Que os nenos e nenas
precisan de libros intelixentes, non me cabe a menor dúbida.
Que as historias para
eles teñen que ser literatura de verdade e non de consumo, é algo, para min,
innegociable.
Que non se está a facer
en demasiadas aulas o labor a prol da lectura como cumpriría, non debe
sorprender a ninguén. (Que me perdoen as mestras, mestres e bibliotecarios/as
que si traballan, porque cren que é imprescindible para o alumnado. Son un
exemplo a seguir.)
Ás veces hai falta de
ganas (imperdoable!); outras, falta coñecemento do que se publica ou non existe
motivación ningunha (imperdoable!). E moitas outras veces, o profesorado manda
ler un libro que non leu e, por riba, ponlles aos seus alumnos un exame sobre
el. (mil veces imperdoable!)
Hai textos magníficos
para todas as idades. Mais debemos peneirar entre o publicado para que os nenos
e nenas reciban o libro máis axeitado para eles. Un esforzo que paga a pena.
Ben, pois un deses
libros intelixentes, que dan moito xogo nas aulas arredor da reflexión, da
posta en común tras a súa lectura é Bisa Bea, Bisa Bel. Unha historia
tenra, chea de vida, escrita pola escritora brasileira Ana María Machado, Premio Andersen de Literatura no ano 2000. Acaba
de publicalo en galego a Editorial Galaxia, na súa colección Árbore, coa
tradución de Ramón Nicolás e as ilustracións de Almudena Aparicio.
Á esquerda, unha ilustración de Almudena Aparicio |
Tiven a sorte de
coñecer e escoitar a Ana María, nunhas Xornadas en Baeza. A súa implicación no
fenómeno da LIX e no da lectura é moi potente. Escoitala resulta un pracer.
Seguir as súas orientacións, algo básico. Unha auténtica delicia. Todo exposto,
ademais, cunha claridade meridiana. Ten, mesmo, algún libro publicado sobre o tema.
A novela que hoxe nos
ocupa, Bisa Bea, Bisa Bel, é unha tenra historia de amor entre unha
rapaciña, Isabel, e a súa bisavoa. O planteamento da historia non pode ser máis
orixinal: contado en primeira persoa pola nena, unha fotografía
desencadeará unha relación tan especial
que chega a emocionar. A través desa relación veremos a contraposición entre as
mentalidades de ambas, as diferenzas en tempo e espazo, os costumes tan contrapostos,
ademais das vivencias tan profundas das dúas personaxes.
Preséntanos o libro o
desenvolvemento cotiá da rapaza na escola, os seus “primeiros amores infantís”, os comportamentos dos nenos cun ton fresco, cheo de dozura, coas súas alegrías
e desgustos. Pero Bisa Bea, Bisa Bel, sinala as inxustizas sociais, nalgunha das
súas páxinas, cunha intensidade que te emociona. E faino con naturalidade, a
través dunha linguaxe limpa e coidada, servíndose de dous irmáns xemelgos,
María e Vítor, que son un acerto na narración.
A historia, na que os
personaxes viven, está chea de humor, de ironía, de tenrura. Os nenos e as nenas,
nestas páxinas,choran, rin, ilusiónanse, namóranse, denuncian, contan, son
crueis e, deseguida, tenros…A sensibilidade está presente ao longo de todas as
páxinas. Ana María Machado sabe moi
ben para quen escribe (ollo! para adultos, tamén, eh?), coñece perfectamente a
psicoloxía humana e comprende a necesidade de que a LIX sexa sólida e sexa LITERATURA,
por riba de todo. Conségueo. Claro que o consegue, como leva conseguídoo durante
tantos anos.
Ana
María Machado xa pertence a ese grupo especial dos
considerados clásicos da literatura infantil. Calquera dos seus libros é unha
recomendación magnífica. E este, que vendeu, máis de dous millóns e medio!!! de
exemplares no Brasil non é unha excepción. Un grande acerto da Editorial
Galaxia, a súa publicación.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO