Aos dous días da presentación de “Un rato díxolle á lúa”, atopeime cun amigo, compañeiro meu
naqueles anos nos que eu xogaba no Academia Octavio, e aínda estaba emocionado.
Non viñera nunca a unha presentación dun libro meu. Non saía do seu abraio
lembrando todo o que aconteceu na Casa
do Libro o día 28 de maio.
O meu amigo e compañeiro balonmanístico le. E le bastante.
Canto me alegro! Gústalle a novela histórica, tal vez o subxénero que menos me
gusta a min, o cal non significa nada. Pero el le. Nótolle unha verdadeira
paixón pola lectura. E teño que dicir que volvín estar con el na rúa do
Príncipe e ía acompañado por unha novela de Juan Marsé. Todo isto sonche boas noticias. Cando eu vexo
alguén que leva un libro na man, encántame. Ben sexa na praia, no autobús,
sentado nun banco dun parque ou tomando un café nunha cafetaría, o feito de ver
persoas que len anímame. Faime ser máis positivo á hora de xulgar todo este
mundo arredor da lectura. Un mundo que nos sinala como un dos países
desenvolvidos que menos nivel lector posúe. E non digamos en galego. Se eu vos
contase…
Dende logo que quedan moitos pasos que dar pero, repito,
faise un máis optimista se vexo que os libros andan pola rúa. Se sinto a súa
presenza real preto de min.
Este meu amigo díxome algo que non é novo para min. “Antonio, gústame ler pero coa poesía non
podo”. E engade: “De verdade que me
gustaría que me gustase, mais non o consigo”. E deseguido afirma: “Iso
si, cando comezaches a ler os poemas teño que recoñecer que me chegou dentro a
palabra e que me encantou”.
Isto é algo que ocorre a miúdo.
Gustan os recitais. Crean un ambiente propicio á emoción
poética. A xente sae feliz de escoitar a poesía lida en voz alta. Pero como non
foron acostumados a ler a poesía cabo deles non son quen de enfrentarse a un
libro e facer unha lectura silenciosa dos versos.
Por iso levo ben anos afirmando que a poesía ten que estar
presente nas aulas. Que non se poden inventar disculpas. Que os nenos e as nenas,
se pensamos na súa formación integral, non poden ser alleos ao feito poético e que a POESÍA precisa dese MEDIADOR ou MEDIADORA que llela
achegue. E este achegamento debe comezar pola poesía de tradición oral e ten
que entrar en VOZ ALTA nas casas,
nas escolas ou nas bibliotecas.
Así que, unha vez que me enviaron os tres vídeos dos poemas
recitados no acto, Que ocorre na terra?, O vento dorme e Pomba de menta, quero
poñelos á disposición daqueles aos que
lles interesen e, deste xeito,poidan gozar coa poesía en VOZ ALTA, neste caso, sentíndome un privilexiado porque Paco Ibáñez me acompaña coa súa
guitarra.
Espero e desexo que vos sirvan de pracer e vos sexan de
utilidade.
Recitado de Que ocorre na terra? (Antonio G. Teijeiro / Paco Ibáñez)
E agora, O vento dorme.
E para rematar, Pomba de menta.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO