viernes, 11 de diciembre de 2015

"PEPE BALBINO NEIRA VILAS", UN TEXTO EMOTIVO DE DAVID OTERO

David Otero


     David Otero é un mago das palabras. Un prestidixitador das palabras. Un amante das palabras. E estas sábeno e déixanse aloumiñar polas mans, pola voz, polas ocorrencias dese mago, dese prestidixitador, dese amante.
    
     Quero moito a David Otero. Quéroo polo que nos une dende hai tanto tempo e por ver que mantén unha postura inamovible e fonda sobre esta terra que tanto ama, que tanto amamos.
     David é un home comprometido coa realidade galega e de aí non o move ninguén. Sempre alumando os demais sen pretendelo coas súas actitudes firmes, sensibles e intelixentes.
     Cando me escribe un correo electrónico ese “buxo beleza e liberdade” emocióname. Moitos anos léndoo. Moitos anos sentindo a mesma sensación.
    
     E como David Otero ama  Galicia e as súas circunstancias, amaba tamén a Xosé Neira Vilas. Por iso escribiu este texto de homenaxe ao escritor ido.
    
      Versos e aloumiños séntese moi honrado de publicar tan sentidas palabras dun home bo a outro home bo.

     Por moitos anos, irmán.




PEPE BALBINO NEIRA VILAS




Anisia Miranda
Con Balbino
escoito “ AI AMOR”
e sei que nunca nos has faltar… Pepe…
e sei que vas xunto dela,
ela… a señora da doce palabra,
a compañeira da maior mornura
e que tanto precisabas ( e digo ANISIA).


ELA…
a firme militante na humanidade
hoxe creme…está feliz
Anisia e Neira Vilas
e acóllete no seu niño de amor
e vida sempre,
pois o abrazo faise eterno
a benvida sen medida
e a lambetada faise sempre compartida.


AI AMOR…!
( será o que resoe intensamente
ata os límites de quen somos,
reducindo todas as lonxanías)


AI AMOR…!
tráevos a nós
e será o dicir sen paro,
o voso dicir sen paro.


AI AMOR…!
tamén será o sentir que nos une
Xosé Neira Vilas
a tanto afecto.
Tamén será a palabra.


AI AMOR…!
será o bico
que vos eterniza en nós
nesta nosa memoria desexada

Ilustración de I. Díaz Pardo


AI AMOR…!
xa vai con nós
neste ando,
a pasos de teimosa loita …

sen renuncias


AI AMOR…!
será o latexar que nos una.
E velaí tamén será…
unha bandeira.

                                                     DAVID OTERO ( 27 novembro de MMXV)