“Versos e aloumiños” foi,
dende o seu inicio, moi sensible á literatura infantil e xuvenil.
Os que facemos este blog-revista cremos
fondamente na súa necesidade nesta sociedade nosa e non concibimos que o
alumnado pase polas distintas etapas educativas de costas á literatura.
Nas nosas entradas ao longo destes anos as
reseñas sobre libros de LIX foron aparecendo, conscientes da importancia da
lectura. Pero consideramos que debe haber máis constancia neste eido e queremos
que os libros para nenos/as (e adultos) teñan máis presenza.
Por iso abrimos unha nova sección: “Remuíño
de libros”, que correrá a cargo da profesora de Secundaria, Licenciada
en Filoloxía Galega e especialista en LIX,
Alba Piñeiro. Aínda están na nosa lembranza as súas columnas no semanario
“A Nosa Terra”, que abriu os ollos a tantas persoas que se interesaban pola boa
literatura que se escribe para os pequenos (e grandes!).
Unha razón máis para que “Versos e
aloumiños” siga medrando.
Unha razón máis para que prendan luces de
esperanza ao noso redor porque, como di Luis Eduardo Aute nunca canción: “Qué
feo, feo, feo mundo…!
Fagámolo un pouco máis bonito.
Todos somos responsables.
Título: Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada.
Autor:
Carlos Labraña.
Ilustracións: Rodrigo Chao.
Editorial: Galaxia. Colección:
Árbore.
Carlos
Labraña,autor recoñecido no eido do teatro para o público infantil, achégalles
esta farsa humorística protagonizada por un elenco de personaxes extravagantes.
Esta peza teatral, estruturada en dous lances que se distribúen en catorce
escenas e un epílogo, ten coma fío condutor o humor. A través del, o autor é
quen de darlles vida a uns estrafalarios compoñentes dun circo que teñen coma
obxectivo, ao longo da obra, buscar financiación para poder pagar as súas
débedas e continuar contaxiando coa súa profesión. Un equívoco será o punto de
partida que dará lugar ao desenvolvemento da acción dentro dun banco que vén de
quebrar. A partir de aquí asistimos a unha serie de situacións absurdas por
medio das cales o autor pon de manifesto, dun xeito natural, o que significa a
crise económica e as súas consecuencias no comportamento humano.
Carlos Labraña |
A linguaxe
sinxela e directa axuda o lector a entender como nunha sociedade gris na que só
domine o material, as cores dos soños e da maxia corren o perigo de
desaparecer.
As ilustracións de Rodrigo Chao recrean perfectamente os diferentes personaxes e
afondan no seu valor simbólico.
Alba Piñeiro