O pasado día 30 presentouse
na Librería Librouro o meu novo libro de poesía, O poder da fraxilidade.
Levaba seis anos sen
publicar un poemario para adultos e xa tocaba.
O acto foi fermosísimo.
Introducido por Fernando González en representación do Ateneo Atlántico,
coorganizador do evento coa Editorial Belagua, que editou o libro.
Edurne Baines, directora da
editorial, falou deseguido e An Alfaya, escritora, referiuse a el dun xeito
brillante. Todos os discursos reflectiron un enorme agarimo cara á miña persoa.
Alberto Cunha e o seu irmán,
Andrés, puxeron a nota musical, marabillosa, interpretando tres temas que
enfeitizaron aos asistentes.
Como non podía ser doutro
xeito, eu falei d´O poder da fraxilidade e as miñas palabras
podedes lelas aquí embaixo.
Un acto de amor á poesía, á
música, cunha emotividade que nos deixou ben felices.
Antonio García Teijeiro |
Todos temos un lado
escuro. Eu, tamén. E, dende ese lado escuro escribo os meus poemarios para
adultos.
Nese lado escuro habitan
algunhas pantasmas e certos demos. Un intenta vencelos ao longo do tempo pero a
súa pegada endexamais desaparece completamente.
O poder da fraxilidade
habita neste espazo e pretende atinxir a luz, mais non é doado.
Naceu o poemario en plena
pandemia. Tempo de incerteza e fraxilidade. Tiven que pelexar coas palabras
para darlle forma ao verso. Ás veces conseguino e outras, non. Mais sempre
había algunhas que acudían ata min facéndome máis doado respirar un aire
irrespirable.
O poder da fraxilidade
é un traballo dun poeta escéptico. Son sete treitos que, como di An Alfaya,
se transitan con pasos cansos.
Os poemas son coiteladas
silandeiras nun mundo que non me gusta. Nun mundo do que formo parte e no que
teño a responsabilidade como persoa que habita nel.
As pequenas cousas, a
acción cultural perden valor perante o éxito que se mide polo que se ten. Polo
maldito diñeiro.
Eu tentei escribir un
poemario comprometido co ser humano e crítico cunha sociedade que nos fai e que
nos desfai.
E fíxeno, ao xeito do
gran poeta arxentino, Hugo Mujica, con poemas curtos, con versos
desprovistos de follaxe. Intentei que fosen intensos, que deixasen silencios e
que se adentrasen nas viaxes interiores de cada un. Poemas espidos, directos,
para poñer en evidencia o cotián, as nosas contradicións e a nosa capacidade de
rebelarnos contra as sombras que nos producen inquietude e medo. Volvo á nenez,
canto ao amor e ao desamor, á palabra, escribo de ausencias e, nun tramo
especial, poño o dedo na chaga da tara que nos anega como é a violencia
machista. Debo dicir que é unha tara que me revolve o estómago. Que non podo
con ela. E, precisamente, é neste apartado onde aparecen certas físgoas de luz
e de esperanza. Mulleres que se enfrontan e din BASTA! É un desexo íntimo que
habita en min.
A miña poesía está pegada
á miña pel e eu afirmo rotundamente que, coa música, é a arte na que me
recoñezo fundamentalmente coma se fose un espello.
Nace dunha observación
aguda dos comportamentos humanos, do coñecemento de min mesmo, do que me rodea,
das emocións, do pensamento crítico…
Por que a fraxilidade?
Pois porque está aí. Porque todos somos fráxiles en momentos importantes da
nosa vida, aínda que non o queiramos recoñecer. Sempre hai certas partes do
noso comportamento que rozan a fraxilidade. E isto non é malo se nos fai ser
conscientes de que o fráxil ten o seu poder dende a sensación emocional que nos
conforma. Fainos ver as dúas caras da vida: a luz e a negrura. Convídanos a
camiñar por espazos diversos e ateigados de sorpresas. É a nosa decisión tomar
o vieiro axeitado ou non. A fraxilidade amósanos a nosa procedencia, os nosos
hábitos, cara a onde camiñamos e as debilidades que posuímos para desenvolver a
nosa vida. Dinos que todo pode crebar nun intre dado, pero que temos a
capacidade de poñerlle remedio. De aí, o seu poder. Podemos agochala, ignorala
pero sería un tremendo erro. Sempre petará no noso interior.
Xa o di María do
Cebreiro. “ O poder da fraxilidade/ canta con cada pedra no fío do
coitelo,/ que pode ferir e sandar ao mesmo/ tempo: non hai pracer intenso/ que
non doia e cada ferida ten/ a súa propia beleza”.
Para min, o pracer, a
beleza intensa da fraxilidade.
E remato xa.
Pero antes, quero
xustificar ese derradeiro capítulo dedicado á poeta Chantal Maillard,
nacida en Bruxelas, pero de nacionalidade española, autora de poemarios
brillantes como, por exemplo, La herida en la lengua.
Sinto que na súa poesía
nada é superfluo nin gratuíto. Poesía exquisita que, dende certa realidade, nos
convida a gozar dunha experiencia de viaxe interior, da que o lector ou lectora
sae decote cunha nova luz.
Por este camiño vai tamén
a miña poesía.
An Alfaya, na presentación do poemario. |
TRES POEMAS
Non sei se feren
Fernando Glez, fala no nome do Ateneo Atlántico |
nin se feren os cactos
firmes
nun andel
nin sequera se feren as palabras
pronunciadas
a destempo
Non o sei
mais
si estou seguro
de que en certos casos
fere
a poesía
Edurne Baines, a editora, durante a súa intervención |
sobre uns dedos feridos
que inventan a sonata do imposible
Sangran
as teclas invisibles
e
as notas cóbrense
dunha sombra infinita
que fai inútil a
beleza da música soñada
É a ausencia dos sucos de luz
que
alimentan as ganas de loitar
Os irmáns Alberto e Andrés Cunha, durante a súa actuación |
Que negra é a suor
da
desmemoria!
Vexo as rúas da cidade
deshabitada
e
recoñezo os pasos
case
borrados
que
algunhas noites
na
feble penumbra
me
levaban a ti
Inefable labirinto
do
desexo compartido
Quero aferrarme a ti
Asistentes ao acto en Librouro |
Non quere que unha vez morta
ninguén baile
sobre a súa tumba
Afoga esas
palabras
que
removeron o seu destino
Palabras insolentes e ferintes
Nunca volverá escoitar
“que non volverá pasar”
“que me fixeches infeliz” (por riba)
“que rompiches as dúas caras do amor”
“que nunca perdoas de verdade
os meus descoidos”
Alumnos do IES Carlos Casares, coa súa profesora Noa García Garrido |
“que non me podes facer isto”
“que eu te quero con loucura”…
Palabras falsas
que
deixaron pegadas sen rostro
cicatrices
que sangran
Collerá un tren
que a
vai levar lonxe
da
cruel escuridade