Facer unha folga
traballando é un acto inverosímil.
Que as nubes cheguen a quedar sen auga de
tanto chover é algo inaudito.
Navegar entre os tellados das casas de
Vila de Portoseco resulta chamativo.
A quen se lle ocorren tamaños disparates?
Pois a unha das escritoras que está a
crear unha obra sólida, persoal, imaxinativa e intelixente que a min me
encanta: María Canosa.
Todo isto (e máis) ocorre no álbum O día
que choveu do revés, publicado por Edicións Xerais de Galicia na súa colección
Merliño.
Unha historia, que María Canosa nos conta,
chea de humor e enxeño. Unha historia que te transporta a un mundo máxico; a un
mundo de tolemias e desaxustes, de conflito entre as nubes e o sol, de
caprichos e solucións.
Son as nubes as protagonistas desta
enxeñosa historia. Unhas nubes que se enfadan co Sol, porque consideraban que o seu traballo de
regar os campos era maltratado pola calor abrasadora que provocaban os seus
raios .
Así que, diante de tamaña decepción decidiron
ponerse a chover a cachón, todas á vez, durante días e días. Remataron
esgotadas e ao miraren cara abaixo non daban creto ao que vían: a Vila de
Portoseco estaba asolagada, os seus habitantes navegaban entre os tellados e o
campanario da igrexa. Unha verdadeira desfeita.
Perante
o desastriño que acababan de provocar, puxéronse nerviosas, quixeron
compensar o problema e atrevéronse a pedir axuda…ao Sol!
A partir de aquí, de xeito fantástico,
humorístico, con situacións surrealistas, María Canosa tece unha historia
deliciosa, chea de humanidade, coa natureza ben presente, a través dunha prosa
coidada, rítmica que nos transporta á necesidade de que as cousas flúan
respectuosamente e en convivencia. Unha
historia, tamén, de solidariedade e de unión cando se produce unha catástrofe.
María Canosa fainos sorrir (que choiva do
revés é un logro no desenvolvemento da narración), fainos sentir a maxia da
palabra ben empregada, cun ritmo axeitado aos primeiros lectores e fainos (a
todos e todas) descubrir o pracer de contar”.
Un libro imaxinativo, realzado, unha vez
máis, polo fantástico traballo de ilustración de Dani Padrón. O ilustrador consegue darlle máis calor, se cadra, á
historia pola forza expresiva das imaxes e as cores empregadas, nun libro cheo
de auga. O humor e o desexo de supervivencia ante a desfeita está perfectamente
reflectido nas ilustracións e a tenrura nos rostros dos personaxes chegan a
emocionar.
En definitiva, un álbum necesario, que non
debe pasar desapercibido para todos aqueles lectores/as que, sen prexuízos de
idade, queiran gozar da boa literatura.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO