Mostrando entradas con la etiqueta un rato díxolle á lúa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta un rato díxolle á lúa. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de mayo de 2021

ALGÚNS POEMAS DE 'DIJO EL RATÓN A LA LUNA...'

En 2020 saíu do prelo a antoloxía Dijo el ratón a la luna... (Anaya), semellante á anterior Un rato díxolle á lúa..., mais con poemas tirados tamén de Poemar o mar (Premio Nacional de LIX, 2017) que non se publicara aínda cando se fixo a antoloxía en galego), e nunhas excelentes traducións ao castelán realizadas por Chus Fernández. A estas antoloxías en lingua galega e española engádese tamén As coisas que faz o mar, unha selección en portugués a cargo de João Manuel Ribeiro, quen tamén fai as traducións. Estes tres libros supoñen tres lugares perfectos para achegarse á poesía para nenos e nenas de Antonio García Teijeiro.



Como exemplo do que podemos atopar nas páxinas destes volumes, 

Antón García-Fernández recita unha serie de poemas incluídos 

en Dijo el ratón a la luna... nun vídeo que vén de gravar non hai 

moito e que deixamos aquí abaixo por se vos interesa. Aproveitamos 

a ocasión, xaora, para animarvos a que entredes nos versos de 

Antonio na lingua que desexedes.



                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

sábado, 18 de enero de 2014

OS LECTORES E LECTORAS DE "FERVENZAS LITERARIAS" ELIXEN O MELLOR LIBRO INFANTIL DE 2013.

     O poemario "Un rato díxolle á lúa", de Antonio García Teijeiro, antologado por Fran Alonso, ilustrado por Xosé Cobas, con tres poemas musicados por Paco Ibáñez e editado por Edicións Xerais de Galicia, foi elixido polos lectores e lectoras do prestixioso blog, Fervenzas Literarias, MELLOR LIBRO INFANTIL do  ANO 2013.

     Estes lectores e lectoras amosaron a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias, lemos no devandito blog, que agradece á Federación de Libreiros de Galicia a súa colaboración, un ano máis, con esta iniciativa.

Antonio con Paco Ibáñez, Xosé Cobas e Manuel Bragado, tras a presentación do libro en Vigo.


     Fervenzas Literarias informa que este ano recibiron 439 enquisas e engade que esta foi a sétima convocatoria na  que os seus lectores/as participaron e votaron os seus libros preferidos.





 Se queredes ver a relación dos des máis votados podedes picar no seguinte enlace:


http://fervenzasliterarias.com/index.php/de-actualidade/os-mellores-do-2013/197-os-mellores-do-2013-mellor-libro-infantil-2013.html 



E para rematar, dous vídeos.

Neste primeiro, Paco Ibáñez canta "O vento dorme". Presentación do libro en maio de 2013.




E no segundo vídeo, Antonio García Teijeiro recita "Pomba de menta", acompañado á guitarra por Paco Ibáñez, no mesmo acto.






jueves, 7 de noviembre de 2013

LEDICIA PARA OS SENTIDOS




Todos aqueles que vibran coa palabra poética están de  boa sorte. Nos andeis das librarías hai xa uns meses que vive “ Un rato díxolle á lúa”.

Fermoso agasallo, en forma de antoloxía, para o goce dos sentidos cuxo autor é un dos máis representativos dentro do panorama da literatura infanto-xuvenil das nosas letras. Antonio García Teijeiro, considerado polos estudosos un clásico contemporáneo, leva máis de vinte e cinco anos compartindo e contaxiando a poesía alá onde queira que vaia: encontros, aulas, obradoiros, simposios…porque para Antonio a poesía é un xeito de vida. Produto destes anos de traballo é esta atinada antoloxía na que se recollen máis dun cento de poemas e que vén da man do tamén poeta, Fran Alonso, quen no limiar do libro nos prepara para adentrarnos no mundo poético do autor: “…os poemas de Antonio enredan polos nosos beizos, divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir, e pensar, turrando de nós
cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras”.

Antonio García Teijeiro convértese no mensaxeiro da palabra poética tecida pola man dun artesán do verso cheo de ritmo e musicalidade  que engaiolan. Poesía e música camiñan xuntos polos poemas deste libro. Disto ben sabe o seu fillo Antón García- Fernández, profesor universitario na Universidade de Tennessee en Martin,(Estados Unidos), e autor do interesante epílogo titulado “Unha sonata feita de palabras”: “ Os versos de Antonio son palabras feitas música, ou música feita palabras […] o ritmo, a cadencia e o colorido das verbas son sempre fundamentalmente musicais porque  a música e a literatura conforman os dous polos principais da vida de Antonio”.



Os poemas deste libro son unha mostra de todo isto. Prenden no lector dun xeito directo, cun léxico coidado e cheo de expresividade axeitado á cadencia e á harmonía. Xa que logo, podemos afirmar  que as catro vertentes do mundo poético, denominadas por Blanca- Ana Roig, aparecen recollidas nestas páxinas onde a poesía é xogo, música, conto e maxia.

Un rato díxolle á lúa é un tesouro lírico imprescindible, onde a palabra do poeta cobra vida na voz e guitarra  do gran trobador  Paco Ibáñez da que podemos gozar co cd que acompaña o libro.

Poema do libro con ilustración de Xosé Cobas

Todo un luxo en formato libro, adubiado polas magníficas ilustracións de Xosé Cobas, auténtico lirismo plástico, e amparado pola coidada edición de Edicións Xerais de Galicia.

Con Paco Ibáñez na presentación
                                                                                                            

                                                                                                               Alba Piñeiro