cando se cumpren 178 do nacemento da nosa insigne poeta.
Un día para seguir amando a Rosalía.
Para que a súa figura estea presente acotío na memoria
colectiva deste pobo galego, tan necesitado de guías sociais e
literarias.
Para ter ben clara a necesidade de que a súa palabra nos siga
unindo ao espírito loitador, de denuncia, de olor a chuvia e a
verde, a gris e a negro, a liberdade e sufrimento que conteñen
os seus versos.
Uns versos que son, por riba de todo, versos que
nos falan, ás veces ao oído, e outras veces en voz alta. Que
enriquecen a literatura e que nos conducen a horizontes
despexados de néboas malignas.
Porque a súa poesía é grande. Porque é próxima. Porque é
alimento. Porque evoca desexos. Porque dá forza para seguir
vivindo.
E non hai mellor homenaxe, a única homenaxe que podemos
facer á súa memoria que seguir léndoa.
Que a nosa voz, coa súa voz, atrone en cada punto da
nosa xeografía.
Lendo a Rosalía na Universidade de Tennessee en Martin (EE.UU.) |
Si, LER A ROSALÍA debe converterse nun feliz costume.
Nun hábito que dure os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Trescentos sesenta e cinco poemas. Trescentas sesenta e cinco
rosas. Trescentos sesenta e cinco aloumiños líricos.
E para celebrar este día, "Versos e aloumiños" presenta aquí un
longo e emocionante poema da nosa admirada Xohana Torres,
contido no libro "Daquelas que cantan... Rosalía na palabra de
once escritoras galegas".
Xohana Torres |
con este fermoso poema, Ti es para min esa barca... de Xohana Torres:
Ti es para min isa barca que lembra
toda a presencia de madeiras náufragas,
que vive infinda unha traxedia líquida
de peiraos sen panos e sen peixes.
Sedenta como un mar
e no teu mar afogada.
Ti es para min un pobo pequeniño
de vieiros sen cumes, sen riadas,
mergullando no seo, case morto
unha virxe canción, inimitable.
Sedenta como un mar
e no teu mar afogada.
Ti es para min unha callada piña
de moitas primaveras agardadas
onde xogaron anxos,
onde vibraron alas sen movelas.
Sedenta como un mar
e no teu mar afogada.
Ti es para min a historia da meniña
que iba soñando praias
hasta que deu marea a un ben triste mañá.
Sedenta como un mar
e no teu mar afogada.
Ti es para min o lombo dunha sombra
onde todo resulta preguntado
e os pasos das persoas faise lene...
Sedenta coma un mar
e no teu mar afogada.
¡Ti es para min a terra dunha tumba
cumpridamente limpia de pisadas!
Quero rematar cunha pequena homenaxe pola miña parte.
Este poema meu, escrito xa hai tempo, que figura no poemario "Caderno de fume".
Unha lembranza a Rosalía
que oía tocar estas campanas.
As campás de Bastabales
Igrexa de San Xulián de Bastavales |
sinto que tocan tristeiras,
eu non as quero escoitar.
Soan e soan ao lonxe
e non me quero achegar,
porque me falan de amores
que xa non quero lembrar.
Son badaladas queixosas
as que están a resoar;
tinguen o ceo de negro,
sombras de amor e de amar.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO