Sen dúbida o mar é unha das
lembranzas máis significativas na miña vida. Os meus primeiros medos diante
desa masa enorme de auga permanecen na miña memoria xunto co pracer que, unha
vez superado ese inicial temor infantil, me produciu sempre ao mergullarme nas
súas augas cristalinas.
Teño para min que as miñas
veas son de auga salgada. Amo o mar fondamente. Sinto auténtica emoción perante
as súas flutuacións, os seus bicos deitados na area, o seu recendo fresco e
intenso, os ronseis máxicos que van deixando as embarcacións que o sucan
acotío, as ondas que chiscan os seus ollos para que nos deixemos abanear
docemente nos seus brazos de escuma.
Por todo isto e por tantas
outras cousas, a miña obra sempre estivo tinguida de mar. Porén, faltaba algo:
dedicarlle un libro completo a esta miña paixón mariñeira. Foi tanta a emoción
sentida, cando me puxen a iso, que o mar, calmo ou tempestuoso, me levou a
escribir tres poemarios dirixidos á rapazada, Un deles, Poemar o mar,
atinguiu un recoñecemento inagardado e conveteuse no referente esencial do meu
proxecto salgado. Quixen presentar os poemas deste libro como unha homenaxe a
un espazo que me conmove decote.
O mar nas súas múltiples facetas lúdicas, pero
tamén tráxicas. Un mar que ronca, que molla os versos, que chora por dentro e
cala por fóra, que ten trenzas, pero que tamén é berce de naufraxios. e vítima
da inmundicia deitada pola maldade do ser humano. E tratei de facelo cunha
linguaxe rica, fresca e con imaxes suxestivas.
Intentei con estes poemas
fundir a emoción mariña coa emoción poética e facer partícipe ao lectorado da
forte capacidade que o mar posúe como eixe creativo.
Ilustración de Xan López Domínguez para "Poemar o mar"
Porque se pode falar do mar
de moi distintas maneiras. Cando eu me enfronto a poetizalo, intento fuxir da
creación dun catálogo dos elementos e dos seres vivos que o forman. Intento
conxugar os sentimentos mariños cos meus sentimentos persoais e darlles capacidade
poética.
Procuro crear un todo e ir amosando o espírito do mar coma un
personaxe que temos aí para velo e escoitar
as súas verbas, que nos agarda, que nos chama, que nos ama e que forma parte da
nosa vida. Unha personificación, en definitiva, chea de trazos humanos,
recoñecibles, na busca dun respecto grande por parte do lector, cun contido
lúdico e fondo á vez.
Antonio García Teijeiro
Ilustración de Xan López Domínguez ("Poemar o mar")
Vou
seguir de costas ao mundo, aínda que, de cando en vez, apoiado na calor da
muller que me ama, sentindo a súa man chea de agarimo sobre o meu ombro, xire a
cabeza para ver algúns feitos que me emocionan.
Si, fronte a todas esas guerras que se están
a manter, demasiadas veces no esquecemento máis ruín pola crueldade humana; que
se cobran moitas vidas cada día, que non aparecen nas televisións nin nos
medios de comunicación, pero que persoas sen rostro para nós están a sufrir decontino; agora que volve a ulir a guerra
fría, con Ucrania de infeliz protagonista que me deixa tan mal corpo… fronte a
todo iso, dicía, quero aprender a gozar das pequenas (ou grandes) cousas que a
vida aínda nos garda. Intentarei abandonar brevemente a miña postura pesimista
e, dalgún xeito, radicalizada negativamente, e mergullarme nas alfaias que
certas persoas, a poesía e o marqueren
amosarme con insistencia.
O mar... ese mar que me amosa as súas rúes para que camiñe por elas.
Ademais, chegou o sol, talvez exiliado
polos tempos que corren, e iso provoca en min unha elevación do espírito.
E tomo esta decisión porque quero ver o o
voo da miña andoriña, cada semana máis espelida e graciosa, polo ceo de Martin.
Unha andoriña que voa fisicamente sobre os nevados campos de Tennessee e,
emocionalmente, polo gris do firmamento que levo no meu interior. Ela dá cor ás
miñas dúbidas.
A miña andoriña voa pola neve de Martin.
Porque quero ver unha man collendo outra,
como sinal de amizade, de entendemento, de solidariedade. E non, tantas mans
manchadaspolas mentiras que nos amosan,
con total cinismo, os nosos gobernantes. Esas persoas que menten, que negan a
realidade, que non aceptan os seus erros, que se agochan tras dunhas frases
noxentas e baleiras. Malditos covardes!
Porque quero seguir mergullado nos versos
do poeta ingés Edward Thomas (Londres, 1878 – Arras, 1917) que tardiamente nos
deixou, en menos dos dous anos e medio que lle quedaban de vida (morreu na Gran
Guerra), uns versos novidosos nesa época, diferentes e atractivos que conmoven
intensamente. Unha poesía universal e cálida que leo cun enorme pracer.
Unha poesía que, casualmente, comparto co
meu amigo, o brillante narrador e poeta Chisco Fernández Naval. (Lede, por
favor, o seu poemario, Bater de sombras e a súa magnífica novela, A noite
branca).
Non podo deixar de poñer neste Caderno
algúns versos de Thomas. Así que, sobre a tradución do editor para Pre-Textos,
Gabriel Insausti, pasei ao galego unha pequena mostra deles:
Virás? /
Virás? / Cabalgarás / tan tarde / ao meu lado? / Virás, si, virás? / Virás? /
Virás? / se na noite / brilla unha lúa / chea e clara? / Virás, si, virás? /
Virías? / Virías / se o mediodía / dese luz / e non a lúa? / Virás, fermosa?
(…)
E virarei a cabeza para achegarme ao mar.
Ese mar que me acariña, que me envolve, que me chama onda el para arrolarme e
darme o máis salgado dos bicos.
A miña amiga Alba.
Hai uns días, paseei pola beiramar coa
miña amiga Alba. Crucei praias coñecidas que semellaban distintas. Deixei as
miñas pegadas de persoa insatisfeita nas areas que lles dan a oportunidade de
chamarse praias. E nunha delas, pasado o Museo do Mar, dei o meu primeiro baño
do ano. Estabamos a primeiros de marzo e a forza do mar turraba de min cara
adentro. E deixeime levar polo seu desexo.
Rachando a ficticia barreira do frío
E sentinme fillo de Neptuno de novo. Só un can e mais eu rachamos a
ficticia barreira do frío (eu non tiña ningún) e da temperatura da auga (o meu
corpo adáptase de marabilla) para xogar co abalo das ondas que cantaban en voz
baixa.
El buscaba o pau que lle guindaba o seu amo; eu procuraba abrazos
mariños.
Cando cheguei á casa, collín o libro de
Rafael Alberti, Solo la mar, e, entre outros,lin o seguinte poema:
¡A los islotes del cielo!
Rafael Alberti (Foto de Carmelo Ciria)
Prepara la barca, niña.
Yo seré tu batelero.
¿Marzo?
¿Abril?
¿El mes de mayo?
¡Más verde es la mar de
enero!
Prepara la barca, niña.
Ya canta tu batelero.
Luminoso, alegre, paroleiro sempre, o mar
de Rafael.
E había case un mes que eu desexaba
navegar na nave vangardista de Manuel Antonio. Unha nave na que,cada pouco tempo, lle tomo o pulso ao mar.
Desexaba
subir a De catro a catro e deixarme
levar polo poeta de Rianxo.
Manuel Antonio, nun debuxo de Maside
Cos seus case vinte e nove anos, rigoroso
na súa poesía, indómito na súa vida e achegado ás vangardas do século XX,
Manuel Antonio exerceu (e continúa a exercer) sobre min unha emoción
considerable.
De
catro a catro, esas follas sen data dun diario d´abordo, engaioloume dende
o principio, porque “o poeta do mar” crea unha poética que fai da paisaxe
mariña, da súa visión do mar dende o mar, espazos ateigados de autenticidade e
rompedores, imprescindiblespara todos
aqueles que vivimos dentro da poesía e e erguemos a mirada cara a un mar que sentimos
noso e que nos presenta as máis variadas perspectivas para que o sigamos
amando.
E naveguei con el. Vaia se naveguei!
Con
Manuel (ou Manoel) Antonio volvín ver o mar dende ópticas diferentes. Sempre
descobres matices novos e ricos.
Sentinme,
por enésima vez entre os seus versos, parte dese mar.
O
meu espírito fundiuse con el, como ocorre en todas as ocasións que me achego á
súa poesía.
E
aquí deixo o meu testemuño persoal:
SÓS
Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais
nós
Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de
fume
áxiles cadros sen marco
Roubáronnos o vento
Aquelveleiro que se evadeu
pola corda floxa do
horizonte
Este oucéano desatracou das costas
e os ventos de Roseta
ourentáronse ao
esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha
singladura
No cuadrante estantío das estrelas
Paquebote, a bordo do cal Manuel Antonio xestou "De catro a catro".
ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
fixo do barco un cada
leito
Fume de pipaSaudade
NoiteSilenzoFrío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.
Hoxe estou en terrra. Hoxe abro o libro Ser auga, darse en auga, doutro “poeta
do mar”: o entrañable Bernardino Graña. É esta unha antoloxía que contén poemas
do período (1958 – 2008). Medio século nunha selección da súa poesía, a cargo
de Miro Villar, para unha publicación do Centro-PEN de Galicia.
E nel atopamos ese Bernardino que “ama as
augas do proteico mar, onde o mar se atopa e calma ás veces…”
Ese Bernardino que di no poema “Se morro”
queo deixen en Rodeira, no areeiro de
Cangas, xunto ao mar e que escribe: Así,
xunto ao escumallo, / serei area, cuncha, / fonte de iscos, / e os peixes
medrarán”.
Ese Bernardino do que Méndez Ferrín afirma
que “é señor dunha lingua maxistral, que
resgatou das marxes as palabras mariñeirase grazas a el, poño por caso, sabe, quen queira sabelo, que hai unha
alterntiva a babor e estribor, introducidos desde o castelán, que é couso e
arca, en galego dereito e madurecido na costa canguesa de Balea que hoxe o
capitalismo pretende destragar”.
Bernardino Graña
Decido entrar no seu libro Profecía do mar, un poemario dinámico,
de concepción totalitaria, cheo de imaxes e de efectos rítmicos que fan del un
dos momentos esenciais do poeta de Cangas do Morrazo.
E leo:
Un
mar sen terra vive en viva alfombra
para correr, voar sen pé nin leme,
pois mar ceibe e fantástico se teme
e desatarse pode en golpe ou sombra
(…)
Pero
os versos a ese mar, que tanto ama Bernardino, non está exento de medos,
evocacións e reproches diante da realidade dos homes que viven del e que se
xogan a vida nos misterios e caprichos crueis que contén:
Máis
alá do cabalo e Cabo Home
Máis alá de Cabo Home...
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te
come.
Como
horríbeis fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
estrañas ardentías e navíos
e tristes afogados que amolecen (…)
Esa relación humana cos mariñeiros que se
perden no mar. Esa amizade con eses homes que cantan e sofren, que traballan
duro, que arriscan e se vén empurrados pola forza do mar, que non saben vivir
en terra. Con eses homes cos que canta e bebe nas tascas da vila, con todos
eles, Bernardino Graña está vencellado e non dubida en acentuar o seu agarimo,
a súa admiración e, como non!, a súa preocupación polas poutas, ás veces
traidoras, dese mar que tanto ama. E que logo, de maneira moi directa, reflicte
en versos coma os que contén a derradeira estrofa do seu poema “Lázaro
mariñeiro”:
Paciencia,
mariñeiro, e rabia e pulo,
senón perdido estás… Toma tabaco.
Fuma. Descansa. Aguanta. Colle
forzas.
Levántate outra vez. ¡Ao mar o bico!
Grande, Bernardino. Báñome no teu mar, no
meu mar, no mar de todos nós. E non che pido permiso. Descúlpame.
Gardo ben dentro a túa palabra poética,
palabra mariña e mariñeira que me sabe a sal.
O mar envolve e limpa antigas dúbidas que
viven dentro de min.
O mar arrastra timideces sen sentido.
O mar agocha eivas que poden deixar de ser
eivas.
Con Bernardino Graña e Antonio Reigosa
E
ese mar permíteme volver a poñermede
costas ao mundo, dunha maneira máis lene, menos dura e angustiosa. E isto
prodúcese, porque sinto nas miñas costas os suaves aloumiños das súas ondas.
El mar. La mar.
Sólo la mar…
Tamén
a voz de Rafael Alberti bate en min e emocióname.
E
mentres fito o cordel do horizonte, Manuel Antonio, Edward Thomas, Bernardino e
o propio Rafael cantan á vez:
O mar. O mar.
Soamente o mar…
E
un profundo arrecendo a salitre envolve os meus desexos. Por iso sinto a necesidade de escoitar a voz de Bernardino Graña e de Rafael Alberti, así, sen velos, de costas, para que as súas voces penetren a través da pel, sen ollos, sen distracción ningunha; para deixarme levar pola beleza e polo arrecendo dos seus versos. Eses versos que van directamente ao corazón.
Que pracer! Que emoción! Voz, sentimento, poesía... MAR!