martes, 29 de agosto de 2023

FAÍSCAS (12) "Como se achega setembro, algo de educación"

 




Intentando ordenar -algo que nunca consigo- a miña enorme biblioteca persoal, dou cun libro que, publicado en 2015, me agasallaron e fíxome moi feliz.

     Falo de La nueva educación. Los retos de un maestro de hoy. O seu autor, César Bona, un dos cincuenta mellores mestres do mundo segundo o Global Teacher Price (non creo nada nestas distincións globais de “o mellor…”, pero deixémolo así).


     As teorías de César Bona son compartidas por min dende hai xa ben tempo. Un dos seus puntos máis importantes consiste na implicación do ou da docente co seu alumnado. Afirma Bona que o mestre non debe acomodar os alumnos e alumnas a uns plans de estudo, porque todo educador debe adaptarse ao motor imparable do neno/a. Imprescindible motivar, estimular a súa creatividade e aguilloar a súa curiosidade. Chámaos habitantes do presente, algo máis ca os adultos do futuro.

     O educador é para César Bona un ser privilexiado que pode impartir e compartir os seus coñecementos en tribu.

      Estas e moitas afirmacións que se poden ler no libro, non resultan alleas a eses e esas docentes que levan moito tempo poñendo en práctica, con ilusión e intelixencia, estes e outros presupostos necesarios para que o alumnado desenvolva a súa capacidade tanto intelectual coma afectiva (non é así, admirada María Rosa Serdio, poeta e mestra exemplar?) na etapa de formación.

     

                                        María Rosa Serdio. (Foto Rev. Arena y cal)


     Pero non está de máis recordar estes puntos, tan lóxicos como esquecidos demasiadas veces.

E convén recordalos nestes momentos da involución que a dereita extrema e a ultradereita queren impoñer ao acceder á educación (que terrible!) e á cultura en concellos e autonomías deste país. PP e Vox están propoñendo unha volta atrás en dereitos fundamentais no proceso educativo que me aterran. Pin parental, ideoloxía ultraconservadora, mentiras, manipular contidos, eliminar outros, atacar a igualdade, machucar a liberdade docente e tantas e tantas barbaridades que dan medo.

     

César Bona


     Non o esquezamos: xogámonos moito no eido educativo para permitir estas involucións que empobrecerán o presente e o futuro de xeracións que precisan de amplitude de horizontes para que a súa formación os faga máis cultos, máis abertos e máis libres.

     Como di César Bona, refiriéndose aos estudantes, "estes deben saber que se propoñen algo e loitan por iso, poden conseguir ser moi fortes nas situacións adversas e terán moi claro que deles e delas depende que o mundo sexa un lugar mellor”.

      Axudémolos, pois, a que o entendan, o interioricen e acaden estes obxectivos.

 

                                                                                                                          Antonio García Teijeiro