A miña segunda aportación
ao Festival
Kerouac de Vigo 2016 foi un recital poético en La Fiesta de los Maniquíes.
Rodeado de xente nova, con ganas de
comunicar, con talento. Persoas que cren na forza da poesía, da palabra, das
artes visuais, do cosmos poético da denuncia, decidín deixar á parte os meus
libros chamados “de adultos” e seguín a liña que estou a defender dende hai un
tempo: rachar certas barreiras, derrubar muros e ler eses poemarios que “tamén
poden desfrutar nenos e mozos/as”.
De aí a lecturado meu poemario Petando
nas portas de Dylan, un libro editado pola Editorial Galaxia, na súa colección Árbore. É este un libro, cuxos poemas nacen de versos de Bob Dylan para artellar un discurso poético aberto e
que produza reflexión.
Antes, fixen unha introdución, unha pequena
referencia á “xeración beat” para contextualizar o que ía ler, relacionándoo con Bob Dylan.
Podedes ler deseguido este texto e tres poemas do meu libro con algunha ilustración de Xosé Cobas.
CHEGAR
A PETAR NAS PORTAS DE DYLAN DENDE JACK KEROUAC
Non collín Cadillacs
prestados nin Dodges escangallados. Non fixen viaxes entolecidas, nin coñecín hipsters de madeira, nin percorrín o continente
americano. Pero si, sufrín golpes traidores, angurias e puñadas hostís nas
odiosas tebras da vida.
Sentinme revivir cando
dei con Jack Kerouac, con Neal Cassady, Allen Ginsberg, Gregory Corso ou
William Burroughs entre algún outro. Esa xeración beat, a través dos seus versos surrealistas,
cheos de imaxes e sempre iconoclastas, abríronme camiños e notei a súa
disidencia preto de min.
Compoñentes da "xeración beat" |
Camiñei on the road polos vieiros dun mundo que non me
gustaba apoiado na potencia dos seus versos, dos seus relatos.
Quixen ser Sal Paradise
e Dean Moriarty e moitos máis, pero resultoume imposible.
Fiquei desorientado,
perdido nas pantasmas do absurdo.
E bebín das súas
palabras para non entolecer.
E roubei os seus versos
para sobrevivir.
E vin o teito do encanastrado cuarto da Terceira e
Harrison que ten a Belfast pintado negro sobre amarelo no costado da vella
madeira de Frisco.
E vin en certo lugar, entre a neve, nenos violados, maníacos decididos a
facer disparates, pistolas nas mans de obsesos paranoicos e quixen contarlles
aos nenos fermosos relatos máxicos, loucuras múltiples e as tristezas da nena,
a máis pequena de todos os irmáns no presebe feito de xiz (azul na lúa).
Dende estes versos e
outras palabras de Kerouac achegueime a alguén que bicou a súa tumba: Bob
Dylan.
Dylan e Ginsberg |
E aínda que a bruma
sexa bruma mentres o ceo queira, as súas palabras, as súas cancións, a súa
voz esgazaron o aire para que mozos e
mozas reaccionasen diante duns poemas dedicados a quen escribiu:
Eu son un home normal e corriente
Son
como el, igual ca ti
Son
o irmán e o fillo de todo o mundo
Non
son diferente de ninguén
Non
ten sentido falarme
É
o mesmo que falar contigo mesmo…
ou
Fóra na inhóspita terra
un
frío coiote oulea
Os
teus ollos fixos na escopeta
que
está colgada na parede…
E non quixen fríos, nin
coiotes que ouleen, nin escopetas penduradas do desatino.
Quixen seguir no camiño
da palabra escollida, e pensando nos mozos e mozas perdidos en terras sen versos,
petar nas portas de Dylan como el petou nas portas do ceo.
E de aí saíron estes poemas.
Con
eles naceu este libro.