste espazo. Actividades así deben ser coñecidas e valoradas.
     
     E así foi. O resultado é este.
     
     Parabéns polo que están a realizar estes artistas. Teñen un obxectivo común: que a creatividade das persoas estea viva acotío. Que vaia medrando e non morra endexamais.

     
     E conseguen magníficos resultados.


Miguel Ángel e Luz Beloso

Pasear por versos e aloumiños coma se estivese na miña propia casa. Iso é posible porque a realidade é esa. Non pode ser doutro xeito cando a persoa que alimenta e coida este espazo chámase Antonio García Teijeiro. Alma xenerosa da nosa terra.

Canto ten feito pola poesía, pola lectura, polo noso idioma...

Recíbeme cunha gran aperta. Nos seus brazos un non se sinte pequeno, sinte que medra;  e comeza a conversa sobre os nosos últimos proxectos.

Un deses proxectos é o chamado “ALONSO BELOSO Taller de imaxinación”.

Do 9 ao 31 de outubro tivemos o pracer de organizar unha exposición na sala Apo’strophe de parte das ilustracións e os textos de “O cullarapo Croque”, “A nena á que non deixaban ser feliz” e “O soño de Esther”. Exposición que xa estivo en Redondela, Santiago e que no ano 2016 visitará A Coruña ou Allariz.
 
Cadro de Miguel Anxo Macía
O meu querido Antonio interésase polo proxecto e comezo a falar…

A idea xurdiu da necesidade de achegar aos cativos e cativas a linguaxe da arte en diversas formas: pintura, escultura, literatura...
 
Lucía
Empregando como vehículo condutor os nosos libros, e grazas a xenerosidade de persoas como: o escultor Henrique Prado, os pintores Manuel Cerviño e Miguel Ánxo Macías, Luz Beloso que me deu os orixinais e neste caso, José Manuel Ucha, Sara Pérez Bello e Álvaro que dan vida a sala Apo’strophe sita na Praza Elíptica.

Non concibo cada disciplina como compartimentos estancos. Todo está relacionado. 


O noso obxectivo é sobre todo estimular a curiosidade, a creatividade, a imaxinación e o pensamento crítico. Empregando sempre unha linguaxe adaptada, realizando actividades divertidas e alimentando a súa vez as mentes e as almas dos máis pequenos/as, e non tan pequenos/as.
 
Ilustración de Luz Beloso
Ver, sentir, medrar na arte debe ser algo normal. É importante que os rapaces e rapazas estean acostumados a asistir a este tipo de actos. Formar almas sensibles á beleza do mundo.

Sorprendémonos cando xa adultos, non valoran ningún tipo de arte. Non leen, non visitan exposicións, non son sensibles as cousas importantes da vida… eu non me sorprendo.  
 
Ilustración de Luz Beloso para "O soño de Esther"
Que outra cousa poden facer e ser se dende cativos/as non se alimentan ben?
O resultado é o que hai. Un enorme deserto onde medran pequenos oasis aquí e acolá. Distantes, illados, case incomunicados nalgúns casos.  

Partindo deste pensamento esta foi a nosa proposta. E por suposto na nosa lingua, cuxa música é a que agarima con máis forza á miña alma.

- Seguimos camiñando – dígolle ao mestre, sabedor da enorme sorte que supón para min telo coñecido.

Encher os días de luz é doado cando un latexa ao carón de almas coma a súa.

Chega a despedida e a promesa dun novo encontro.