domingo, 8 de febrero de 2015

TRES LIBROS PARA OS PEQUENOS LECTORES PUBLICA EDICIÓNS XERAIS: DE MEDOS, ANIMAIS EN VERSO E CANS TRISTEIROS.




    Novo ano, novos libros. Novidades ben interesantes.
     
     Edicións Xerais de Galicia acaba de publicar tres novidades de LIX que amosan o gusto con que esta editorial coida as súas edicións.
     
      Son tres libros para pequenos lectores. E un, ben que se alegra cando aparecen títulos para idades nas que é preciso achegar aos cativos poemas ou historias próximas que os axuden a medrar por dentro. Que os fagan cómplices da palabra literaria. Que os empurren cara á satisfacción de ter un libro preto, a través  do hábito lector e da calidade dos textos e ilustracións.
      
Así, así, os libros preto deles dende ben pequenos.
     Unha tarefa necesaria, chea de atrancos e máis, se cadra, se falamos de que están editados en galego. Os mediadores e mediadoras agradecerán estes volumes, porque con demasiada frecuencia se esquecen as editoriais destes tramos de idades.

     Os libros que nos ocupan aparecen na colección Merliño dous deles e o terceiro, un álbum en Pequeno Merlín.
     
      A alegría é dobre, para min, ao ver que a poesía é a protagonista de Coller as rendas e que O can Gastón anda tristeiro évos un conto rimado.
     
Yolanda Castaño. Oxalá nunca deixe de escribir poesía para os nenos e nenas.
     
     En efecto, dende aquí volvo a alegrarme de que a gran poeta Yolanda Castaño, unha das mellores voces líricas do noso panorama literario, siga a escribir poemarios para os pequechos. Un luxo e un recoñecemento de que a poesía, se é boa (e a dela é magnífica), non ten idades nin prestixios diferentes.
      


     Coller as rendas (col. Merliño) é un poemario fresco, cheo de humor, moi ben artellado, arredor de animaliños que teñen camiños por trazar. Hai animais de moitas especies: unha berberecha, unha escaravella, unha carracha, un can, un percebe etc. Bechos mariños, insectos, animais que teñen amigos e veciños, que comparten, que se dan ánimos para que ao emprender os seus camiños se sintan libres para facelo sen que ninguén os dirixa.
    

     Velaquí un dos poemas:

Ilustración de Xosé Tomás.

Un cullarapo
topou cun sapo
que inchaba o papo
por ser maior.
“Ti vas de guapo
e es un cazapo.
Quen salta logo,
salta mellor”.

    
      
     Un libro de poemas imprescindible para os máis novos. Un libro delicioso, irónico, festivo, magnificamente ilustrado por Xosé Tomás, un ilustrador con máis de vinte títulos de LIX que realza os poemas cos seus debuxos plenos de orixinalidade e dunha expresividade que fascina. Crea un ambiente moi propicio para que plástica e verso fagan un todo suxestivo.

      

     O segundo, tamén en Merliño, chámase O can Gastón anda tristeiro. Un conto rimado traducido ao galego por Carmen Torres París, cuxo autor e ilustrador é Pablo Rosendo (vigo, 1984), director artístico da serie de animación Berto´s diary, colaborador de diversas revistas e que publica semanalmente unha viñeta no xornal “La Voz de Galicia”.
       
Pois si que está deprimido. Que lle ocorre? Il. de Pablo Rosendo.
     Un conto sinxelo, simpático, sen pretensións, escrito na súa maior parte en pareados, que trata dun can tristeiro, que nada, nada o fai feliz. O seu dono, Antón, pensa o indicible para que cambie, para velo sorrir, ata que un día…
     Nótase moi ben que o autor traballou na animación pois os seus debuxos, planos, con moita viveza e cor, así o confirman.

      
     E o terceiro, está asinado por Sabela Fernández Torres, mestra especializada en Audición e Linguaxe, licenciada en Psicopedagoxía e autora de materiais e artigos no ámbito pedagóxico.
      

     Dentro de Pequeno Merlín, Augusta e os seus medos cóntanos a historia dunha nena, que está chea de soños, pero que é tan medrosa que non consegue que ningún se lle cumpra. Isto o que lle di a miúdo o seu avó. Tiña tantos medos que a Augusta non a deixan nin ulir, nin viaxar, nin falar, nin sorrir. Un día decidiu comentar aos seus pais que quería ser valente. Daquela comezou a atopar notas e caixas e tras lelas ou abrilas… “Sorprendida quedou co que dentro encontrou”. Un conto que, dun xeito sinxelo, nos fala da necesidade de enfrontarse aos medos para superalos.
      
     Ilustrado, con trazos lineais en cor, cheos de tenrura e humor por Alicia Suárez, este libro fará gozar aos lectores e lectoras pola súa sinxeleza e o seu optimismo.    
 
Ilustración de Alicia Suárez.
      
     Demos, pois, a benvida a estes tres títulos que aparecen nas librarías para faceren que a xente miúda poida sentirse moi ben lendo.        

                                                                                     
 
E rematarán lendo e consultando libros coma este...



                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO