Mostrando entradas con la etiqueta poemar o mar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poemar o mar. Mostrar todas las entradas

viernes, 21 de noviembre de 2025

CONFERENCIA DE ANTON GARCÍA-FERNÁNDEZ ARREDOR DE 'POEMAR O MAR'

Nos máis de vinte anos que levo a vivir e a exercer a miña actividade docente universitaria nos Estados Unidos, aínda non tivera disposto da oportunidade de presentar unha ponencia nunha das moitas conferencias académicas nas que adoito participar cada ano arredor da obra de meu pai. A ocasión presentouse hai pouco máis dunha semana no marco da conferencia anual da South Atlantic Modern Language Association, que se celebrou destavolta no hotel Wyndham Buckhead, na cidade de Atlanta, no estado de Georgia.




Ata alí conducín unhas cinco horas e media dende Tennessee para participar na conferencia, cunha presentación titulada "Los motivos marinos como elementos de creación poética en Poemar el mar, de Antonio García Teijeiro". Foi unha ponencia moi especial para min e verdadeiramente emotiva, na que só revelo cara ao remate do texto quen é realmente o autor destes versos mariñeiros que en 2017 mereceron o Premio Nacional de LIX, para sorpresa de toda a audiencia presente na sala. Por intres así, nos que teño ocasión de partillar a obra literaria de meu pai cun público que non a coñece e tamén de amosar o orgullo que sempre espertan en min os seus poemarios, paga a pena toda unha carreira docente e académica no medio universitario. Deixo aquí abaixo a gravación en vídeo da ponencia por se os lectores/as de Versos e Aloumiños teñen interese en botarlle un ollo.


ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


lunes, 7 de junio de 2021

FAÍSCA (10) "Na procura dos trazos humanos e poéticos do mar"

 




Sen dúbida o mar é unha das lembranzas máis significativas na miña vida. Os meus primeiros medos diante desa masa enorme de auga permanecen na miña memoria xunto co pracer que, unha vez superado ese inicial temor infantil, me produciu sempre ao mergullarme nas súas augas cristalinas.

Teño para min que as miñas veas son de auga salgada. Amo o mar fondamente. Sinto auténtica emoción perante as súas flutuacións, os seus bicos deitados na area, o seu recendo fresco e intenso, os ronseis máxicos que van deixando as embarcacións que o sucan acotío, as ondas que chiscan os seus ollos para que nos deixemos abanear docemente nos seus brazos de escuma.

 


Por todo isto e por tantas outras cousas, a miña obra sempre estivo tinguida de mar. Porén, faltaba algo: dedicarlle un libro completo a esta miña paixón mariñeira. Foi tanta a emoción sentida, cando me puxen a iso, que o mar, calmo ou tempestuoso, me levou a escribir tres poemarios dirixidos á rapazada, Un deles, Poemar o mar, atinguiu un recoñecemento inagardado e conveteuse no referente esencial do meu proxecto salgado. Quixen presentar os poemas deste libro como unha homenaxe a un espazo que me conmove decote. 



     O mar nas súas múltiples facetas lúdicas, pero tamén tráxicas. Un mar que ronca, que molla os versos, que chora por dentro e cala por fóra, que ten trenzas, pero que tamén é berce de naufraxios. e vítima da inmundicia deitada pola maldade do ser humano. E tratei de facelo cunha linguaxe rica, fresca e con imaxes suxestivas.

Intentei con estes poemas fundir a emoción mariña coa emoción poética e facer partícipe ao lectorado da forte capacidade que o mar posúe como eixe creativo.

 

Ilustración de Xan López Domínguez para "Poemar o mar"

Porque se pode falar do mar de moi distintas maneiras. Cando eu me enfronto a poetizalo, intento fuxir da creación dun catálogo dos elementos e dos seres vivos que o forman. Intento conxugar os sentimentos mariños cos meus sentimentos persoais e darlles capacidade poética. 


Procuro crear un todo e ir amosando o espírito do mar coma un personaxe que temos aí  para velo e escoitar as súas verbas, que nos agarda, que nos chama, que nos ama e que forma parte da nosa vida. Unha personificación, en definitiva, chea de trazos humanos, recoñecibles, na busca dun respecto grande por parte do lector, cun contido lúdico e fondo á vez.

 

                                                                                                                    Antonio García Teijeiro


Ilustración de Xan López Domínguez ("Poemar o mar")




martes, 7 de abril de 2020

VERSOS NO CONFINAMENTO III : Poemar o mar e Palabras do mar

O mar ten sido sempre fío condutor de moitas das composicións poéticas de Antonio García Teijeiro, que se sente ben fachendoso de que sexa precisamente un dos seus poemarios mariñeiros, Poemar o mar (Edicións Xerais), o que lle valese o Premio Nacional de LIX do pasado ano 2017. Nestes días estraños de confinamento, Antonio ofrécevos dous vídeos nos que recita versos de Poemar o mar e doutro libro seu que tamén ten o mar como leitmotivo, Palabras do mar (Edicións Embora).

POEMAR O MAR




PALABRAS DO MAR