lunes, 28 de diciembre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS ( 49 ) Luís Valle







O PRIMEIRO, O NOME
que  baixo ti latexa.

Logo, a beira das cousas,
a luz doída
                  e o rego
                  sobre as terras.

Ao final,
              o xardín roto.

     Este foi o primeiro poema que lin de Luís Valle (Lugo, 1977). Axiña me decatei de que estaba diante dun poeta que me interesaba. Pertence ao libro A caída, co que gañou o VII Premio Caixanova 2008. Un libro que arrecende a haiku sen haber moitos nel. Un libro formalmente sinxelo, pero dunha fondura que emociona. Poesía espida de ornamentos, a de Luís, mais dunha intensidade que fai encoller o corazón do lector.

Luís  Valle

DE TI QUÉDAME
                             o oco
inmensamente
namorado.

Pois
       en verdade baleiras
       o excremento
       de min mesmo.

     Converteuse nun dos poetas aos que sempre acudo cando preciso ordenar os meus pensamentos, resolver conflitos e dominar os meus sentimentos.
     
     Defíneo moi ben Darío Xohán Cabana no Limiar do poemario cando di “que é capaz de lograr esa concisión emocional” que o lector ou lectora atopará na lectura dos seus versos. Mágoa de non ter Zigurat, onde, segundo Darío Xohán Cabana, se atopan bastantes dos haikus máis exquisitos que el tiña lido.
     
     Pero ese libro marabilloso que escribiu con ilustracións de Baldo Ramos (outro magnífico poeta), Trona, o merlo (Barbantesa, 2015), empuxoume a mergullarme naquela poesía que era descoñecida para min. E fíxenme con Fedor, co que gañou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón na súa vixésimo terceira edición (Sotelo Blanco, 2011) e co Caderno do mendigo (Barbantesa), tamén publicado nese mesmo ano. Rendido fiquei diante do seu discurso poético; un discurso poético sólido que vai dirixido, coma unha frecha, directo ao corazón.




BONECA DE TRAPO DO ENGANO
teño calos nos ollos de verte
morrer. No meu corazón arden as
pombas fartas.
     
     
     Estes versos de Fedor son un exemplo da poesía impactante do autor, na que, ademais do amor soñado ou vivido, está moi presente a morte e eses lugares fríos, ás veces ignotos,  cara a onde se dirixe o ser humano.




O CEO ESFÍASE
as chaves
do mediodía.
                    Caen
as achas afiadas
no corazón
dos Magos;
                 caen
os paquetes baleiros.

     
     Un poema, este, tirado do Caderno do mendigo, que continúa a liña trazada polos libros anteriores. O amor arelado, as ansias vitais e íntimas, a ira que produce a realidade, as imaxes feridas e ferintes…atópanse nun poemario de “tristeza dixerida”.
    
     Ben, pois xa está dito. Luís Valle é quen de facer que te sintas próximo aos seus versos, de que te inqueden, de que os mastigues unha e outra vez e que descubras neles todos os sabores que conteñen.

     
     Non podía faltar un poeta así nesta sección de Versos e aloumiños. E como é un innovador incansable, decidiu enviarme este impresionante foto-poema.
      
     Para este blog-revista é un luxo que Luís, a súa pegada, fique aquí n ´A luz das palabras. E nós agradecémosllo de corazón.

     
     Gozade da foto-poema. Gozade da súa poesía.




                                                                                      Luís  Valle