miércoles, 21 de mayo de 2014

UN NOVO E ATRACTIVO ARTIGO DE PACO MARTÍN. COMO FLÚE A SÚA AUGA LIZGAIRA!



      
Paco Martín. (Foto de Pepe Álvez)
De novo, con nós, a palabra vivificante, sempre con ese aspecto de boa saúde, do noso querido e admirado Paco Martín.
       Un novo artigo, auga lizgaira refrescante, que describe, que sinala, que sacode e que divirte.
       Desta volta, está situada nunha pequena vila de case 5.000 habitantes, en Estremadura, chamada El Casar de Cáceres.
       Dános conta dun mestre extravagante, moi curioso e querido, amante da Grecia clásica chamado…Xa o leredes.
       Un docente diferente aos demais cun final de vida na ensinanza moi típico daqueles (e destes?) anos, nos que as altas esferas non vían con moi bos ollos certas iniciativas.
       Lede, lede estas liñas maxistrais do escritor lucense que, unha vez máis, nos engaiola coa súa prosa rica e irónica.
       Un pracer, coma sempre, benquerido Paco, por permitirnos perdernos polo teu mundo tan excitante.





                                                                                       Don Helénides
                                                                      

A chamada Torta del Casar é, na miña modesta opinión, un dos queixos máis sabedores e mellor elaborados que hai en todo o mundo. Faise no concello dese nome da provincia de Cáceres, moi preto da capital, e as xentes que alí viven están, con todo o dereito, altamente orgullosas deste seu magnífico logro gastronómico. Pero non é o queixo o único de importancia que a vila ofrece a quen ata ela se chega, aínda que si sexa o máis coñecido e popular, xa que o lugar conserva interesantes sinais da súa historia e lembranza curiosa dalgunhas crónicas que lle son propias.
Torta del Casar

Unha das máis orixinais debe ser a referida a don Ángel García, mestre que exercera nunha das escolas de El Casar de Cáceres o seu labor docente hai xa moitos anos -aínda que non tantos como para que se chegase a perder de todo a súa memoria- e que levou a súa admiración pola Grecia clásica ata o punto de se consagrar ó estudio do grego antigo, tomar o nome de Helénides de Salamina e vestir sempre ó xeito do que esculturas e gravados amosaban como propio daqueles tempos e lugares, compoñendo, imaxino, unha figura do máis pintoresco –se eu pretendese facer carreira política utilizaría o adxectivo kafkiano, pero ben se ve que non é o caso- en contraste coa austera indumentaria dos campesiños estremeños da época.

- Pois, o que son as cousas, todos na vila lle querían ben; comprendían, ou desculpaban, a súa teima; chamábanlle, con naturalidade, don Helénides e os seus alumnos progresaban adecuadamente, que diriamos na actualidade.
 
Ermida de Santiago. El casar de Cáceres. (Páxina de Arturo J. Murias)
Quero eu supoñer hoxe que este meu antigo colega era partidario, imitando a Sócrates, da maiéutica como método para que solecesen nos seus discípulos nocións que xa posuían sen eles sabelo e que non dubidaba en usar, ás veces e en plan peripatético, algúns espacios públicos como aula para mellor desenvolver o duro traballo de cada día sen renunciar á súa inocente extravagancia.

Mais como non podía ser doutro xeito, na opinión das autoridades académicas aquelo non era todo o edificante que a mocidade da vila merecía de maneira que un ano, ó rematar o curso escolar, don Helénides non apareceu por El Casar –os inspectores sempre dicían don Ángel ou señor García- e todo volveu ser tan normal e uniforme como sempre fora. Non resultou difícil convencer á xente de que un mestre con clámide nunca lograría facer daqueles nenos uns homes de proveito que fosen quen de lles transmitir ós seus fillos e netos os auténticos valores da moderna cultura e civilización. 
Estación de autobuses de El Casar de Cáceres.
E debía ser certo.Tamén aquí son moitas as rapazas e moitos rapaces que nestes últimos tempos andan seriamente contrariados porque non deron pasado as probas de selección para participar en El Gran Hermano.

 


                                                                                                                                                          PACO MARTÍN