TÍTULO: O conto do outro día.
ILUSTRACIÓNS: Noemí Villamuza.
EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Demademora.
O conto do outro día é un fermoso álbum ilustrado de Roberto Aliaga que homenaxea o acto de compartir a lectura entre un pai e un fillo antes de durmir e as consecuencias positivas que conleva tanto para os adultos coma para os nenos.
É o momento especial nos que os adultos xogan coas chaves
do mundo infantil. Recobran a lembranza da súa nenez e reviven a emoción de
cruzar as liñas da realidade.
A través dun tenro diálogo, non exento de humor, a palabra
lida e compartida en voz alta cobra vida por medio do libro como elemento
máxico de unión, complicidade, goce, acougo, agarimo e coñecemento do mundo
real e o fantástico.
O conto do outro día que varía, se transforma segundo os
desexos e vive diferentes dimensións ao deixar aberta a porta á imaxinación, á
fantasía onde os protagonistas poden ser o que queiran sempre e cando estean
xuntos.
As ilustracións coloridas e expresivas de Noemí Villamuza en sintonía co texto amosan os dous mundos lidos, vividos, soñados.
-Papá estás aí?
-Si. Estou aquí, ao teu
lado.
-É que non teño sono.
-Xa vexo…
-Cóntasme un conto?
-Un conto?
-Si. Coma o conto do
outro día!