Mostrando entradas con la etiqueta jordi sierra i fabra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta jordi sierra i fabra. Mostrar todas las entradas

miércoles, 26 de febrero de 2025

ANTÓN GARCÍA FERNÁNDEZ CONVERSA SOBRE ROCK E LEMBRANZAS CON JORDI SIERRA I FABRA

Entre as miñas mellores lembranzas de cativo e adolescente atópanse as moitas ocasións nas que o escritor Jordi Sierra i Fabra, amigo de meus pais dende hai décadas, viña a Vigo por calquera razón e pasaba sempre pola nosa casa. O propio Jordi sabía que entón eu ía aproveitar eses momentos para facerlle todo tipo de preguntas en especial sobre os meus adorados Beatles. Porque, claro, eu xa tiña lido moitas das novelas de Jordi (clásicos como El último verano miwok, Campos de fresas ou Malas tierras), pero coñecía tamén a súa faceta como crítico e historiador do rock. E para min naqueles intres esa faceta tiña aínda máis interese ca  a súa literatura, pois xa lera con devoción El joven Lennon (unha novela de temática beatlemana que me causaba tal fascinación que eu mesmo quería ser ese xove Lennon), o Diccionario de los Beatles (o primeiro libro deste estilo xamais publicado, e con moito material gráfico da colección persoal de Jordi) ou o Diario de los Beatles (obra magna para min importantísima neses anos previos a internet). Pola casa de meus pais andaban tamén as enciclopedias do rock e o pop de milleiros de páxinas escritas sen axuda de ningún tipo polo propio Jordi, así que para min era tan novelista como historiador rockeiro.




E todas esas lembranzas xurdiron de novo cando escoitei que Jordi viña de publicar, a finais de 2024, Mis años rockeros (Ed. Sílex), un volume de memorias no que fala en primeira persoa de todo o que viviu ao longo dos anos nos que dirixiu revistas musicais da importancia de Disco Exprés ou Popular 1, algunhas das cales mesmo fundou ou cofundou. O libro trata en profundidade a relación de Jordi co mundo do rock, en especial nos anos setenta, antes de que diminuíse o seu labor musical cando decidiu converterse en escritor de novelas. As súas páxinas están cheas de anécdotas (mentres lía o libro lembrei ao propio Jordi contando moitas delas de viva voz durante esas visitas a Vigo cando eu era neno) e o libro é moi recomendable non só por relatar as vivencias de Jordi, senón tamén por reflexionar sobre a historia do rock en España e a súa relación moitas veces tensa coa prensa escrita.


Hai unhas semanas tiven a oportunidade de gravar unha longa conversa con Jordi sobre Mis años rockeros para un novo episodio do podcast literario que presento na miña canle de YouTube, El Envés de la Página, e supuxo para min un indescritible pracer poder parolar con el sen límites de tempo. O resultado déixovolo nesta ligazón agardando que vos interese, pero por riba de todo, recomendando que procuredes e leades este magnífico libro de Jordi.


ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




miércoles, 9 de noviembre de 2022

UNHA FIN DE SEMANA ABRAIANTE ENTRE PACO IBÁÑEZ E JORDI SIERRA i FABRA

 

Con Paco Ibáñez e o libro Se falases de min


Foi unha fin de semana abraiante. Fixemos, iso si, 2.400 kms, ida e volta en coche.

Conduciu Xabier Romero, director de Editorial Elvira. Había un obxectivo principal: entregarlles a Paco Ibáñez e a Jordi Sierra i Fabra o meu novo libro Se falases de min.

Resultou unha aventura marabillosa. O venres agardábannos Paco e Julia na súa nova casa en Camallera (Girona).

 

Na casa de Julia e Paco

Sorprendeulles o libro. A súa edición recibiu mil parabéns. Notamos axiña a ledicia e o recoñecemento nas súas facianas. Deleitáronse coas pinturas de Xulio García Rivas e lendo algúns poemas díxome Paco: “Antonio, de aquí van saír unhas cancións”. Sei que o dixo de corazón, sentíndoo, pero non vai ser doado.

 

Julia e Paco follean o libro en presenza de Susi

Cantamos en galego fragmentos de Que ocorre na terra?, de Pomba e fixo especial fincapé nun tema que nos encanta aos dous: O vento dorme. Emocionouse cando lle lin “Palabras para…Paco”, un meu texto que figura no libro. Julia, tamén. 

Paco lendo Se falases de min


Gustáronlle, ademais, as palabras sobre a súa vida que Xabier escribiu no libro e que lle leu cun grande agarimo. Houbo aplausos, e a face de Paco era para desfrutar: tiña os ollos húmidos. Gabaron, e moito, a elegancia da edición “que fuxiu da vulgaridade” e cualificaron a Xabier de “valente” por atreverse a publicar un libro destas características. Chamamos a Xulio e tanto Paco como Julia felicitárono persoalmente a través do teléfono.

 

Xabier Romero le as palabras que escribiu na biografía no libro

Foi un xantar entrañable. Un xantar ateigado de luz, que nos fixo saír desa fermosa casa (aínda en recuperación) moito mellores do que eramos ao entrar. 



Paco, Julia, Antonio e Susi

Contounos que en Jaén, o día 28, cun público entregado (como ocorre sempre con el) cantou a Celso Emilio Ferreiro. Interpretou unha delicadísima canción, Chove, baseada nun poema do poeta celanovés e volveu referirnos a pena que lle quedou por non poderlla cantar a Moraima, a viuda do poeta, a quen lle presentamos nunha das súas visitas a Vigo. E non esqueceu salientar a importancia que Georges Brassens ten para el e recomendarnos que escoitásemos o cante jondo de El Chocolate.

Pódese pedir máis? Imposible.

  

Con Jordi Sierra i Fabra no seu cuarto de traballo en Barcelona

Ao día seguinte, quedamos co meu prezadísimo amigo Jordi Sierra i Fabra, unha persoa auténtica, creativa, xenerosa e moi interesante.

Tras dar unha volta por Monjuïc cos nosos grandes amigos Francesc Gómez e Margarita Cruells, fomos á Fundación que o escritor barcelonés  ten na cidade hai xa bastantes anos. 

En 

Susi e mais eu xa a coñeciamos, pero sempre é un pracer  visitala. Quen si quedou engaiolado foi o editor, Xabier Romero, a quen Jordi en persoa lle foi explicando a multitude de libros, de manuscritos das súas obras, de fotos, de obxectos varios que alí están expostos.


Vista do interior da Fundación Jordi Sierra i Fabra
 

Jordi é un verdadeiro personaxe, pero, ademais dun enorme escritor é, sobre todo, unha magnífica persoa.

Había xa ben anos que non estabamos xuntos (e con Antonia, a súa muller, aínda máis). Pero o agarimo, o respecto, a admiración mutua permanecen intactos.

Xantamos na súa casa e rimos, rimos moito coas súas ocorrencias e anécdotas sempre tan aqueladas e simpáticas. E meterse comigo xa forma parte do seu ritual. Eu gozo.

 

Jordi lendo e comentando o libro baixo a ollada risoña de Antonia

Entrar no seu domicilio resulta un verdadeiro luxo. Cheo dos seus libros, de cadros interesantes (Antonia é pintora), de figuras preciosas, de obxectos curiosos… sentímonos, unha vez máis, moi felices. Ao entrar no seu despacho, onde escribe cando non sobe a Vallirana, decote sentimos o espírito do grande escritor que é e o minucioso en todo o que fai.

 

Libros intercambiados

Mostrounos de novo uns exemplos de como é o seu proxecto literario. Dá gusto ver os seus guións trazados ao milímetro, máis ou menos extensos segundo a extensión da novela.

 

Na Fundación diante dun cadro que me engaiola

Agasallounos a Susi e a min os seus últimos libros -como fixo sempre- e volvemos cunha alfaia ben especial: o cómic dunha parte importante da súa vida, no que demostra a enorme humanidade que posúe. Debuxado por Carlos Moreno, cun guión seu e publicado pola Editorial Norma, El largo y tortuoso camino é un libro que hai que ler si ou si. Permítenos coñecer facetas da vida de Jordi ata ese intre descoñecidas.

 


Encantoulle Se falases de min, do que forma parte coa creación dunhas frases definitorias e moi enxeñosas dos músicos (homes e mulleres) que aluman a segunda parte do libro (Palabras envoltas en cancións).

Antonia e Jordi


Despois marchou ao Camp Nou (é un culé empedernido) mentres eu quedei na súa casa para ver como voaban rumbo a Pamplona os tres puntos do Celta-Osasuna.

Ao día seguinte, 1.200 kms. ata Vigo, pero cheos de felicidade tras vivir un marabilloso oasis de primeiros de novembro.


lunes, 11 de febrero de 2019

ANDEL DE NOVIDADES (2): Editorial Kalandraka








Ilustrado por Manolo Figueiras, Kalandraka preséntanos, na colección Seteleguas, o libro de Francisco X. Fernández Naval, Os contos da avoa Pepa. Nel móstrasenos o gusto polas historias, os contos, as fábulas que, dende nena, engaiolaron a avoa e que ela contaba creando un mundo marabilloso no que os animais falaban e no que pasaban cousas que facían rir, e soñar, e emocionar e, ás veces, tamén, chorar. Un mundo inverosímil ou misterioso que debía ser contado.






A editorial Kalandraka continúa cun labor plausible e necesario como é recuperar libros de grandes autores e autoras clásicos, que deben manterse vivos nas librarías. Desta volta, é o gran Tomi Ungerer quen, en Novos amigos, nos conta a historia dunha familia subsahariana que chega a un novo barrio. Alí, sen amigos, Rafi  aproveita materiais reciclados para, no día do seu aniversario,  ir construíndo os seus propios amigos. Cando coñece a Ki, a filla dunha parella asiática que vive á beira da súa casa, as cousas comezan a cambiar…  (Colección Tras os montes).





Judith Kerr é unha novelista prestixiosa cunha obra sólida nas súas costas. En O tigre que veu tomar o té, a autora preséntanos unha nai e unha filla que están a merendar na cociña cando, de súpeto, soa o timbre. Abren a porta e aparece un tigre moi educado que lles di que ten moita fame e pregúntalles se pode tomar o té con elas. Aceptan a súa petición e o tigre zampa todo o que hai na casa mentres nai e filla asisten ao feito con absoluta naturalidade. Cando remata, despídese e vaise… Esta surrealista situación, chea de humor, fai desta historia un libro sedutor que leva ben anos sendo un dos títulos máis vendidos do Reino Unido. (Ed. Kalandraka. Col.Tras os montes)



 Que Jordi Sierra i Fabra é un dos escritores máis lidos pola mocidade non o dubida ninguén.  O que eu creo (de todo) é unha novela xuvenil diferente e máis innovadora das que escribiu o autor catalán. Xavier precisa comprender o que o rodea e comprenderse a si mesmo. Quere sentirse vivo e, dado o seu inconformismo, escribe este libro onde deita as súas preocupacións,os seus medos, as súas alegrías e as súas ilusións. Unha novela escrita con frases curtas que dan á historia un ritmo rápido pero, con mestría, Sierra i Fabra fai que entremos no interior do personaxe e comprendamos os seus sentimentos. (Ed. Faktoría K de Libros)


jueves, 6 de marzo de 2014

DARDO POÉTICO (XVI) BOB DYLAN NO CORAZÓN DE JORDI SIERRA i FABRA







       Cando atopo unha homenaxe calquera a Bob Dylan, recoñezo que o corazón se acelera e os sentimentos se avivan sen control.

E a verdade é que Dylan, a poucos meses de cumprir 73 anos, sempre dá que falar.
       Que se un anuncio de coches, que se alguén o quere infravalorar  como autor (lean Joni Mitchell ou David Crosby), que se un plaxio parcial, que se é frío diante do público, que se xa non toca a guitarra… Queredes máis acusacións? Podería seguir pero non quero atafegar a ninguén con estas estupideces. Puras nimiedades.
 
Bob Dylan
       Incrible que un home, que ten unha carreira de máis de medio século, sempre estea presente na vida dos seus seguidores (entre os que me atopo) e de todos aqueles que semellan non saber dirixir a importancia social, cultural e artística do cantante /poeta de Minnesota. Bah! Vouno dicir : deste xenio que segue cativando a tanta xente e que, doa a quen doa, sempre está a renacer das súas cinzas (se é que algunha vez reultou queimado.) para min, por suposto, non.

       Afirmo que, aínda cos seus discos máis frouxos, Bob Dylan mantivo un nivel moi superior á meirande parte dos artistas da súa xeración e de xeracións máis novas.

       A débeda musical que tantas figuras da música recoñecen (cada vez van saíndo máis á luz), fai del un cumio irrepetible da cultura popular de noso.
       Noto que xa me perdo. E non era esa a miña intención.

       Jordi Sierra i Fabra, amigo, magnífica persoa e grande escritor, publicou na súa web, no mes de setembro pasado, un poema dedicado a Bob Dylan. Coido que é máis canción que poema. Ten a estrutura dunha canción dylaniana.
 
Jordi Sierra i Fabra
       Faloume dela, entrei na súa páxina e lina.
       Pedinlla deseguido.
       Enviouma. Paseina ao galego e hoxe figura en Versos e aloumiños para que poidades lela. Facédeo en clave de cantiga. Vén sendo unha recreación de Mr. Tambourine man. Quero dicir que este tema está presente nos versos de Todo o que me queda, que así se chama este texto que Jordi incluíu nun dos libros de Berta Mir.

       Moitas grazas, amigo.
                                                     Moitas grazas, irmán en Dylan.








TODO O QUE ME QUEDA


Só me queda berrar.
Todo o que poida cantar,
xa o cantou antes Dylan.
Todo o que poida dicir,
xa o dixo antes Dylan.
Só me queda berrar.


Pensas en min cando ves a lúa chea?
Todos os camiños conducen ao ceo.
Talvez porque este mundo évos un inferno.
Eh, home da pandeireta,
tócame unha cantiga,
e deixa que a poida escoitar co meu corazón.


Só me queda soñar.
Todo o que podo amar
xa o amou antes Dylan.
Todo o que poida pensar
xa Dylan o pensou antes.
Só me queda soñar.


Botas de menos o meu sexo na noite?
Deixa que che agarime a alma,
e cubra a túa pel de sorrisos.
Eh, home da pandeireta,
Debuxo de Bob Dylan
toca unha canción para min.
Levareina comigo ata o final.


Soamente me queda lembrar.
Todo o que puiden ser,
xa o foi antes Dylan.
Todo o que quero vivir,
xa o viviu Dylan antes.
Soamente me queda lembrar.


Alguén volveu para facerche sorrir?
Todos os olas do mundo
rematan cun adeus.
Eh, home da pandeireta,
tócame unha canción,
e cantareina ao longo de toda a eternidade.





Soamente me queda berrar.
Soamente me queda soñar.
Soamente me queda lembrar.
Só me queda todo…

                                                                                 Jordi Sierra i Fabra





        
        E para rematar este Dardo poético,co poema-canción de Jordi Sierra i Fabra, no que a presenza de Bob Dylan é real, Versos e aloumiños preséntavos dous vídeos moi interesantes do xenio de Duluth.

       No primeiro, podedes ver e escoitar a Dylan cantando no Festival de Newport en 1964  "Mr. Tambourine man". Tiña Dylan 23 anos. Quen o presenta é o mítico cantante folk, Pete Seeger, recentemente falecido, quen nunca lle perdoaría a Bob a electrificación da súa música.

      Velaquí, un documento dun gran valor histórico e musical.






 E no segundo vídeo,podemos escoitar a un Dylan actual cantando na Casa Branca "The times they are a changin´" no ano 2010, nun concerto promovido por Barack Obama, de homenaxe á música que serviu, nos anos sesenta, como banda sonora á loita do Movemento polos Dereitos Civís.