Mostrando entradas con la etiqueta díaz castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta díaz castro. Mostrar todas las entradas

viernes, 6 de junio de 2014

ACHEGAS Á VIDA E Á OBRA DE DÍAZ CASTRO EN "CADERNOS RAMÓN PIÑEIRO".



     Acabo de recibir o número XXIX  dos “Cadernos Ramón Piñeiro”, que edita o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
      
     Difícil é para min expresar o labor que está a realizar esta institución arredor da literatura galega e doutras disciplinas. Son todos os seus, traballos dun interese excepcional, que descobren recunchos salientables da nosa cultura que, demasiadas veces, pasan desapercibidas malia o seu indubidable interese.
     
      O volume que nos interesa hoxe está todo elo dedicado á figura e mais a obra de Xosé María Díaz Castro, poeta a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E leva por título, Nimbos: cáliz fervendo!
      
      Extraordinaria e completa monografía sobre o poeta de Guitiriz, un autor descoñecido para a maioría dos galegos e que ten unha importancia ben grande no eido das nosas letras.
      
      Este número, o XXIX dos “Cadernos Ramón Piñeiro”, xunta artigos, achegas, estudos, ensaios, lecturas, feitos por investigadores, críticos ou profesores: mestres do saber.
       
     Na PARTE I, Arcadio López-Casanova e Andrés Torres Queiruga reflicten nos seus escritos, con visión de totalidade estelar, a arquitectura e a dimensión transcendente de Nimbos.
     

      Na PARTE II, a máis extensa, teñen asento moi doado bastantes textos – de mestres de saber – espléndidos, do mellor que até hoxe -  mañá xa se verá – se pode ler, concorde co que adoitamos dicir cando dicimos rigorosa divulgación. Especialistas como Darío Xohán Cabana, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Fernández Ferreiro, Franco Grande, Xosé Luis Axeitos, M.Forcadela, Pilar García Negro, Olga Novo, Armando Requeixo, Chus Pato, Mario regueira, Claudio Rodríguez Gfer, Daniel Salgado, Mercedes Queixas ou Francisco X. Fernández Naval, entre outros, aluman un mundo apaixonante literaria e humanamente de Díaz Castro.
      
     E vou salientar aquí, o artigo dun autor a quen quero e admiro: Francisco Xosé  Fernández Naval. Leva por título “Nimbos: a espada e a beleza”, e, partindo do título do último poema do poemario, “Coma unha espada”, fai fincapé no emprego da conxunción comparativa  en varios poemas deste libro, xa dende o título: “Coma ventos fuxidos” e “Coma brasas” que pertencen a PÓRTICO; “Coma un anxo airado”, penúltimo poema do epígrafe NOITE; “Coma un río” e o segundo dos tres que forman SOÑO; “Coma unha escada”, “Coma unha insua” e  “Coma unha espada”, que pertencen ao último apartado, FERIDA.  E engade Fernández Naval: “En todos eles o autor propón a identificación entre o elemento designado no título e tamén recollido no poema, e un aspecto esencial, normalmente íntimo, da natureza, vida ou do pensamento do poeta”.
      
F.X. Fernández Naval. (Foto de Maribel Longueira)

     E segue Fernández Naval analizando estes poemas, un por un, indicando que “os fragmentos do ser pérdense coma fuxidío vento de amor, salvados por un anxo, no primeiro caso; no segundo, as palabras que representan as perdas arden como brasas e manteñen a calor das cousas amadas; o anxo airado do terceiro convida a loitar contra a confusión das sombras na sombra, confirmada a calidade efémera da gloria”. Así, sucesivamente, penetra nas entrañas dos poemas con reflexións dunha lucidez evidente.
      
     Gústame a afirmación que fai cando di que “Díaz Castro sente a ferida mortal porque intúe e comprende. A beleza feriuno para sempre a través da fe e do coñecemento. Coñecer ten, tamén, un dobre valor, o do gozo e disfrute das cousas marabillosas e seres entrañables cos que convivimos e, ao tempo, a certeza de que elas e eles, coma nós, son fuxidíos, condenados a desaparecer (…)”.
      
Xosé Mª Díaz Castro

     Sabemos que Xosé María Díaz Castro, que se formou no seminario, escribiu unha poesía na que a relixiosidade e a fe están presentes. Fernández Naval afirma que “porén, a súa capacidade expresiva, a fondura con que reflexiona sobre a condición humana, a proximidade de cada  un dos poemas a esa beleza da que el fala, permite a calquera lector, crente ou non, achegarse e dialogar cos versos, gozando da súa luminosidade e sensibilidade, compartindo eses nimbos, que son, tal como el di, coma cinzas de rosas”.
      
     É este un volume imprescindible para coñecer os sentimentos máis profundos de Díaz Castro, a súa poética e a relación tan estreita entre a súa vida e a súa obra.
      
      Felicitar fondamente a Luís Cochón (editor), a Luís Alonso Girgado (coordinador) e a Laura Mariño Taibo (pola colaboración), por este volume tan necesario. E salientar as pinturas de Xulio García Rivas, que, dende a cuberta ata as páxinas interiores, proporcionan ao libro un carácter plástico e artístico dunha calidade excepcional.
      Remato estas liñas co poema, derradeiro de Nimbos, ao que F.X. Fernández Naval fai alusión.
                              
      COMA UNHA ESPADA

Tódolos ríos pasan pola miña
Unha das pinturas de Xulio Gª Rivas que atopamos no libro.
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.


                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

sábado, 24 de mayo de 2014

PASEOS POÉTICOS ( IX ) No Día das Letras Galegas. 2014




     Volvo á beira do mar. Por que me está a chamar constantemente? Esa enorme masa de auga exerce sobre min un influxo entre saudable e meiguiceiro.
      
     Hoxe non me baño. Hoxe paseo con dous libros na man.
      

     Un deles acaba de saír: Estrela do norte. Co outro, gocei alá polo ano 1989 (século pasado!) e fora unha descuberta gozosa: Nimbos. Que sorte tiven de que este poemario da colección Dombate (Ed. Galaxia) chegase daquela onda min!
      
     O primeiro, de Luís Rei Núñez. O segundo, sei que non descubro ren, de Xosé María Díaz Castro. Sóavos este nome? Non me cabe a menor dúbida de que si. Si, si, o mesmo.Ese, ese… O poeta a quen lle dedicaron este ano o Día das Letras Galegas.
      
     O Día das Letras Galegas!
      

     Paseo só, unicamente acompañado pola palabra poética: Unha maragota de vidro / na patela que arman os risos, / vinda desde mareáns tolos (…), di o poeta Rei Núñez.
      
     Levo algún tempo matinando nesta celebración. Cando penso a fondo, aparecen suores frías e non me sinto ben.
      
     Penso na literatura galega neste día festivo. Abro ben os ollos e por moito que miro non atopo casetas con libros na rúa, nin xente con libros en bolsas ou baixo o brazo, nin persoas falando galego e de libros. Non vexo ambiente festivo ningún nas prazas arredor dos libros que van aparecendo nas nosas editoriais antes e despois deste día. Estarei cego? Estarei xordo, talvez? Libros, libros…
      
     Pois non, porque vexo as librarías pechadas, os seus escaparates con ningún ou moi pocos títulos na nosa lingua, as fileiras de coches rumbo ás praias. Sinto o sol que me acariña algo despistado. Distingo algunhas persoas de todas as idades atrapadas polos móbiles, outras sentadas nas terrazas das cafetarías, nenos e nenas correndo nos parques. Oio ruídos varios, gargalladas tolas e demasiada xente de costas ao Día das Letras Galegas. Converteuse nun festivo máis. Unha razón, unha data para descansar ou facer plans alleos á literatura.
Marchando cara á praia
      
     Lembro, entón, o día de San Jordi en Barcelona, cunha multitude enchendo as Ramblas, co murmurio alegre da festa, coas rosas nas mans e moitos libros de ben diversos xéneros e temas.  Lembro, tamén, ter aproveitado para mercar poemarios de poetas cataláns. Libros que custa moito, debido á distribución, atopar nas innumerables visitas que fago á miña libraría de confianza.
      
As Ramblas en Barcelona, un día de San Jordi.
     A festa da literatura (e do que non é literatura, claro). A presenza do libro ben preto dos lectores e lectoras. E sinto envexa.
        
     E o noso Día das Letras Galegas, para que? Para facer actos institucionais que soan falsos, superficiais, obrigados, anecdóticos, hipócritas e un milleiro de adxectivos máis. E organízanos os mesmos que non cren na cultura, que a desprezan  acotío, que non teñen o mínimo rubor en recortar os presupostos necesarios para que esa cultura chegue a todos os cidadáns e ao maior número de lugares.

      
     Son os mesmos que non falan galego, que non mercan ningún libro en galego durante todo o ano, que ignoran todo o que  teña que ver coa nosa lingua e cos nosos degoiros de sermos formados na nosa amplísima e rica cultura. A eses e a esas pónselles a boca grande ao falaren de Díaz Castro e pensan que o poema Penélope, do poeta de Guitiriz , non vai con eles.
      
     Vergonza sinto por todo isto. Dáme noxo velos traxeados dicindo palabras ocas, sen substancia.
      
     Non podo escoitalos nese galego forzado que non senten, nin verlles ese sorriso falso co que pretenden enganar o persoal.
      
     Lamentable. Triste. Tremendo.
    
      
Xosé Mª Díaz Castro
     Pensando en todo isto, detéñome e sento nun banco, mentres o mar segue a rosmar ou cantar, que sei eu! sen deixar de reparar na faciana ben fermosa que  que me amosa.
      
     Abro Nimbos. Busco a páxina 41 do poemario e, sen importarme quen me escoite, xaora, porque todos temos afortunadamente algo de tolos, póñome a recitar en voz alta Penélope:


Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

      
     Cando remato, síntome mellor. As ondas semellan rir de min. Mais non o creo. Son argalleiras  e están ledas neste día. Decátome de que cantan en galego. Non vale rir. Évos así.
      
     Sigo a ver automóbiles cara ás praias e veleiros sucando este mar de Vigo, que cantaron os trobadores.
     
     Non quero deixarme levar pola carraxe que peta no meu interior.
      
     Bebo ondas e gozo co pairar das gaivotas.
      
     E volvo á poesía. Leo a Luís Rei Núñez intentando contestar as súas preguntas arredor da cor do silencio:

     A COR DO SILENCIO

   
Luís Rei Núñez
   ¿Onde está a man dun norte,
e un misto na negra sombra?

  ¿Cando manda a fe nun home,
e no medo as ás  da aurora?

  ¿Qué ispe a flor do misterio?

  ¿Cal é a cor do silencio?


      
     Loxicamente, non teño respostas.Nin quero telas. Sigo a ler este espléndido poemario, Estrela do norte.
      
     Póñome en pé e camiño devagar co libro entre as mans, lendo, desta volta para min:

      
     ¿Cómo fundar razóns na casa do silencio, / xordos á voz que cura do fel esquecemento? / Rosalías, Machados, Pimentel, Cunqueiro… / ¡O poeta rebate a tiranía do tempo! / ¿Cómo vivir se nunca existise ese abeiro…
      
     E non me esquezo.
             
                              É o Día das Letras Galegas!
     




                                                                                                                          O POETA PASEANTE

jueves, 15 de mayo de 2014

UN ENCONTRO POÉTICO CON VARIAS CONNOTACIÓNS ESPECIAIS



     É tempo de encontros cos lectores e lectoras.
    
      Despois de case dous anos sen facelos, entrei, de novo, nesa dinámica do contacto directo con nenos e nenas que len poesía, que xogan coa poesía, que se entusiasman coa poesía e que comezan a escribir versos.
      
     Gústame que pasen estas cousas. Levo ben tempo loitando para que a ilusión polo poético chegue a todos os recunchos posibles.
      
     Labor arduo, pero indispensable na miña vida.
      
     Fareino ata que xa non poida máis. Se non o fixese, sentiría algo que non me permitiría atoparme ben comigo mesmo.
     
      E, aínda que non teña que ver directamente co que estou dicindo, vou deixar aquí, para celebrar o Día das Letras Galegas, uns versos de Xosé Mª Díaz Castro, a quen celebramos nestas datas.
    
     Trátase do poema Nimbos, que dá título ao seu poemario máis coñecido.



Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

    
     Aí quedan tan fermosos versos. A poesía decote preto de nós.
    
     Estaba a comentar a necesidade de que os nenos e nenas estean preto da poesía. Encántalles. Gozan con ela. Si, iso ocorre se o mestre/a achégallela con agarimo, emoción e intelixencia.
    
     Falarei máis polo miúdo dentro dun tempo dos encontros. Apetéceme.
     Hoxe limítome a reflectir a miña alegría por visitar o CEIP “García Barbón” aquí en Vigo.
    
     Efectivamente, este centro público posúe unhas connotacións moi especiais para min.
    
     Por unha banda, lembro o inmenso labor, case único, que o meu amigo Xesús R. Jares, levou a cabo hai moitos anos, aqueles nos que era o director do centro. El loitou por poñer os alicerces dunha escola participativa, aberta, sen violencia e que educase para a paz nuns anos ben difíciles.
    
Xesús R. Jares
     Cada día que pasa, a necesidade de persoas como Suso Jares faise imprescindible. Que pouso deixou en nós! Que filosofía tan humana foi inculcando a todas as persoas que tivemos a sorte de estarmos preto del!
    
     Estou seguro de que, onde queira que estea, Xesús R. Jares terá un ollo (ou os dous) posto nesta sociedade que non sabemos cara a onde camiña entre a apatía e a dirección que lle están a marcar persoas sen escrúpulos.
    
     Como o boto de menos, nestes momentos de destrución dos máis fundamentais dereitos humanos, sociais, que están a ser coutados pola irracionalidade dun goberno infame!
    
     Como me gustaría falar con el (como fixemos tantas veces) do que está a suceder nun país que perde día a día, sen cesar, aqueles pasos adiante que tanto custou dar! Que lamentable espectáculo!
    
     Suso, meu amigo, pasa o tempo e sinto máis o baleiro que deixaches en min. Están a roubarme as palabras, mesmo as que poderían servir para definir este caos inducido que estamos vivindo.

     Vou cambiar de tema. Prodúceme tristeza todo isto. E debo dicir que a presenza de Xesús Jares acompañoume en silencio toda a mañá nesta visita.

Noa e Antón en Nashville, o día da graduación deste último.
     A outra razón do meu agarimo polo “García Barbón”  é que neste colexio estudaron os meus fillos Antón e Noa. Dous nenos que neste centro público atoparon camiños que foron seguindo nunha das primeiras etapas da súa existencia.
    
     Hoxe son un home e unha muller cultos, honestos, sensibles, comprometidos coa vida e fan que, como pai, me sinta moi fachendoso das súas traxectorias persoais.
    Ai, os mitos dos “grandes” colexios!
    Ai, a estupidez humana, tan presente na educación e na formación dos fillos!

     Pois fun ao “García Barbón” e alí estaban Filo (que deu clase a Antón e a Noa) e Marga, as mestras, que realizaron un traballo magnífico cos seus alumnos de 3º A e de 3º B.Foi un encontro de verdade. Coñeceron o rato Honorato, conteilles a súa historia, pasaron as probas poéticas con nota, recitaron poemas, leron traballos feitos nestes meses, gozaron, en definitiva, da palabra poética. Foi unha festa  da poesía.
    

     E visitei a Biblioteca (magnífica!) e vin, despois de moitos anos, a Bea Rodríguez, que fora alumna miña e bibliotecaria cando tiña doce, trece, catorce anos. Unha auténtica sorpresa.
     ¡Que alegría vela tan satisfeita do seu traballo, da súa vida!
    
     Asinei libros, sentín o agarimo dos rapaces e rapazas e sentinme moi ben. Deille, ademais, uns bicos a Beatriz Fraga, mestra e escritora, sempre tan agarimosa,que me agasallou un fermosísimo conto e que aproveitei a ocasión para pedirlle unha nova colaboración para Versos e aloumiños.
    
     En fin, un día de sol radiante que brillou máis, se cadra, por todo o vivido no centro.

     Así que vou poñer deseguido, uns traballos deste alumnado entusiasta e “tocado” pola maxia poética. Unha mostra de que, cando hai autenticidade no que se fai, conséguense bos resultados.
    
     E recordemos que non se trata de “facer poetas” senón de intentar que a poesía non resulte para eles algo raro e estraño. Que poidan medrar con ela e, endexamais, de costas a algo que vai ser beneficioso para a súa formación.
    
      Xa o dixen. Foi un verdadeiro pracer!

                    
                         As dúas primeiras follas pertencen ao grupo de 3º A e as dúas seguintes ao de 3º B.










                                                                                                                       Antonio García Teijeiro