É tempo
de encontros cos lectores e lectoras.
Despois
de case dous anos sen facelos, entrei, de novo, nesa dinámica do contacto
directo con nenos e nenas que len poesía, que xogan coa poesía, que se
entusiasman coa poesía e que comezan a escribir versos.
Gústame
que pasen estas cousas. Levo ben tempo loitando para que a ilusión polo poético
chegue a todos os recunchos posibles.
Labor
arduo, pero indispensable na miña vida.
Fareino
ata que xa non poida máis. Se non o fixese, sentiría algo que non me permitiría
atoparme ben comigo mesmo.
E, aínda que non teña que ver directamente co
que estou dicindo, vou deixar aquí, para celebrar o Día das Letras Galegas, uns
versos de Xosé Mª Díaz Castro, a quen celebramos nestas datas.
Trátase
do poema Nimbos, que dá título ao
seu poemario máis coñecido.
Se
é que o poema é só un nimbo de lus
soñadas,
ou amadas nas teebras,
das
cousas que xa foron e se foron
pro
siguen sendo e non se van xa máis,
das
sombras que, xogando cos meus ollos,
na
miña vida en lume se enxeriron,
eu
deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de
rosas que onte encheron de perfume
o
mundo, morto xove, dalgún soño.
Aí quedan
tan fermosos versos. A poesía decote preto de nós.
Estaba a
comentar a necesidade de que os nenos e nenas estean preto da poesía.
Encántalles. Gozan con ela. Si, iso ocorre se o mestre/a achégallela con
agarimo, emoción e intelixencia.
Falarei
máis polo miúdo dentro dun tempo dos encontros. Apetéceme.
Hoxe
limítome a reflectir a miña alegría por visitar o CEIP “García Barbón” aquí en
Vigo.
Efectivamente,
este centro público posúe unhas connotacións moi especiais para min.
Por unha
banda, lembro o inmenso labor, case único, que o meu amigo Xesús R. Jares, levou a
cabo hai moitos anos, aqueles nos que era o director do centro. El loitou por
poñer os alicerces dunha escola participativa, aberta, sen violencia e que
educase para a paz nuns anos ben difíciles.
Cada día
que pasa, a necesidade de persoas como Suso Jares faise imprescindible. Que
pouso deixou en nós! Que filosofía tan humana foi inculcando a todas as persoas
que tivemos a sorte de estarmos preto del!
Estou
seguro de que, onde queira que estea, Xesús R. Jares terá un ollo (ou os dous)
posto nesta sociedade que non sabemos cara a onde camiña entre a apatía e a dirección
que lle están a marcar persoas sen escrúpulos.
Como o
boto de menos, nestes momentos de destrución dos máis fundamentais dereitos
humanos, sociais, que están a ser coutados pola irracionalidade dun goberno
infame!
Como me
gustaría falar con el (como fixemos tantas veces) do que está a suceder nun
país que perde día a día, sen cesar, aqueles pasos adiante que tanto custou dar!
Que lamentable espectáculo!
Suso, meu
amigo, pasa o tempo e sinto máis o baleiro que deixaches en min. Están a
roubarme as palabras, mesmo as que poderían servir para definir este caos inducido que estamos vivindo.
Vou
cambiar de tema. Prodúceme tristeza todo isto. E debo dicir que a presenza de
Xesús Jares acompañoume en silencio toda a mañá nesta visita.
Noa e Antón en Nashville, o día da graduación deste último. |
A outra
razón do meu agarimo polo “García Barbón” é que neste colexio estudaron os meus fillos Antón e Noa. Dous nenos que neste centro público atoparon camiños que foron
seguindo nunha das primeiras etapas da súa existencia.
Hoxe son
un home e unha muller cultos, honestos, sensibles, comprometidos coa vida e fan
que, como pai, me sinta moi fachendoso das súas traxectorias persoais.
Ai, os
mitos dos “grandes” colexios!
Ai, a
estupidez humana, tan presente na educación e na formación dos fillos!
Pois fun
ao “García Barbón” e alí estaban Filo
(que deu clase a Antón e a Noa) e Marga,
as mestras, que realizaron un traballo magnífico cos seus alumnos de 3º A e de 3º B.Foi un encontro de verdade. Coñeceron o rato Honorato, conteilles a
súa historia, pasaron as probas poéticas con nota, recitaron poemas, leron
traballos feitos nestes meses, gozaron, en definitiva, da palabra poética. Foi
unha festa da poesía.
E visitei
a Biblioteca (magnífica!) e vin, despois de moitos anos, a Bea Rodríguez, que fora
alumna miña e bibliotecaria cando tiña doce, trece, catorce anos. Unha
auténtica sorpresa.
¡Que
alegría vela tan satisfeita do seu traballo, da súa vida!
Asinei
libros, sentín o agarimo dos rapaces e rapazas e sentinme moi ben. Deille,
ademais, uns bicos a Beatriz Fraga,
mestra e escritora, sempre tan agarimosa,que me agasallou un fermosísimo conto
e que aproveitei a ocasión para pedirlle unha nova colaboración para Versos
e aloumiños.
En fin,
un día de sol radiante que brillou máis, se cadra, por todo o vivido no centro.
Así que
vou poñer deseguido, uns traballos deste alumnado entusiasta e “tocado” pola
maxia poética. Unha mostra de que, cando hai autenticidade no que se fai,
conséguense bos resultados.
E
recordemos que non se trata de “facer poetas” senón de intentar que a poesía
non resulte para eles algo raro e estraño. Que poidan medrar con ela e,
endexamais, de costas a algo que vai ser beneficioso para a súa formación.
Xa o
dixen. Foi un verdadeiro pracer!
As dúas primeiras follas pertencen ao grupo de 3º A e as dúas seguintes ao de 3º B.
Antonio García Teijeiro