miércoles, 17 de mayo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (23) Serie "Toribio", de Carlos Casares





TÍTULOS: Este é Toribio; Toribio contra o profesor  Smith; Toribio e o contador de     contos; Toribio ten unha idea e Toribio revoluciona o tráfico.

Carlos Casares (Foto de Ricardo Grobas)

AUTOR: Carlos Casares.


ILUSTRACIÓNS: Penélope Ares.


EDITORIAL: Galaxia.COLECCIÓN: Árbore.




A editorial Galaxia vinte e seis anos despois da súa primeira edición e co gallo das Letras Galegas, volve reeditar toda a serie de Toribio de Carlos Casares, o autor homenaxeado neste ano 2017.

     Trátase de cinco libros, que poderiamos considerar coma pioneiros dentro do panorama da literatura infanto-xuvenil das nosas letras, ao inaugurar o fenómeno das sagas literarias infantís. 

     Todos comparten o mesmo protagonista, Toribio, un neno de oito anos moi espelido e cunha imaxinación desbordante. No primeiro Este é Toribio, os lectores van coñecer a Toribio, os seus pais e tanto os amigos animados coma os inanimados, humanos ou animais e mesmo, algún que outro inimigo. Pero sobre todo descubrirán a súa afección favorita: inventar todo tipo de artefactos que faciliten a vida cotiá en paz e harmonía.

     
     Nos catro seguintes, xa aparecen todos os personaxes en acción para traballar xuntos en  botar abaixo calquera disparate que o malvado profesor Smith poida facer co seu Lapis Ladrón. Así, grazas á colaboración da súa amiga Sara e mais dos outros: a Ra dos Recados, os profesores Pardau e Papafigovich, que coa axuda dos seus fantásticos inventos, evitarán que o profesor Smith logre cumprir os seus terribles obxectivos.


     Coas enxeñosas historias e o humor presente, tanto na linguaxe coma en determinadas situacións, Carlos Casares consegue atraer a atención dos lectores máis novos, que se van introducindo no mundo das tecnoloxías para que, ao mesmo tempo que se divirtan, aprendan.

     
     As  coloridas e expresivas ilustracións de Penélope Ares son as encargadas de dotar con vida a Toribio e todo o que forma parte do seu real e fantástico mundo.





                                                                                                                                                ALBA PIÑEIRO