martes, 9 de mayo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (22) "Agni e a chuvia", de Dora Sales







TÍTULO: Agni e a chuvia.

AUTORA: Dora Sales

ILUSTRACIÓNS: Enrique Flores.

TRADUCIÓN: Tamara Andrés.

EDITORIAL: Kalandraka. COLECCIÓN: Sete Leguas.



A editorial Kalandraka achégalles aos lectores máis novos e da man da profesora, escritora e tradutora Dora Sales esta historia emocionante, dura e tenra á vez sobre a explotación infantil.

     Agni é o protagonista da historia. É un neno de dez anos que  leva dende os seis traballando nun lavadoiro de Bombai para axudar na casa. Alí  todos os membros traballan, agás a irmá pequena porque aínda non ten seis anos.
     
Dora Sales
    Agni é un neno feliz, a pesar da situación de pobreza e explotación na que vive porque comparte sorrisos e tempo coa xente que quere e ten soños que o axudan a seguir cara adiante e aproveitar os bos momentos. Conta co agarimo dos seus pais, ademais do seu irmán maior,  que lle amosan que o importante da vida non se atopa nas grandes cousas senón nas pequenas. A Agni encántanlle as palabras, os seus sons e significados, por iso devece por aprender a ler para podelas dominar e con elas  descubrir todo un mundo de posibilidades.

     Ao longo dos oito capítulos nos que se estrutura o libro o lector descubrirá a través da inxenua, optimista e curiosa ollada infantil, unha situación real e inxusta de moitos nenos aos que lles roubaron non só a infancia senón o futuro.
     As ilustracións coloridas e delicadas de Enrique Flores están en sintonía co ton  vitalista do texto.
Ilustración de Enrique Flores

     O libro inclúe ao final unha  interesante relación de lecturas e documentais sobre o traballo infantil.


                                                                                                       ALBA PIÑEIRO