martes, 24 de febrero de 2015

O DÍA DE ROSALÍA QUE HA DE SER "TODOS OS DÍAS".

      

   O día 24 de febreiro, celébrase o "Día de Rosalía",


   cando se cumpren 178 do nacemento da nosa insigne poeta.

     Un día para seguir amando a Rosalía.

     Para que a súa figura estea presente acotío na memoria 

colectiva deste pobo galego, tan necesitado de guías sociais e 

literarias.

     Para ter ben clara a necesidade de que a súa palabra nos siga

unindo ao espírito loitador, de denuncia, de olor a chuvia e a 

verde, a gris e a negro, a liberdade e sufrimento que conteñen 

os seus versos. 

Uns versos que son, por riba de todo, versos que 

nos falan, ás veces ao oído, e outras veces en voz alta. Que 

enriquecen a literatura e que nos conducen a horizontes 

despexados de néboas malignas.


     Porque a súa poesía é grande. Porque é próxima. Porque é 

alimento. Porque evoca desexos. Porque dá forza para seguir 

vivindo.

E non hai mellor homenaxe, a única homenaxe que podemos 

facer á súa memoria que seguir léndoa. 

Que a nosa voz, coa súa voz, atrone en cada punto da 

nosa xeografía.
Lendo a Rosalía na Universidade de Tennessee en Martin (EE.UU.)

     Si, LER A ROSALÍA debe converterse nun feliz costume. 

Nun hábito que dure os trescentos sesenta e cinco días do ano. 

  Trescentos sesenta e cinco poemas. Trescentas sesenta e cinco 

rosas. Trescentos sesenta e cinco aloumiños líricos.


     


     E para celebrar este día, "Versos e aloumiños" presenta aquí un

longo e emocionante poema da nosa admirada Xohana Torres, 

contido no libro "Daquelas que cantan... Rosalía na palabra de

once escritoras galegas".

Xohana Torres
   Amémola. Leámola. Emocionémonos coa palabra de Rosalía
   con este fermoso poema, Ti es para min esa barca... de Xohana Torres:




Ti es para min isa barca que lembra
toda a presencia de madeiras náufragas,
que vive infinda unha traxedia líquida
de peiraos sen panos e sen peixes.
   Sedenta como un mar
   e no teu mar afogada.

 




Ti es para min un pobo pequeniño
de vieiros sen cumes, sen riadas,
mergullando no seo, case morto
unha virxe canción, inimitable.
   Sedenta como un mar
   e no teu mar afogada.


 
Ti es para min unha callada piña
de moitas primaveras agardadas
onde xogaron anxos,
onde vibraron alas sen movelas.
   Sedenta como un mar
   e no teu mar afogada.


 
Ti es para min a historia da meniña
que iba soñando praias
hasta que deu marea a un ben triste mañá.
   Sedenta como un mar
   e no teu mar afogada.


Ti es para min o lombo dunha sombra
onde todo resulta preguntado
e os pasos das persoas faise lene...
   Sedenta coma un mar
   e no teu mar afogada.


¡Ti es para min a terra dunha tumba
cumpridamente limpia de pisadas!

     Quero rematar cunha pequena homenaxe pola miña parte.




    Este poema meu, escrito xa hai tempo, que figura no poemario "Caderno de fume".


Unha lembranza a Rosalía
que oía tocar estas campanas.


As campás de Bastabales
Igrexa de San Xulián de Bastavales
están a repenicar;
sinto que tocan tristeiras,
eu non as quero escoitar.

Soan e soan ao lonxe
e non me quero achegar,
porque me falan de amores
que xa non quero lembrar.

Son badaladas queixosas
as que están a resoar;
tinguen o ceo de negro,
sombras de amor e de amar.  




Escoitemos agora a Amancio Prada cantando a Rosalía de Castro.






   
                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO