Agasalloumo unha amiga moi querida que coñece a miña paixón poética. Ela sabe, tamén, que Manuel Antonio é un dos poetas polos que sinto verdadeira devoción.
O manuscrito inédito de De
catro a catro xa ocupa un lugar privilexiado entre os libros especiais
na miña biblioteca.
Editado por Alvarellos Editora e o Consorcio
de Santiago e coa colaboración da Universidade de Compostela, este libro é
unha xoia. Manuscrito inédito, edición facsimilar que respecta fielmente o
formato orixinal no que foi creado un poemario que é un cumio da poesía
vangardista , non só galega, senón tamén universal.
Anxo Tarrío Varela |
Un traballo magnífico do profesor e
catedrático Anxo Tarrío Varela (USC),
que transcribe o texto coa identificación das súas variantes. reproduce
fotografías e ilustracións dun dos libros relevantes da nosa poesía, escrito
entre os anos 1926 e 1927. Este manuscrito é o documento polo que se guiou o
seu editor Ánxel Casal –moi controlado
polo propio poeta- para compoñer o libro De catro a catro. Follas
dun diario d´abordo, que sairía do prelo de Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, na rúa Real, nº 36-1º d´A
Coruña, en marzo de 1928.
O manuscrito presenta
moi bo estado de conservación polo que foi posible abordar esta edición
facsimilar e a transcrición íntegra do texto nun traballo fondo do profesor
Tarrío Varela. Manuscrito, peza única, propiedade dos herdeiros de Domingo
García-Sabell, que o cederon xenerosamente para proceder á súa divulgación.
Fisicamente, trátase dunha libreta común de
asentos contables, como as que aínda se poden atopar nas papelarías. Nela
atópanse os poemas dun poeta, Manuel Antonio, tan meticuloso, obsesivo, que non
nos permite saber cantos borradores precederían a este que, con seguridade, é o
que tivo diante o impresor para levar a cabo a primeira edición, datada,
segundo lemos no colofón, en “vintesete de Marzal de MCMXXVIII”.
Un libro imprescindible para todos aqueles
e aquelas que aman a poesía; que aman o libro ben feito e que saben da
importancia dos versos para consolidar
aínda máis unha cultura necesitada de divulgacións imprescindibles.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO