sábado, 23 de noviembre de 2013

"BISA BEA, BISA BEL", un libro de ANA Mª MACHADO, entre a tenrura e a vida mesma.



Que os nenos e nenas precisan de libros intelixentes, non me cabe a menor dúbida.
Que as historias para eles teñen que ser literatura de verdade e non de consumo, é algo, para min, innegociable.
Que non se está a facer en demasiadas aulas o labor a prol da lectura como cumpriría, non debe sorprender a ninguén. (Que me perdoen as mestras, mestres e bibliotecarios/as que si traballan, porque cren que é imprescindible para o alumnado. Son un exemplo a seguir.)
Ás veces hai falta de ganas (imperdoable!); outras, falta coñecemento do que se publica ou non existe motivación ningunha (imperdoable!). E moitas outras veces, o profesorado manda ler un libro que non leu e, por riba, ponlles aos seus alumnos un exame sobre el. (mil veces imperdoable!)
 Hai textos magníficos para todas as idades. Mais debemos peneirar entre o publicado para que os nenos e nenas reciban o libro máis axeitado para eles. Un esforzo que paga a pena.
Ben, pois un deses libros intelixentes, que dan moito xogo nas aulas arredor da reflexión, da posta en común tras a súa lectura é Bisa Bea, Bisa Bel. Unha historia tenra, chea de vida, escrita pola escritora brasileira Ana María Machado, Premio Andersen de Literatura no ano 2000. Acaba de publicalo en galego a Editorial Galaxia, na súa colección Árbore, coa tradución de Ramón Nicolás e as ilustracións de Almudena Aparicio.
Á esquerda, unha ilustración de Almudena Aparicio

Tiven a sorte de coñecer e escoitar a Ana María, nunhas Xornadas en Baeza. A súa implicación no fenómeno da LIX e no da lectura é moi potente. Escoitala resulta un pracer. Seguir as súas orientacións, algo básico. Unha auténtica delicia. Todo exposto, ademais, cunha claridade meridiana. Ten, mesmo, algún libro publicado sobre o tema.

A novela que hoxe nos ocupa, Bisa Bea, Bisa Bel, é unha tenra historia de amor entre unha rapaciña, Isabel, e a súa bisavoa. O planteamento da historia non pode ser máis orixinal: contado en primeira persoa pola nena, unha fotografía desencadeará  unha relación tan especial que chega a emocionar. A través desa relación veremos a contraposición entre as mentalidades de ambas, as diferenzas en tempo e espazo, os costumes tan contrapostos, ademais das vivencias tan profundas das dúas personaxes.


Preséntanos o libro o desenvolvemento cotiá da rapaza na escola, os seus “primeiros amores infantís”, os comportamentos dos nenos cun ton fresco, cheo de dozura, coas súas alegrías e desgustos. Pero Bisa Bea, Bisa Bel, sinala as inxustizas sociais, nalgunha das súas páxinas, cunha intensidade que te emociona. E faino con naturalidade, a través dunha linguaxe limpa e coidada, servíndose de dous irmáns xemelgos, María e Vítor, que son un acerto na narración.

A historia, na que os personaxes viven, está chea de humor, de ironía, de tenrura. Os nenos e as nenas, nestas páxinas,choran, rin, ilusiónanse, namóranse, denuncian, contan, son crueis e, deseguida, tenros…A sensibilidade está presente ao longo de todas as páxinas. Ana María Machado sabe moi ben para quen escribe (ollo! para adultos, tamén, eh?), coñece perfectamente a psicoloxía humana e comprende a necesidade de que a LIX sexa sólida e sexa LITERATURA, por riba de todo. Conségueo. Claro que o consegue, como leva conseguídoo durante tantos anos.
 
Con Ana María Machado en Baeza
Ana María Machado xa pertence a ese grupo especial dos considerados clásicos da literatura infantil. Calquera dos seus libros é unha recomendación magnífica. E este, que vendeu, máis de dous millóns e medio!!! de exemplares no Brasil non é unha excepción. Un grande acerto da Editorial Galaxia, a súa publicación.

                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO