Fermoso libro o que teño nas
mans. Un libro diferente que conxuga narrativa, poesía e…gastronomía!
Emocionoume o contido do
mesmo pola súa sensiblidade, polos afectos que viven nel e pola humanidade e
intelixencia do seu discurso.
Con este volume, Sobremesas
sobre versos (Galaxia. Col. Árbore.2023. Ilustracións de Diana Pastoriza) , Raquel Castro
gañou a primeira edición do Premio de Literatura Simbad para o Recordo e o
Alzhéimer 2022.
Sempre tiven a Raquel Castro
como unha autora inqueda, diversa, cargada de sensibilidade e que, sobre todo
no que nos ocupa, escribe moi ben. Esta licenciada en Filoloxía
Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, que traballa no ensino secundario, é
unha incansable autora teatral, cuxas obras escritas para representar posúen
unha calidade extraordinaria. O seu labor a prol do teatro é admirable, pero
non abandona nunca os demais xéneros.
E aquí, neste precioso
libro, Sobremesas sobre versos, demostra a súa capacidade para
chegar a través da palabra narrativa e a palabra poética aos lugares máis
fondos do ser humano.
A historia comeza cando a
pandemia nos pechou nos fogares e comprendemos a importancia da liberdade.
Pechada a autora nun piso, cos aplausos no balcón, vivindo a dureza dun
confinamento que nos colleu co pé cambiado, intentaba, pegando o nariz á
xanela, ver máis alá das catro paredes que a retiñan.
Era incapaz de cociñar.
Estaba desilusionada.
Ao tempo, a avoa comezou a
esquecer. Quixo esquecer o mundo que nos esquecía e pechouse nos recordos que a
facían feliz.
O mal do mundo, quizais.
Pero talvez o mal da avoa levou a autora de Vigo a Visuña. Deixou a cidade e marchou
ao CAMPO, con maiúsculas. E recuperou veigas, altas montañas que case tocan o
ceo e auga que nace nos recunchos. E alí comezou a respirar.
A avoa púxose maliña. Era
costureira de profesión e poeta mais reposteira por vocación.
E disto vai o fermoso libro
con que Raquel nos agasalla. Unha tenra historia na que se contan feitos que
sucederon ao longo dos tempos e que , no día a día, volver asomar a cabeza. E
unha avoa que, como outras, comeza a despoboarse de saberes e recordos.
E o libro, entre parágrafos narrativos,
preséntanos en verso diversas receitas de sobremesas deliciosas
que, aos larpeiros coma min, nos enchen a boca de auga.
Dende filloas con mel ata a
crema doce, pasando polas orellas de entroido, polos churros, pola xelea de
amorodos ou o leite fritido, entre outros manxares, imos vendo os ingredientes
e a preparación dos mesmos.
Receitas rimadas que soan directas
e limpas. Escritas con claridade e enxeño poético deitan dozura no seu amplo
sentido da palabra.
Coma exemplo do que digo,
vexamos a receita dos CHURROS:
Ingredientes
Medio litro de leite
mais unha cullerada de aceite,
|
Raquel Castro |
de auga bota a metade,
do sal unha presa á túa vontade,
de fariña poñamos
uns trescentos setenta gramos,
con azucre e canela
atrae o churreiro a súa clientela.
Preparación
Fervemos o
leite
con auga, sal e aceite.
Bota fariña ao ferver
sen deixar de remexer.
Cando a masa estea pastosa
e sen grumos escumosa,
deixámola arrefriar
para podela traballar.
Logo métea enteira
nunha manga pasteleira,
mentres nunha tixola grande
tes quente aceite abundante.
Vas a manga apertando
e os churros vas cortando.
Cando estean douradiños
poñelos enfeitadiños
de azucre branco ou moreno
cada un no seu desexo.
Chocolate ou canela
como sexa a comedela.
Que vos parece? Non pode ser
máis orixinal.
Un libro, pois, atraente que
fará as delicias do lectorado e, ademais, fará auga na boca de todas as persoas
que se perden polas larpeiradas.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO