Mostrando entradas con la etiqueta maría canosa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta maría canosa. Mostrar todas las entradas

martes, 30 de enero de 2024

ANDEL DE NOVIDADES (10) Dous libros para o lectorado novo sobre Luísa Villalta, a quen se lle dedica o ano 2014 o Día das Letras Galegas

 



Estamos no “Ano Luísa Villalta” e temos que agradecer a Edicións Xerais de Galicia a publicación de dous libros sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Son dous volumes atraentes que nos achegan á vida e á obra da poeta e que están pensados para o lectorado novo.

É moi necesario que os lectores e lectoras de Galicia coñezan estas figuras literarias que tanto fixeron pola nosa cultura.

 

O primeiro deles, Luísa Villalta, melodía de palabras, (Col. Merlín) está escrito pola interesantísima escritora  María Canosa con ilustracións de Laura Romero. Ao longo de 78 páxinas, María Canosa converte nunha partitura os feitos máis sobresaíntes da poeta coruñesa falecida no ano 2004. 

Dende o Pentagrama inicial ata a Harmonía final, a escritora vai salientando aspectos fundamentais da vida de Luísa Villalta, así como o seu carácter, xogando coas notas musicales. E nós, coma lectores, desfrutamos da DOzura da poeta, do REservada que era, da MIlitancia e a aMIzade. Coñecemos a súa obra SÓLida, a súa Formación académica e sentimos o LAtexo e o SIlencio dunha muller que fundiu coma ninguén dúas paixóns: música e poesía.

Remata o libro cuns poemas extraídos de dous dos seus poemarios: Música reservada (1991) e En concreto (2004).

Interesantísima, tamén, a presentación audiovisual, por medio de código QR, onde María Canosa fala sobre Luísa Villalta.

 

 O segundo libro que nos chamou a atención leva por título Alma de violino. É un álbum precioso escrito por dúas mulleres sensibles e coñecedoras da vida de Villalta, Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez.

É este un traballo atractivo de achegamento á poeta para os pequenos e pequenas lectoras.

A través dunha personaxe, Alma, que sae dun violino, cóntase a historia que agroma á beira de Luísa Villalta: a das nosas palabras favoritas. Un enfoque orixinal que parte da frase inicial do libro: as palabras gardan as memorias de todos os tempos.

Así a rapazada coñecerá a paixón de Luísa pola música e que, co seu violino, nos levaba a calquera lugar onde voase a imaxinación.

 Cóntanos, así mesmo, a importancia das palabras na vida da poeta; esas palabras que ás veces parecen mesmo que andan soas polo mundo, pero que aparecen alí onde fan falta. Cando  escoita esas falas entende que están nelas as súas raíces. E sabemos da importancia de Galiza e os silencios escoitando a vida nos seus paseos pola Coruña.

Queda moi claro sempre o compromiso de Luísa co seu país e a súa rebelión contra a inxustiza, os conceptos de liberdade, da escrita, a cidade cos seus ruídos, palabras, accións pero sempre como lugar único e máxico.

 Unha historia fermosa, moi poética e moi directa ao tempo que permite que o lectorado se faga unha idea real da vida e da personalidade desta marabillosa muller.

Sen dúbida, coma no título anterior,un acerto das autoras o enfoque que se lles dá a estes libros.

Todo iso, ademais, complementado polas magníficas ilustracións de Laura Suárez, con moito colorido e moi vivaces que fan moi agradable o feito de pasar as páxinas, lelas e gozalas esteticamente.


miércoles, 26 de febrero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (12) "O lado do que dormes", de María Canosa




Ao lector déronlle ganas de facer unhas pausas cando lía (e sentía) as palabras que Laura, a protagonista da magnífica novela O lado do que dormes, de María Canosa, vai cuspindo entre a desilusión e os novos azos para seguir a súa vida. Espera un pouquiño, Laura, dicía o lector algo anguriado. Pero non había xeito de deter as súas frases cargadas de decisións que daban a volta dunhas páxinas a outras.

     Pechou o libro nun determinado intre e, con el nas mans, comezou a pensar no discurso da muller. Canta razón tiña na meirande parte das súas diatribas contra a sociedade que a estaba minusvalorando de vez!  E se non a anulou foi porque, malia as dúbidas que lle petaban nos miolos un día si e outro tamén, tiña un compañeiro, Andrés, que a respectaba, lle daba serenidade e a motivaba (xunto cos fillos) e a Clara , unha compañeira do estudio, que sobrelevaba a súa vida ben difícil cunha forza extraordinaria intentando, continuamente,  ver o vaso medio cheo. Xuntas darán pasos atinados para resistiren e dar novos impulsos ás súas vidas.

    
O lector expón nos seus pensamentos a verdade do que Laura lle presenta diante: unha muller intelixente que ama a súa parella, os seus fillos, quere traballar e, xa que logo, que o seu labor sexa recoñecido. Todo son cambadelas cando sae do seu domicilio: un xefe que non  valora o seu traballo como debería porque é muller. Un cliente que, baseado na súa actitude machista, está nunha situación de poder e chega a abusar dela de palabra. Un tempo cotián que a agobia e que, pola súa condición femenina, non permite o gozo de Laura no seo familiar.
     Laura quere, ama, é responsable. Sen embargo, todo se alía en contra dela e faina dubidar do seu papel na sociedade. Mesmo atopa a Violeta, unha antiga compañeira escolar, que fora acosada nas aulas e que a esnaquizaron para sempre. (Ou non?)  Séntese culpable por non ter tomado outra actitude naqueles anos mozos nos que a súa compañeira sufriu tanto.

     O lector comprende estas situacións coma unha lacra para o desenvolvemento da muller como tal. E dóelle o discurso de Laura. Dóelle moitísimo. E dóelle porque o que aquí conta maxistralmente María Canosa (á que adora) é unha radiografía perfecta do rol que as mulleres posúen no día a día demasiadas veces agochado.

O lector segue a reflexionar e non quere dar ningunha pista máis.
Pero pensa que a afouteza e a dignidade da protagonista (e dalgúns personaxes máis) son para el tamén ese trofeo que Laura consegue de cando en vez. Fica enmeigado polo xeito de narrar da autora. Unha narración dun vigor enorme, moi claro na exposición. E uns momentos nos que quere chamar a protagonista en voz alta e dicirlle que non se pregue diante desas condutas ignominiosas que a asolagan.
 Daquela,pecha o libro na páxina 196, a derradeira, e sente moi preto a esa muller de 37 anos que, nun mundo inhóspito, loita por acadar os seus soños.



miércoles, 8 de noviembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (35) "Muriel", de María Canosa




Curiosamente, os tres últimos libros de LIX que lin aludían directa ou indirectamente  a figura dos avós: ben a figura do avó (O segredo do avó, de Carles Cano) ou a da avoa ( A batalla da pequena Chañan Curi Coca de Rosa Aneiros e Muriel, de María Canosa).  Non é nada raro, nin moito menos. Ademais, a min resúltame, non só entrañable senón necesario. Non cansarei endexamais de reivindicalos polo seu protagonismo na vida de hoxe e de sempre. Sen avós e avoas todo sería moi distinto. Todo máis triste, máis baleiro.E a literatura fai ben en salientalos.

     Pero en Muriel hai moito máis. María Canosa é unha voz consolidada no mundo da nosa literatura infantil e xuvenil. Escribe con axilidade, emprega moi equilibradamente os recursos literarios (humorísticos, poéticos ou ateigados de tenrura…) e está comprometida coa capacidade de soñar a través da escrita. Ela soña e fai que soñemos coa súa palabra os seus lectores habituais.
     

     Porque Muriel é un convite a loitar polos nosos soños. Unha incitación a darlles cor e non permitir que os afoguen as tebras que nos rodean.
    
     Muriel é un neno que bota de menos a súa avoa. Con ela conversaba, con ela todo era posible. O contacto con ela, as súas enormes bufandas, os contos de inverno que contaba e moitas outras cousas daban sentido á súa vida. Pero un día deixou de estar con eles. Daquela sentiuse un náufrago. Non conciliaba o sono e decote daba voltas na cama enfadado. Sentía o corazón cun tic-tac interminable que lle impedía durmir.
     
María Canosa
     Un día entrou no seu mundo, un leiteiro ben especial, vestido de branco, impoluto, con voz afónica e gastada. Traía un leite diferente, máxico. Chamábase Fígaro. Ao tempo apareceu un raposo, Blim, que axiña sería adoptado coma un animal de compañía. Muriel vivía en Cartaria que era unha vila triste, na que non había moitos nenos. Unha vila que vivía baixo unha néboa mesta, á que non chegaba a luz e, dese xeito, todos se volvían grises. Ao contrario de Martiñeira, lugar repleto de luz e cor, en Cartaria os vecinos vivían sumidos na melancolía e a tristeza que a envolvía.
     
     Con todos estes elementos, a novela vai converterse nunha aventura constante, cuns personaxes moi ben debuxados e entrañables que camiñarán cara a lugares descoñecidos.
     
     María Canosa é unha escritora que pon os sentimentos ben preto do lectorado. E faino paseniño, para que deguste cada frase, cada parágrafo con calma. Como hai que degustar a boa literatura. Os seus personaxes penetran no máis fondo de quen le os seus libros. E isto, xa que logo, ocorre en Muriel, unha narración na que mestura con mestría realidade e fantasía, o ficticio co real. En Muriel hai cor, máis ben unha progresión cromática en función deses soños e esas ilusións que dan sentido a aventura persoal do protagonista. Hai intriga, hai tenrura e nótase o desenvolvemento interior de Muriel. Un, a medida que le e segue a trama,decátase como o rapaz vai medrando a medida que se enfronta ás adversidades que saen ao seu encontro e a capacidade que posúe para ser quen de mirar cara a diante.

    

     En definitiva, boa literatura que crea universos que María Canosa coñece ben e que son  moi ben tratados nos seus libros. Unha novela que nos anima a voar polo ceo dos sentimentos e das ilusións.
     Alegreime moitísimo de que, con este libro brillante, María gañase o Premio Merlín en 2017.Un galardón moi merecido. Xa lle tocaba pola calidade da súa obra e o xurado pode estar satisfeito da súa decisión.

     As ilustracións de Lucía Cobo están en consonancia co texto. Son debuxos tenros, expresivos, dotados dunha sensibilidade evidente. Debuxos que camiñan entre as páxinas con soltura e, á vez, da man dun texto tan suxestivo. Un acerto.



                                                                                    
                                                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


martes, 17 de enero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (8) "O neno inverno", de María Canosa







TÍTULO: O neno inverno.

AUTORA: María Canosa.

ILUSTRACIÓNS: María Lires.

EDITORIAL: Galaxia.Colección: ÁRBORE.




A editorial Galaxia achégalles aos lectores preadolescentes esta fermosa historia de amizade, tenrura e superación. A súa autora é a escritora María Canosa, unha das voces actuais destacadas  tanto na narrativa coma na poesía dentro do noso panorama literario infanto- xuvenil.

     O neno inverno é a historia dun neno albino que está acostumado a ser diferente e de  que isto provoque a mofa por parte dalgún compañeiro. Alberte, que así se chama o protagonista, é consciente das súas limitacións físicas e do especial coidado que debe pór en cada acción pois é extremadamente sensible a determinados axentes climatolóxicos, sobre todo a calor, por iso adora o inverno. Sabedor de todo isto atopa refuxio na biblioteca onde goza da tranquilidade, do silencio e da maxia da palabra escrita, ademais de saciar a súa curiosidade á vez que a ansia por aprender. 
  
     Aquí, no seu acubillo é feliz  ata que un día aparece Álex, unha compañeira de clase, que lle gusta porque é intelixente, alegre e ten personalidade. Con ela descubrirá o verdadeiro significado da palabra amizade, ademais dun máxico poder oculto. Álex axudarao a ser el mesmo e a superar atrancos que coidaba insuperables.

     
María Canosa

     A autora, a través dos 18 capítulos curtos nos que se artella a historia e cunha prosa clara e directa non exenta de tenrura nin de elementos máxicos, reivindica a igualdade e a grandiosidade do feito de compartir. Pon de manifesto a diferenza, non coma sinónimo de discriminación ou illamento, senón coma signo de pluralidade para crear entre todos unha sociedade máis rica e xusta.

     As ilustracións de María Lires coa súa gama cromática baseada en grises e azuis están en sintonía co ton textual.


                                                                                                      ALBA  PIÑEIRO

lunes, 22 de febrero de 2016

" O DÍA QUE CHOVEU DO REVÉS", de MARÍA CANOSA: UN CONFLITO ENTRE AS NUBES E O SOL QUE PROVOCA UNHA ENORME DESFEITA


Facer unha folga traballando é un acto inverosímil.
     Que as nubes cheguen a quedar sen auga de tanto chover é algo inaudito.
     Navegar entre os tellados das casas de Vila de Portoseco resulta chamativo.
     A quen se lle ocorren tamaños disparates?
     Pois a unha das escritoras que está a crear unha obra sólida, persoal, imaxinativa e intelixente que a min me encanta: María Canosa.
    
     Todo isto (e máis) ocorre no álbum O día que choveu do revés, publicado por Edicións Xerais de Galicia na súa colección Merliño.
     Unha historia, que María Canosa nos conta, chea de humor e enxeño. Unha historia que te transporta a un mundo máxico; a un mundo de tolemias e desaxustes, de conflito entre as nubes e o sol, de caprichos e solucións.

     Son as nubes as protagonistas desta enxeñosa historia. Unhas nubes que se enfadan co Sol,  porque consideraban que o seu traballo de regar os campos era maltratado pola calor abrasadora que provocaban os seus raios .
     
María Canosa
     Así que, diante de tamaña decepción decidiron ponerse a chover a cachón, todas á vez, durante días e días. Remataron esgotadas e ao miraren cara abaixo non daban creto ao que vían: a Vila de Portoseco estaba asolagada, os seus habitantes navegaban entre os tellados e o campanario da igrexa. Unha verdadeira desfeita.
     Perante  o desastriño que acababan de provocar, puxéronse nerviosas, quixeron compensar o problema e atrevéronse a pedir axuda…ao Sol!
    
     A partir de aquí, de xeito fantástico, humorístico, con situacións surrealistas, María Canosa tece unha historia deliciosa, chea de humanidade, coa natureza ben presente, a través dunha prosa coidada, rítmica que nos transporta á necesidade de que as cousas flúan respectuosamente  e en convivencia. Unha historia, tamén, de solidariedade e de unión cando se produce unha catástrofe.
    
     María Canosa fainos sorrir (que choiva do revés é un logro no desenvolvemento da narración), fainos sentir a maxia da palabra ben empregada, cun ritmo axeitado aos primeiros lectores e fainos (a todos e todas) descubrir o pracer de contar”.
    
Ilustración de Dani Padrón
     Un libro imaxinativo, realzado, unha vez máis, polo fantástico traballo de ilustración de Dani Padrón. O ilustrador consegue darlle máis calor, se cadra, á historia pola forza expresiva das imaxes e as cores empregadas, nun libro cheo de auga. O humor e o desexo de supervivencia ante a desfeita está perfectamente reflectido nas ilustracións e a tenrura nos rostros dos personaxes chegan a emocionar.

     En definitiva, un álbum necesario, que non debe pasar desapercibido para todos aqueles lectores/as que, sen prexuízos de idade, queiran gozar da boa literatura.


                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

domingo, 20 de septiembre de 2015

MÁIS LIBROS PARA NENOS E NENAS (OU PARA TODOS) QUE NOS PRESENTA EDICIÓNS XERAIS NAS DIVERSAS COLECCIÓNS DE LIX.



Pouco se pode engadir ao que se leva dito sobre Edicións  Xerais e a súa extraordinaria aposta pola LIX galega.
     
     As súas coleccións son referencias inexcusables no eido literario para os pequenos (terreo do que estamos a falar) e, ademais, tira do prelo  publicacións didácticas e de investigación dun valor indiscutible.

     O que nos ocupa agora é salientar algúns libros publicados recentemente, que poden servir para que o profesorado se achegue a eles e poidan ser utilizados nas aulas e facer máis felices aos alumnos.

     


     Destacamos en primeiro lugar unha obra de teatro deliciosa: Xogando con gatos, dun dos grandes escritores da LIX galega, Antón Cortizas. Unha peza en catro actos que nos leva, cun humor e cunha inmersión no mundo da literatura popular, a gozar dos personaxes e as situacións que o enxeño do autor propón. Xogos con música, poemas, cancións, alternancias de personaxes reais con sombras chinesas, monicreques de luva e de corda…Un verdadeiro espectáculo. Xogando con gatos lese moi ben. E temos que acostumarnos a ler teatro, porque moitos descubrirán que é un pracer descoñecido. Nas páxinas finais atopamos os pentagramas das cancións interpretadas durante a representación.
     
     Para entender o espírito desta obra, subliñamos aquí unhas palabras do autor: “Quizabes, se os meniños e as meniñas xogasen como se xogaba, en creatividade, libertade e gratuidade, esta obra non tería razón de ser”.
     
     As ilustracións de Leandro Lamas son festivas, cheas de colorido, moi vivas e dunha grande expresividade. Marabillosas.
     
Ilustración de Leandro Lamas

     Incluída na colección “Biblioteca Dramática Galega”,  Xogando con gatos mereceu o “VIII Premio Manuel  María de Literatura Dramática Infantil 2014”. Un obra para ler e, por que non?, para facer unha interesante montaxe.

    

     

     

     Tenrura, aventura e unha protagonista, Erea, cunha curiosidade fóra do común, son algunas das características do precioso libro de María Canosa, que aparece na colección Merlín, Rubicundo.
     
     Como actuaría cada un de nós se tivese un veciño moi especial que nos espertase cun  ruído estraño producido polo renxer dunha bicicleta pasada de moda? Un veciño cunha indumentaria sorprendente para montar en bici: un gabán e un sombreiro de copa negros, cun traxe cor acibeche por debaixo. Pero o máis estraño é que Rubicundo comezaba a súa viaxe enriba da árbore do seu xardín facendo equilibrio sobre un arame. A partir de aí, o home movíase polo aire, sen sustento ningún.
     
     E Rubicundo, ao que os rapaces lle chamaban Rubi, enfadábase con eles por chamalo así. Os cativos berrábanllo para amolalo e el arreboláballes o bastón ou calquera obxecto que tivese na man sen intención de darlles, xaora, pero si para velos fuxir de alí a fume de carozo.
      
     Neste panorama, Erea, curiosa ela, toma unha determinación: achegarse a el. A partir de aquí, a aventura, a imaxinación, as situacións tenras, a fantasía, a humanidade fanse patentes da man dunha escritora, María Canosa, que con mestría crea unha historia dunha humanidade  clara, moi ben escrita e que resolve dun xeito acertado. Un pracer a lectura deste libro aconsellado, en principio, para lectores de 9 anos en diante e que foi finalista no Premio Merlín na súa XXIX edición e 2014.
     
Ilustración de Nuria Díaz
     Gustáronme moito as ilustracións de Nuria Díaz, pois posúen unha expresividade enorme e, cun certo ton irónico, acáenlle moi ben á historia. Excelente o nivel da ilustración que temos en Galicia.

    

     
    
      Tamén para lectores sobre os oito ou nove anos, podemos saborear un fermosísimo conto de Xelís de Toro que se chama O trompetista e a Lúa. Publicada na colección Sopa de Libros, esta historia, dun  humor moi fino, preséntanos  o rebumbio que se produce na cidade debido á formación da nova banda de música. Os habitantes que querían formar parte da mesma non deixaban de practicar cos seus instrumentos.
     
     Con todo ese barullo a cidade púxose patas arriba. Ata o cambio climatolóxico foi inmediato. Houbo quen chegou a facer fortuna, como don Nicofasio, o boticario, que se encheu a vender tapóns para os oídos. Os soños musicais de moitos cidadáns tomaron corpo: dende o xastre, que sempre soñara  con tocar o violín, ata o carniceiro, que prefería os pratos…
    
     Pero o auténtico protagonista da historia é Evaristo, o xeadeiro, que sopraba con forza a súa trompeta e non estaba disposto a renunciar ao seu soño. Non conseguía os logros desexados. Ao parecer, o pobre home molestaba cos sons da trompeta os veciños, que, cansos do ruído, o esperaban con paus para darlle a benvida ao riscar o día, pois Evaristo non tiña lugar fixo de ensaio e facíao pola noite. Así que  non tivo máis remedio que cambiar de praza cada anoitecida para poder practicar.
     
     Cando, triste, e coa ollada baixa, co seu instrumento debaixo do brazo, case se daba por vencido, chegou ao penedo máis alto do lugar e a Lúa viuno e foille falar. Aí as cousas van cambiar…
     
     Un conto moi poético, moi humorístico, dunha humanidade sen sensiblerías, cunha fantasía en permanente relación coa realidade que te conmove.
     
Ilustración de María Lires
     Non quero deixar de salientar as ilustracións de María Lires. Emocionáronme.Son dunha categoría infinita. Entre o collage  e as cores tenues, coa base do debuxo de liña consegue dar vida aos personaxes e chegan a cativarte pola súa expresividade e a feliz captación dos estados de ánimo.


    


     
     Teño nas mans o último libro de Mar Guerra, madrileña de nacemento, que vive na Coruña e é xornalista de profesión.
     
     Unha nova entrega do seu entrañable Xenaro. Chámase este libro Xenaro e a negra sombra. Antes viron a luz Xenaro e o misterio da mochila verde (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008) e Xenaro e a hucha do indiano. Entre medias, o seu magnífico Señor Meco.
     
     Xenaro é un ser moi especial. Un verdadeiro pillabán, moi intelixente, a quen lle gusta xogar coas palabras. A Mar Guerra, tamén. Ese xogo é unha das súas características (entre centos) da súa escrita.
    
     “… Non rematara de achegarse ao Sobras, e Zaca xa chamaba por nós con grandes aspaventos. Non era para menos (con eme de machada, megafonía e milmañas)”
     
     Nesta nova historia, Xenaro, tan ocorrente coma sempre, preséntase dicindo: “Son Xenaro. Xenaro cun xe de xeo, xeado e xearento.” Porque Xenaro se atopa morriñento, bota en falta os seus amigos, mesmo aqueles compañeiros cos que non se leva especialmente ben.
    
     Non volveu saber deles des que volveron da excursión de fin de Primaria no Porroutó. Está de vacacións nun apartamento alugado polos pais, torrándose ao sol, cunha calor mediterránea que odia e  non dá sacado da cabeza a semana alí vivida e o misterio do encarrapuchado que ben que mal resolveron.
     E coas lembranzas desa semana, sen esquecer os amigos e, xa que logo, o Encarrapuchado (home ou espectro?) Xenaro conta o que alí sucedeu, malia estar de non, porque non lle gusta nada “este océano morno e apampado, nin a praia ateigada…”
      
Evocadora ilustración de Fernando Llorente incluída no texto
      Mar Guerra crea unha historia enchoupada de humor e misterio, enxeñosa como adoita, con moitos  personaxes, con  alusións a heroes literarios. Unha historia contada con mestría, que contén diálogos delirantes, cunha chea de onomatopeas e que se desenvolve cun ritmo vertixinoso. Encantoume a achega a Rosalía de Castro e ás súas "Follas Novas".
     
     Imposible de ler sen sorrir continuamente, agardando con curiosidade os xiros pensados pola autora que te sorprenden decote.
     
      Un libro que está aconsellado para lectores de 11 anos en diante e que, como pasa coa boa literatura, non ten idades definidas.

     Catro propostas, pois, diferentes, dunha calidade incuestionable que van facer as delicias dos lectores e lectoras e de todo aquel que se achegue a elas sen prexuízos, algo que a estas alturas debería estar superado.


                                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

jueves, 27 de noviembre de 2014

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XLIII) María Canosa (2)






MARÍA  CANOSA  (Cee, A Coruña, 1978)


      A PORTA

   Pódesme abrir
e tamén pechar,
María Canosa
    eu decido
quen pode entrar.

   Gardo a calor
  e espanto o frío,
se non me engraxan
    berro e rechío.

    Para abrirme
  e deixar pasar,
sobre os gonzos
    debo xirar.

Preciso de axuda
   e da túa forza
para que empuxes
   e abras a porta.

   Gardo tesouros,
presido igrexas,
porque son forte,
        dura e rexa.

Sexa de madeira,
ou feita de ferro,
coa porta pechada
eu non teño medo.



        O RÍO

    Avanza o río  
  no seu camiñar,
comeza no monte
   e acaba no mar.

Vai o río con calma,
sen présa, devagar,
   é a auga  que soa
coma un doce cantar.

 O chan é de rocha,
as augas son claras,  
   semellan as troitas
    perlas de prata.

  Baixa a aba do monte
    seguindo a corrente,
desemboca en fervenza
  nun fermoso torrente.

É casa de anguías
  de ras e salmóns,
   leva nas augas
   ledicia e amor.

Cando vai tanto sol,
   como para abafar,
os nenos nas pozas
    vanse refrescar.


    O PAPAVENTOS
Ilustración de Yago Puentes Fernández.

Mirade o papaventos
  o ceo azul cruzando
  un gran lazo de tule
    vaino adornando.

   Ten uns ollos  pintados,
uns beizos e unhas lentes,
    vai rindo polo aire
  ensinando os dentes.

    Voa lonxe e moi alto
      dun fío amarrado,
       fai vinte piruetas
     saudando co rabo.

      Vai cara ás nubes
riscando as tellas do ceo,
     nunca deixa de sorrir
porque ao voar está ledo.

Papaventos de colores
    ven xunta min,
rematou hoxe o paseo
   e á casa hai que ir.

   Mañá imos volver,
agora hai que durmir,
para descansar da viaxe,
   de baixar e de subir.



                                                                    (Do libro Vagalume de versos, editado pola Editorial Galaxia, 2014)