sábado, 29 de abril de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CIII) Marta Dacosta








                                            MARTA DACOSTA (Vigo, 1966)




APRENDEU a coser
como todas as nenas da súa idade
ordenada e silenciosamente sentada
co seu pano branco
de panamá

Marta Dacosta
cosía sobre a man, esburacando os dedos
ou cravando con saña a agulla
na tensada tea do bastidor

pensaba que era absurdo
difernciar “vainicas”, festóns e cadenetas
tentar debuxar con punto de cruz
figuras que nada lle interesaban

apredeu a ganduxar
facer as dobras e coselas
con puntadas invisíbeis

días e anos de costura
fíos de cores que sempre sobraban
e amoreaba sen se atrever a tiralos
esa ansia de aproveitar todo, todo

horas e horas de fastío e desespero
tentando dominar o desexo
de lanzar o pano de costura lonxe, moi lonxe
tan lonxe que todas esquecesen
que había deberes para a casa

que debían someterse á mirada escrutadora
que atoparía a tea pregada
os puntos asimétricos
denunciando a falta de atención
e entrega

nunca imaxinou que un día
toda esa aprendizaxe serviría
para reparar unha memoria esfiañada
que ía desfacendo aos poucos



DESTEZO
e agardo

aquí
no centro deste músculo que bate
ritmicamente as horas

aquí
nas entrañas que devoran
ácidas o espazo

destezo
e agardo

porque non sei
se chegou o tempo do regreso
para min
que non fun convidada
a partir




TIRA a roupa
mostra o corpo
as cicatrices delatoras

ergue o brazo, deixa
que a axila mostre
que te roeu o veleno
até desfigurarte

non ocultes o ventre
a liña que o cruza e que nos conta
que o parto foi difícil

mostra o corpo
tira a roupa
e deixa que as cicatrices
nos conten esa historia
Marta con María Reimóndez e Ledicia Costas
a túa historia

que deixen claro
que venciches



PENSABAS
que Ofelia era unha imaxe
estática e distante

e como unha labazada
a humidade do río empapa as túas roupas
rodéate de flores que ocultan
a verdade
alteran a visión das testemuñas
que
non te salvarán, que
só contemplan
un cadro fermoso
sen preguntarse
por que estás morta





(Do libro Na casa da avoa, editado por Ed. Galaxia, 2017)