sábado, 9 de noviembre de 2013

A LUZ DAS PALABRAS (31) Anxo Cabada

Autorretrato. Anxo Cabada


A fotografía entrou con pleno dereito no mundo das Artes. Afortunadamente, vai callando nas persoas que, libres de prexuízos interesados ou produto do descoñecemento, gozan das exposicións e dos libros dos artistas dunha maneira total. E ben que me alegro de que isto aconteza. Tivo que pasar bastante tempo para que se recoñecese o labor artístico dos fotógrafos. Son, os que teñen vontade de captar imaxes suxestivas, auténticos creadores. Son persoas, como todo creador, que ven o mundo dende un punto de vista moi especial, e, dentro del, esas pequenas cousas emocionantes, a través dunha cámara fotográfica e presentan a súa esencia dun xeito intelixente e moi creativo.
Persoas que inventan arredor delas un universo persoal abraiante que nos convida a nos deter nel.
Foto de Anxo Cabada
Cada vez admiro máis a estes artistas. Amósannos a aparente insignificancia das nosas vidas e todo o que se agocha nelas para que nos decatemos da riqueza que posúen. E, ao tempo, son quen de agrandar esas insignificancias para que reparemos nelas e reflexionemos. Son captadores de beleza. E a beleza, ás veces, pode ir da man das desfeitas, das inxustizas, das guerras ou das desgrazas sociais, pero tamén dos recunchos aparentemente comúns.

Anxo Cabada é unha desas persoas ás que eu admiro fondamente, e que teñen que ver co que digo nos parágrafos anteriores. Afable, xeneroso, honesto é un poeta da fotografía. A súa obra, que se expón en proxectos moi diversos, en exposicións de alto nivel, que se recolle en libros (Que fermosas as súas Terragrafías e as Maregrafías, entre outros libros!). As súas fotos, dunha alta calidade, achégannos ás olladas da xente sinxela que fala cos ollos; agasállanos con rostros de persoas que viven apegadas á terra, á súa contorna, aos seus sufrimentos, ás súas alegrías, ás súas monotonías, aos seus traballos. Isto e moito máis é plasmado pola cámara de Anxo Cabada dun xeito maxistral.

As fotos de Anxo falan, choran, petan nos nosos corazóns. Son fotografías cheas de arte e sentimento. Son coma versos tecendo as forzas e as debilidades das persoas, paisaxes e detalles vivos ou inanimados.
Foto de Anxo Cabada

Encántame o traballo de Anxo Cabada. É o resultado desa paixón que leva dentro e nace antes de coller a cámara. Todo o que fai dá, antes, moitas voltas na súa cabeza. E consegue que agrome no seu interior para contaxiarnos a súa arte por medio das súas imaxes. Non son estas algo estático, tópico. Non, están cheas de vitalidade, porque Anxo sempre vai máis alá do que ve o ollo humano. Apunta aos sentimentos do que fotografa, mesmo se son seres inanimados. O que capta, respira.
Anxo Cabada é un Artista de pés á cabeza.

O mar de Anxo é outro mar. Un mar cheo de idas e retornos entrañables.
Contraluz na Ría de Vigo. Anxo Cabada

A terra de Anxo é outra terra. Unha terra que chama, que suplica, que se sabe forte e vulnerable a un tempo.

Os retratos que fai Anxo non son retratos convencionais. Levan dentro segredos que esvaran polas facianas que recolle tan ben.

Anxo Cabada fai poemas coa súa cámara fotográfica. E os seus versos baten contra o espectador ou espectadora e sacódenos ata facer que se emocionen. Hai unha morea de compromisos coa Arte na súa obra. Arte, con maiúsculas e por riba de todo, sen adxectivos.
Arte, ademais, que reforza a memoria e que nos transmite que a pegada dos seres humanos sobre o camiño percorrido e por recorrer está chea de luces e sombras.
Ollo de boi. Anxo Cabada

Anxo Cabada procura decote a identidade do misterio que agocha todo aquilo que vai fotografar.

Por iso, por auténtico e comprometido co seu labor, eu quero e admiro a Anxo.

Por iso, tras moito insistirlle, hoxe nos presenta un texto e unha fotografía realmente extraordinarios. Un conxunto cheo dese misterio que envolve o seu traballo fotográfico.

Versos e aloumiños séntese moi feliz de que unha persoa da categoría artística e humana de Anxo Cabada estea presente. O dito, pura poesía.






                                                                  
                                        A PORTA DA FOTOGRAFIA


                                             A porta de Corrubedo



O futuro dos museos está dentro das nosas propias casas, dicía Pamuk.
Ó abrir a porta por primeira vez nunha casa, estase abrindo a artesa  da nosa vida. Dentro da casa iremos tecendo os nosos insomnios os nosos desencontros, os nosos anceios, as nosas derrotas.

Dentro da porta están os espertares emocionados , os momentos apaixonados das conversas íntimas ou dos silencios das horas,
as historias narradas ou os soños inquedos, están os obxectos cómplices, os reloxos detidos, están as liñas das vidas por compartir.

Alén da porta quedan as conversas ilimitadas, as espectativas sociais e os desacougos colectivos, os encontros, as casualidades, as miradas buscadoras, as miradas perdidas;  están os días  inxenuos e ferreos, as relacións cheas de calor  e indiferenza, as alegrías e os fríos dos abrazos, as soidades colectivas o enxame das vontades.

Cando se pecha a porta, estase pechando a vida íntima, dentro agachamos o equilibrio inconstante das noites asolagadas do laberinto sentimental.

A fotografía da porta, é a imaxe contida dunha emoción, da sorpresa da vida escondida. Se cadra é o segredo do artesán do museo da nosa memoria, mentres mira e escoita o vento do mar.



Texto e foto  de  Anxo Cabada
Casa do arquitecto David Chipperfield en Corrubedo