Sensible, agarimoso, intelixente, cativador.
As súas palabras acariñan, sinalan, evocan, denuncian.
O ton que posúe a súa voz –persoal e poética- enche de azul os ceos
anubrados.
Estou en permanente comunicación con el. Un luxo.
Compartir con el o día a día, os nosos atrancos, os nosos proxectos, as
nosas penas e alegrías, unha honra.
Francisco X. Fernández Naval
(Ourense, 1956) ama a palabra, as artes, o mar, a vida.
Fernández Naval ten unha obra ampla en lingua galega. É a súa unha obra
rica, variada e imprescindible.
Cultiva a novela, a poesía, o relato curto, o ensaio. Fai incursións
–felizmente- no terreo da LIX, escribe libros de viaxes, guións
cinematográficos e teatro.
Idiomas coma o castelán, o francés,
o vasco, o catalán, o árabe e o portugués (axiña o ruso) enriquécense coa súa
creación.
Como di a miña querida e admirada Eva
Veiga, sobre el “palabras útiles que
recolle Fernández Naval nese territorio tenso de ventos e de escumas e de velas
e fosforescencias e de dor e amizade e de amor”.
Non se pode definir mellor o espírito que posúe este home bo que, para
min, é un dos mellores escritores na nosa lingua.
E afirmo que a súa novela, “A noite branca” é, dende o meu punto
de vista, a novela máis interesante publicada en Galicia ultimamente.
Interésame toda a súa obra. Descubrino hai ben tempo, talvez sobre 1988
cando gañou o Premio Xerais de Novela dese ano, con “O bosque das antas”.
Despois, “Tempo de crepúsculo” na mesma editorial.
O seu primeiro libro de poemas que lle lin foi “Miño” (Espiral Maior,
2007),Premio de Poesía Cidade de Ourense 1980. “Bater de sombras” (2010)
emocionoume intensamente. Sentinme tan preto deses poemas que a complicidade co
autor se fixo definitiva. Posteriormente, agasallo de Fernández Naval, perdinme
feliz polas augas do “Mar de Lira” (2005) do que só coñecía
o título. Goceino a fondo.
“A noite branca”, esa gran novela que fai referencia á División Azul,
con catro voces debullando historias polas que transitan personaxes tan ben
construídos, uniunos definitivamente.
Así que, Francisco X. Fernández Naval, que ten tanto que dicir, debía
estar neste blog-revista.
Pedinlle un texto. A súa visión da poesía, da literatura, do acto
creativo, resulta imprescindible para todos aqueles que aman o verbo poético, a
forza da palabra.
El, tan xeneroso, tan amable, non
dubidou un segundo en enviarme unhas liñas cheas de agudeza, de compromiso con esa
palabra literaria que tanto ama e coas persoas.
Pero antes quero dicir que teño nas miñas mans unha verdadeira alfaia: o
libro “Memoria de abril” (Artepoética press. Nova York 2014) edición,
estudo literario e tradución de Teresa Seara)
“Memoria de abril” é unha marabilla de lectura. En edición bilingüe,
achega a poesía de Fernández Naval aos lectores e fainos cómplices das súas
dúbidas, das súas teimas, da súa evolución poética, desa canle que, coma poeta
río, vai percorrendo ao longo dos anos.
Un traballo serio, rigoroso e cheo
de luz. A luz que aluma a poesía/vida dun home que fai da literatura un dos
motores principais da súa existencia.
Para saborear aos poucos e volver
sobre os poemas unha e outra vez.
Antes de que leades o seu artigo, non quero esquecer o último que saíu
do prelo, asinado polo noso autor : O soño galego de Julio Cortázar
(Linteo, 2014), un achegamento a este autor (referente esencial para moitos de
nós), que amosa as relacións do escritor arxentino (nado en Bruxelas) con escritores do exilio e da emigración e a
presenza, rica e intensa na cultura galega contemporánea.
Para gozalo, sen dúbida.
Agora, convídovos a que entredes no texto de Francisco X. Fernández Naval.Ides
gozar coa súa prosa e o seu discurso ben lúcido.
Salientar, ademais, as sutís e fermosas fotografías de Maribel Longueira. Un agasallo emocionante que non se limita a acompañar o texto, senón que as imaxes posúen vida de seu e báñanse en poesía. Suxiren. Amosan a inmensidade do detalle. Presentan a beleza dos espazos pequenos ou grandes. A forza da natureza e o poético da ollada pousada nas cousas que están aí e pasan desapercibidos a miúdo.É a mirada dunha grande artista.
Grazas.
SUCEDEN AS PALABRAS.
–TRES XEITOS DE NACER O
VERSO-
Francisco X. Fernández Naval
Non resulta doado
vivir cada día en poesía, habitar deseguido nese estado que permite o nacemento
do verso. A min non me resulta posible. Dubido que puideran facelo María Sabina
e os demais chamanes. Eles, ao cabo, para chamar por el, polo canto curador,
acudían aos fungos.
Opinaba Valéry que a
poesía desagrada cando é un xeito habitual de expresión para calquera asunto,
pero engadía que sen hábito resulta torpe. Nese sentido, xa dixen algunha vez,
que eu procuro manter con ela unha relación vital e cotián, alimentar o hábito,
afirmar a convivencia, pero normalmente esa relación é a de lector. Só
ocasionalmente, en circunstancias moitas veces indeterminadas, o verso, presentándose
sen aviso, coma un agasallo ou coma un lampo, flúe dun xeito natural. Bajaban/ incesantes las aguas/ a las
gargantas trémulas de luz, escribiu Valente. Digo que en circunstancias
indeterminadas porque non sempre ese fluír obedece a causas obxectivas e non
sempre responde a un suceso, nin sequera a un estado de ánimo. O marabilloso
que acontece con ese primeiro verso é que, case sempre, é o inicio dun tempo no
que o vivir vai xirar arredor da creación poética.
Foto de Maribel Longueira. |
O poeta pode
preparar e causar a chegada dese momento máxico. Normalmente prodúcese polo
traballo fecundo de concentración, lecturas, reflexión, conversas, arredor dun
tema, dun sentir, dunha teima, dun asunto, para el suxestivo e necesario.
Cuestión complementaria na que non vou entrar, é debater sobre cal é a orixe do
poema, onde se inicia ou quen o inicia.
Ese primeiro verso
case sempre contén unha intención, pero sempre, sempre, o que nel resulta
esencial é un ritmo, unha música, un compás que irá chamando polas palabras,
asociándoas, axudando a construír as imaxes e metáforas, enfiando os outros
versos do poema e, quizais, tamén convocando outros poemas, vinculados a ese
primeiro, que agromarán mentres dure ese tempo único. Isto non quere dicir que
os poemas veñan feitos. Materia ardua esa de levar da man o poema ata o final e
arduo, tamén, o traballo posterior de corrección. En relación co valor creativo
e significante do ritmo, convido a ler Fonación,
palabra e escritura, pensamento poético, libro de Antonio Gamoneda,
publicado en galego antes que en ningunha outra lingua, pola editorial
Trifolium.
A partir de versos
nacidos dun incógnito azar, que se amosan dende un lugar informe, o poeta vai
construíndo o poema, procurando manter a vinculación coa luz, coa revelación ou
coa sombras, coa cadencia, tentando non afastarse da epifanía orixinal que
ofreceron as primeiras palabras. Para esa construción valerase de versos
espontáneos ou atopados e, tamén, de versos feitos, procurados a golpe de
oficio, pero sempre suspendidos do arame que teceu o primeiro.
Fotografía de Maribel Longueira. |
Non digo eu que non
exista o poeta que vive nun permanente estado de exaltación creativa; nin
negarei a forza da pulsión que fai que nun momento particular -o nacemento dun
fillo, a morte dun ser querido, o amor, o desamor, un recendo, unha lembranza-
sintamos a necesidade de expresar poeticamente o que sentimos. Tampouco esquezo
a posible existencia dun estímulo exterior que nos suxira un primeiro verso que
dará un poema.
Nada na poesía é
absoluto.
Fotografía de Maribel Longueira. |
Hai algo máis dun
ano, dei cunha caixa que contiña varios centos de cartas escritas por alguén
que xa non forma parte da miña vida, pero a quen quixen e a quen sigo querendo,
con esa alegría e esa calor que nos produce pensar na xente boa coa que
compartimos algún período da nosa vida. Linas, ordeneinas por datas, recuperei
emocións, lembrei a tenrura e os erros, tamén a dor final. Coincidiu ese achado
cun dos recitais que Yolanda Castaño organiza na Coruña, dentro do ciclo
denominado DI(N)VERSOS, nos que un poeta galego e un chegado de fóra, conversan
poeticamente diante do público, cada un a partir dos seus versos. A iniciativa
é extraordinaria e tenme permitido asistir a momentos de grande emoción e a
diálogos formidables. Con todo, non todos os recitais acadan o mesmo ton. De
todos aqueles aos eu que asistín ata agora, quizais foi ese da coincidencia o
máis frouxo ou o que a min menos me conmoveu. Mergullado na lembranza dos días
adolescentes e escoitando versos que pouco me dicían, xurdiu un primeiro verso:
No centro as cartas e as candeas. Cando saín do edificio da Ágora
coruñesa, os versos fluían con naturalidade. Isto foi o que aconteceu:
No centro as cartas e as candeas
a meiga
desvelando o porvir
o teu
o noso
que xa non era
máis que eco
de mazá nos dentes
da lentura.
Nos días seguintes,
esa lentura do primeiro instante, a axitación interior que propiciou, deron
catorce poemas máis. Soñei cun libro, pero as urxencias vinculadas á
publicación recente da novela A noite branca, interromperon o proceso.
Confío en que nalgún momento, en canto teña vagar, ao abrir de novo a caixa das
cartas, recupere aquel estado, o pulso que me agasallou eses poemas.
Unha vista de Praga. |
Hai pouco, viaxei a
Praga. Nunca antes estivera nesa cidade de Europa Central, lugar importante non
só dende o punto de vista xeográfico e histórico, senón, e principalmente para
min, polos seus valores culturais e cívicos e por pairar sobre ela un certo
misterio, un enigma, a forza que emana deses espazos que intuímos con alma. Non
sempre sentimos iso cando visitamos un lugar no que non estiveramos antes. A
min, antes de Praga, sucedeume con Delfos, o Monte Albán, as illas Orkney e a
Fontaine de Vaucluse, onde Petrarca quixo esquecer a Laura. Quizais tamén
Compostela deba figurar nesa nómina para min limitada, pero que acolle outros
moitos lugares do mundo que me son descoñecidos e que gozan desa propiedade.
Unha noite, paseando
polo barrio xudeu, camiñando baixo a luz macilenta, sobre os lastros húmidos,
na fachada dun edificio vin un reloxo. As agullas sinalaban as nove menos dez.
Dese momento naceu este poema:
Nove menos dez
no círculo das sombras. Bafo lento
de serán de chuvia, paso escuro
no brillar de lastros. Un eco de
salmodia
resignada e imprecisa. Alento de
memoria,
procesión de cascudas e de números
cara unha estrela sen corpo e sen
retorno.
Luz insomne,
arxila da ribeira, solitaria nudez ou
secesión de formas,
alento sen final, abovedado corazón sen
tempo.
Cisne, almanaque de sol, ferro, saudade
daquel mar que me aloumiña, da
secuencia da onda,
do berro do salitre. Ausencia.
Praga, plenilunio, resignación do
amencer,
metamorfose diaria que rebenta en
cópula. Centro
ou enigma de prófugos designios,
febre ou baleiro, un nome
impronunciable, santoral de silencio,
vésperas da alma.
Hai momentos nos que
un ten a sensación de que o poema recolle ecos de voces que foron e que se
intúen máis alá das influenzas evidentes que nel latexan. Iso sentín con estes
versos. Neste ocasión a cousa non deu máis de si, un único poema que lembrará
esa primeira visita. Sei cales foron as circunstancias que o fixeron posible.
Coincidía a concentración dos días vividos na cidade, a apertura dos sentidos,
o eco das lecturas que precederon á viaxe e, tamén, o estímulo exterior dese
reloxo e desa hora.
Fotografía de Maribel Longueira. |
Hai pouco recibín un
correo electrónico, no que se me pedía un poema para incluír nun posible libro
colectivo. O libro sería unha máis das accións previstas como reforzo da
candidatura para o recoñecemento pola UNESCO da Ribeira Sacra como Patrimonio
da Humanidade. É a terceira vez.
Non é doado escribir
un poema por encarga. Tanto ten o prazo. Neste caso eran cinco días, pero sería
o mesmo que o fiaran a cinco meses. Sempre hai que escribilo baixo presión,
porque aínda que o prazo sexa amplo, un, sen querer, agarda ao último instante.
Co tempo, aprendín recursos que permiten poñerse en situación, aínda que a
atención estea lonxe do requirido. É coma un xogo. Busco dentro de min e
procuro anotar nun caderno os elementos do invocado que me son esenciais,
aquilo que atopo con valor. É este un exercicio semellante ao que Pound
propoñía realizar co lapis, como práctica para activar a concentración.
Coa Ribeira Sacra
mantiven durante anos unha intensa relación. Penso que esta vén xa dende
neno, cando nun Land Rover iamos aos Peares a xantar ou pasar as festas, na
casa da miña tía Lola, irmá de meu pai, que vivía nas casas dos empregados de
Fenosa, por debaixo do encoro sobre o Miño. Logo, xa adolescente, cando
camiñabamos ata alí dende Ourense, indo pola estrada -A Lonia, Velle,
Melias, Casdemiro- e regresando pola vía do tren -Barra de Miño, Rivela- o Sil
era un espazo que se pechaba sobre si e ao que nunca lle apreciaba os límites.
Con dezasete anos, descendendo no coche dun amigo a Santo Estevo, vivín o
primeiro bico de amor, precisamente coa autora das cartas atopadas na caixa.
Logo, xa na década dos noventa, lanceime ao proxecto de escribir unha novela
sobre o que daquela era para min territorio de abandono e esquecemento.
Coincidiran, en pouco tempo, a publicación de dúas informacións na prensa: a detención
dun comando guerrilleiro agochado alí, máis arriba da ponte de Abeleda, vivindo
nun lugar imposible, á beira dunha fervenza, nun zulo sempre húmido e sombrizo,
e o descubrimento, por parte duns cazadores nun souto, duns restos humanos, que
resultaron ser os dunha muller, Marcela, a última habitante da aldea de
Tronceda, que perdera o sentido dende que quedara soa. Con eses vimbios tecín a
historia que se conta en Sombras no labirinto,
que quere ser unha parábola dun país que vive un trauma aínda hoxe non resolto,
o abandono do medio rural e a perda dunha cultura milenaria. O ano pasado, a
editorial Trifolium, publicaba a versión castelán. Nese proceso falei con xente; visitei aldeas abandonadas e
sen memoria; atopei escrituras e, sobre todo, cartas enviadas dende a
emigración, unhas dende Bembibre, no Bierzo, outras dende Zürich ou dende
Sidney. Velaí parte dos materiais a anotar no caderno, amais dunha sensación
permanente de suspensión, de peneirar sobre a paisaxe e sobre o río, certa
levidade no sentido expresado por Gaston Bachelard cando fala do aire.
Ascende o home
Pola ribeira en costa.
Agatuña o socalco
Salmodia do alén.
A espadana gabea
Na flor do castiñeiro,
Na semente do pan.
Prende o soño
No recendo a xara e a trobisco,
No silencio, nas cartas,
No calar daquelas cartas núas,
Na poeira da ruína e do alcanfor.
Devala o sol
Polos claustros do aire,
Procura dun deus
Madurecido en acios,
Que se consagra carnal
Que se humaniza en grolo,
Viño e veludo
De palla e de canción.
No fondal
Serpea o río insomne
Coma un verso sen tempo,
Inaccesible roibén.
Velaí tres xeitos
diferentes de nacer o verso, de se formar o poema: Ás veces leve trazo de xasmín sobre un ventre/ ou brasa que namora...
, tal e como o expresa Manuel Álvarez Torneiro, nese poema “As palabras”, cun
primeiro verso que dá título a este texto.