12 greguerías de luna
Ramón Gómez de la Serna
Marc Taeger (ilustrador)
Kalandraka Editorial
Col. Poesía ilustrada
Sempre sentín unha enorme
atracción polas Greguerías de Ramón Gómez de la Serna, ese
escritor vangardista, iconoclasta, que fixo da literatura un universo
particular ateigado de liberdade.
Un escritor orixinal, que
descubriu nas vangardas un xeito de expresión literaria libre, enxeñosa e,
mesmo, provocativa.
![]() |
Ramón Gómez de la Serna |
Sempre levei comigo as Greguerías
aos obradoiros poéticos, a determinados encontros, a cursos para mestres e
mestras, porque me resultaban fascinantes.
A greguería, “esas fatais exclamacións
das cousas e a alma ao tropezaren entre elas por pura casualidade”, afirma
Ramón, para continuar dicindo que “a greguería non se procura, non se fabrica,
senón que tende a xurdir espontaneamente da impresión momentánea que unha
cousa, un obxecto ou o que sexa produzan na nosa imaxinación”.
A Editorial Kalandraka
preséntanos, dentro da colección Poesía ilustrada, 12 greguerías
de luna”, interpretadas marabillosamente por Marc Taeger, que
son un agasallo para a vista e para sentir a beleza das palabras e das imaxes.
![]() |
Marc Taeger (toto de Adrián Baúlde) |
Coido que o artista non
puido describir mellor o seu traballo: unhas greguerías visuais. No seu
traballo Marc Taeger non se centra, penso eu, en apoiar o texto, senón en crear
imaxes -moi belas- que se fundan coas palabras e, á vez, cada ilustración teña
vida por si mesma.
E foi a través do collage,
como o ilustrador crea un discurso plástico suxestivo, evocador que permite a
quen o ve ir máis aló das palabras.
A lúa, reflectida cun ton
vangardista na imaxe, chega a acariñar as liñas creadas por Marc e dá un paso
adiante como querendo fuxir das palabras que lle deron forma inicialmente para
verse retratada e contida nos trazos do ilustrador.
A beleza, tanto nas palabras
coma nos trazos, brilla dun xeito extraordinario neste fermoso álbum.
Un libro sen idade. Un libro
para gozar del visual e literariamente, que fai da estética e do enxeño o eixe
fundamental. Un libro engaiolante.
Antonio
García Teijeiro