FRAN ALONSO |
Tras vinte e cinco anos de
publicacións poéticas dirixidas aos nenos e á mocidade, precisaba eu dunha escolla deses poemas que foron
nacendo, a través dese tempo, para que a rapazada tivese un referente poético
máis. Nunca sobran as referencias. Máis ben, enriquecen.
Así xurdiu o proxecto desta
antoloxía. A recepción por parte de Manuel
Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, foi
incriblemente decisiva. Non poderei esquecer, endexamais, a ilusión coa que
acolleu o proxecto.
Dado ese paso, tiña que convencer a
persoa que máis axeitada me parecía para realizar este traballo. Sempre pensara
en Fran Alonso, magnífica persoa,
excelente escritor tanto como narrador como poeta. Ademais, a súa
antoloxía de poesía galega para todas as
idades, POETÍZATE, foi, para min, un
dos grandes acertos dos últimos anos no eido da edición.
Sei que o atraquei. Son consciente.
Pero era a persoa que vivía na miña mente dende o primeiro momento. El, tan
xeneroso comigo coma sempre, aceptou. Deume unha grande alegría. Pediume que
lle prestase os libros que lle faltaban e quedamos que sería unha antoloxía
cronolóxica. Non me gustan demasiado as antoloxías temáticas. Cumpren certas
funcións, pero eu prefería que se presentase a miña obra poética ano a ano. Fran entendeuno perfectamente. Así
comezou o seu traballo, serio, rigoroso, sabendo moi ben o que tiña entre mans.
E o resultado non puido ser mellor. No libro están moitos tipos de temas, de
estruturas, de poemas. Existe unha riqueza poética que nin eu mesmo era
consciente de que se dese. E foi el quen, tras escoitar na miña casa as
gravacións informais con Paco Ibáñez
en Barcelona, propuxo a inclusión deses poemas cantados e recitados nun CD que
acompañaría o libro. Outra vez Manolo
Bragado accedeu á nosa petición e o proxecto enriqueceuse.
Xenerosos Paco e Xulia permitindo a divulgación das cancións, só faltaba un
prólogo. Pedinllo ao meu fillo Antón,
profesor na Universidade de Tennessee en Martin e escribiu unas emocionantes
palabras, desas que che fan sentir ben orgulloso cando as les.
A parte da ilustración,algo
fundamental, ía correr a cargo de Xosé
Cobas. Propúxenllo xa antes de presentar o proxecto. Xosé, un artista excepcional e amigo de verdade, compañeiro noutros libros,
un poeta da ilustración, aceptou decontado. E fíxoo, ademais, coa felicidade no
rostro. O resultado resulta evidente no libro.
Fran foi, tamén, quen me comentou o título. Vino ben dende o
primeiro momento.
E así naceu Un rato díxolle á lúa. Anaír completou o excelente traballo na
edición.
Na presentación multitudinaria na
Casa do Libro, Fran Alonso leu un
fermoso texto.
É este que se pode ler deseguido.
Gozade del, porque a min me
conmoveu fondamente.
Grazas, Fran, polo traballo tan intelixente que fixeches, e polo agarimo que me amosaches e me amosas
dende que te coñecín.
Un rato díxolle á lúa tamén é teu.
TEXTO LIDO POR FRAN ALONSO NA PRESENTACIÓN D´ UN RATO DÍXOLLE Á LÚA.
Hai aproximadamente dous anos e pico, Antonio García
Teijeiro pediume que fixese unha antoloxía da súa obra poética infantil. Foi
unha mañá en que se achegou por Xerais, cando faltaba pouco para que se
cumprisen 25 anos do comezo do seu labor escribindo e publicando poesía.
Loxicamente, non podía haber nada máis oportuno que a edición dunha antoloxía
para a obra quen se configurou ao longo destes anos como o poeta infantil
galego máis recoñecido, prolífico e de maior proxección pública. Se alguén encarna a poesía infantil en
Galicia é, sen dúbida, Antonio García Teijeiro. Vinte e tantos poemarios
publicados e destinados ao público máis miúdo certifican este xigantesco labor.
Debo recoñecer que cando Antonio me solicitou a min que
fixese unha antoloxía da súa obra poética infantil quedei desconcertado. Non é
que o labor me resultase estraño: eu ideara e fixera Poetízate e estaba a traballar diversas antoloxías para outros
tramos de idade. Pero unha cousa era
configurar unha antoloxía diversa e ampla, con determinados criterios
que sempre tiven moi claros, e outra moi distinta era asumir a responsabilidade
de realizar unha antoloxía monoautorial, é dicir, unha antoloxía de obra
pertencente a un único autor, que ademais era un autor tamén con criterio propio
e que estaba vivo e coleando. Por outra banda, eu non son un antólogo nin me
considero tal.
Sospeito que nos primeiros días estiven evasivo. Á marxe da
carga de traballo que eu puidese arrastrar, encarar aquel proxecto era unha
cuestión que me ofrecía moitas dúbidas e, sobre todo, ninguén me podía garantir
que o meu criterio non acabase friccionando co do propio Antonio que, en
definitiva, era o autor e, daquela, dono e señor da súa obra, como é lóxico.
Supoño que aqueles primeiros días de estado evasivo fronte á
decisión de asumir ou non a responsabilidade que se me solicitaba foron
necesarios para ir afacéndome á idea de vagariño.
Do que non había dúbida era de que eu sempre tivera en moi
alta estima a poesía de Antonio, a elegancia da súa aparente sinxeleza, o seu
poder deslumbrante, a súa eficacia. E, por se iso non abondase, sempre sentín
un enorme aprecio pola súa persoa e mantiven con el unha magnífica relación. Xa
que logo, que desculpa podía aducir para darme de baixa de semellante
expedición literaria?
Era evidente que non a había. Se Antonio tiña tanto interese
en facerme partícipe dun proxecto tan especial e significativo era porque
estaba depositando en min unha confianza relevante. E, desde logo, constituía
un todo un reto, que me ofrecería unha a oportunidade de abordar o conxunto
dunha obra de trascendencia na poesía infantil.
Ora ben, xa dixen antes que eu non son antólogo nin me
considero tal cousa. Sobre todo, porque se fago unha antoloxía poética non a
fago con criterios de antólogo senón con criterios de animador poético. Eu
síntome moitísimo máis cerca do animador que practica o fomento da lectura que
do antólogo. Non concibo unha antoloxía de poesía infantil como unha recolleita
para e plasmar ou establecer o canon nin para mostrar a traxectoria nin as
liñas evolutivas do antologado; pola contra, unha antoloxía constitúe para min
un valiosísimo instrumento de animación poética, unha oportunidade para
trasladar o corazón da poesía aos lectores e lectoras coa finalidade de que a
aprehendan, con h intecalado, é dicir, que lles invada agarimosamente as
entrañas, que a fagan súa, que pase a formar parte da súa experiencia vital.
Xa que logo, díxenlle a Antonio que aceptaba facer a
antoloxía da súa obra poética a partir deses criterios. Pero sospeito que
Antonio García Teijeiro non esperaba outra cousa de min. El sabe moi ben de que
se fala cando se fala de fomento da lectura. E debo recoñecer que eu o tiña
doado, porque se trataba dun autor que me proporcionaba unha materia prima de
primeira calidade, fresquísima, con versos tan vivos que non paraban de mover a
cola entre os fentos das palabras.
Acometín o labor que Antonio me solicitou coa conciencia de
quen se mergulla nunha obra poética brillante, enorme, flexible, perenne e
fermosa. Así que non resultaba nada difícil artellar unha antoloxía na que os
lectores e lectoras gozasen dos poemas, facendo fluír as súas emocións, as súas
risas e evocacións; a través da que enredasen coas palabras, coas frases e cos
versos, potenciando a capacidade da súa poética para mostrar a vida a través da
creación literaria.
Claro, abordase como abordase o asunto da antoloxía tiña a
encomenda de darlle forma a un libro de poemas alleos, que faría baixo os meus
propios criterios, pero ao mesmo tempo recaía sobre min a responsabilidade non
explícita de que Antonio se sentise necesariamente cómodo e identificado co
resultado. Non podía ser doutro xeito. Daquela, dado que eu ía empregar os meus
propios criterios –estou certo que el non espera outra cousa de min– nun dos
primeiros encontros que tivemos na súa casa a petición miña, soliciteille que,
título por título, me fixese unha valoración de cada un dos seus libros. Eu
precisaba ver, e contrastar coa miña propia opinión –que non era necesariamente
coincidente coa súa–, que cousas eran as que el máis valoraba ou salientaba da
súa propia obra. E esa conversa, que se demorou ao longo dunha tarde, abondou
para cerciorarme de que se ía sentir cómodo co resultado do meu traballo.
Noutro deses encontros na súa casa escoitei por primeira vez
os seus poemas musicados por Paco Ibañez, que podía constituír unha banda
sonora excepcional para a antoloxía. Alí barallamos por primeira vez a idea de
incorporar o CD ao libro.
A lectura sistemática e continuada de todos os seus
poemarios ofreceume unha nova dimensión da súa obra poética e mostroume un
Antonio García Teijeiro medrado, desbordante, como un río arrebatador, de augas
claras, que anega as beiras porque é caudaloso, contundente e, ao tempo,
conserva as formas do que flúe de xeito natural. Eu xa levaba moito tempo
recitando algúns poemas de Antonio polas bibliotcas, escolas e institutos, pero
esa lectura fíxome reconstruír tamén o meu propio traballo de animación.
Para realizar a selección dos poemas de Un rato díxolle á lúa non puiden proceder por elección, e fíxeno
por eliminación, que me parece o xeito menos probable de equivocarse, a forma
en que un queda entre as mans sen decatarse coa esencia do que busca.
Non vou dicir a penas nada sobre a poesía de Antonio porque
xa o fixen no limiar do libro. Pero si que hai algo que me gustaría significar:
a maior parte dos seus poemas teñen o ritmo certeiro, eficaz e melodioso da
chuvia. E ese ritmo, que varía segundo o vento e a intensidade das nubes, que é
irrenunciable en toda a súa poesía, enchoupoume de arriba a abaixo. A medida
que ía lendo, o ritmo impregnábaseme nos beizos, con ese sabor ancestral que
posúen os seus versos, que é un sabor de berce, con ese sabor á lúa, que nos
ilumina e se nos mete dentro. E, sobre todo, con ese sabor que, repousado sobre
o padal, ofrece un clarevidente e amoroso regusto a infancia. Eis o seu
segredo. Eis o segredo do seu inequívoco éxito.
En fin, os poemas de
Un rato díxolle á lúa constitúen un agasallo que Antonio lle fai á
literatura galega e sobre todo, un verdadeiro agasallo que Antonio García
Teijeiro lle ofrece á poesía e á infancia. Ilustrados pola man agarimosa e
poética de Xosé Cobas, e coa banda sonora de Paco Ibañez, estes poemas son
dunha delicadeza e eficacia sublime.
Sen dúbida, estamos de celebración.
FRAN ALONSO
FRAN ALONSO