Páginas

viernes, 7 de mayo de 2021

FAíSCAS (8) "Helena Villar Janeiro e Carlos Labraña e dous libros para gozar da literatura"

 




Estaba mergullado nun libro excelente de Héctor Abal Faciolince, Fragmentos de amor furtivo, cando recibo dous títulos de dous autores (autora e autor que admiro fondamente: Helena Villar Janeiro e Carlos Labraña.

      Debo recoñecer que me chamaron a atención as cubertas tan alegres e atraentes e, fixándome quen os escribía, decidín facer unha parentese na lectura do escritor colombiano e ler os libros recibidos un tras o outro.

A fuga de Guillermo, que así se chama o conto de Helena, é unha historia dunha tenrura (apoiada polo gran traballo de Luz Beloso) que te aloumiña na súa lectura. Guillermo é un rapaz, un personaxe dun conto mediocre que se chama Guillermo, o pelador de mazás, un neno que un día decidiu marchar deste libro tan aburrido, porque se sentía triste a mercé dun rato, e que, cando estaba a piques de casar coa princesa, pasaba case todo o tempo pelando mazás e recibindo ordes dunha bruxa que o atrapara collendo leña no monte. Guillermo chega a unha Residencia de Tempo Libre, e fica desorientado. Pero vai coñecer unha boa señora, algo solitaria, e vaise estabelecer unha relación fermosísima entre eles. 

     Coa mestría que a caracteriza e cunha fina sensibilidade, Helena Villar Janeiro escribe unha historia emocionante que resulta un pracer ler e, ao facelo, pasas un tempo moi feliz. Ler un libro desta muller é un acto de alegría polo xeito tan entrañable de crear literatura.

 

     O segundo libro é unha obra de teatro. É Carlos Labraña todo un especialista para crear pezas que a rapazada poida representar. Contra o reloxo é o seu título. Unha historia no que o tempo (medido ou non) é o protagonista na figura de don Pedro, un vello reloxeiro que, ao quedar viúvo, decide pechar a súa reloxaría porque o cansazo o domina.

Ao velo tan deprimido, a súa filla Xulia decide darlle unha sorpresa para animalo. Polo medio, uns personaxes curiosos (e non moi espilidos) Tic e Tac preparan un roubo case imposible.

En Contra o reloxo (coas simpáticas ilustracións de Fonso Barreiro) hai moito humor, moita tenrura, algunha caricatura de comportamentos humanos e unha claridade textual que permite ao lector ou lectora gozar do que le, imaxinalo nun escenario e sorrir, un verbo que nos é negado demasiadas veces.

      Teño que aplaudir o labor da Editorial Galaxia pois está a publicar poesía e teatro, algo non moi habitual, por desgraza. É algo que se agradece, tendo en conta a importancia de tales xéneros e o pouco que se valoran. Neste sentido a colección Árbore é todo un exemplo.

E recoñecer, unha vez máis, a traxectoria de Carlos Labraña, multipremiado con toda xustiza, por esa teima de poñer nas mans dos docentes uns textos tan suxestivos como necesarios.

Tras gozar destas dúas novidades, volvín a Abad Faciolince e a desfrutar deses dous amantes que, en Medellín, se pechan na ficción do seu pasado para non sentir o medo do presente.

 

                                                                                                                                             Antonio García Teijeiro