Páginas

martes, 11 de abril de 2023

PRESENTACIÓN DO POEMARIO "O PODER DA FRAXILIDADE", de Antonio García Teijeiro. Texto do autor

 




O pasado día 30 presentouse na Librería Librouro o meu novo libro de poesía, O poder da fraxilidade.

Levaba seis anos sen publicar un poemario para adultos e xa tocaba.

O acto foi fermosísimo. Introducido por Fernando González en representación do Ateneo Atlántico, coorganizador do evento coa Editorial Belagua, que editou o libro.

Edurne Baines, directora da editorial, falou deseguido e An Alfaya, escritora, referiuse a el dun xeito brillante. Todos os discursos reflectiron un enorme agarimo cara á miña persoa.

Alberto Cunha e o seu irmán, Andrés, puxeron a nota musical, marabillosa, interpretando tres temas que enfeitizaron aos asistentes.

Como non podía ser doutro xeito, eu falei d´O poder da fraxilidade e as miñas palabras podedes lelas aquí embaixo.

Un acto de amor á poesía, á música, cunha emotividade que nos deixou ben felices.

 

 

Antonio García Teijeiro


Todos temos un lado escuro. Eu, tamén. E, dende ese lado escuro escribo os meus poemarios para adultos.

Nese lado escuro habitan algunhas pantasmas e certos demos. Un intenta vencelos ao longo do tempo pero a súa pegada endexamais desaparece completamente.

O poder da fraxilidade habita neste espazo e pretende atinxir a luz, mais non é doado.

Naceu o poemario en plena pandemia. Tempo de incerteza e fraxilidade. Tiven que pelexar coas palabras para darlle forma ao verso. Ás veces conseguino e outras, non. Mais sempre había algunhas que acudían ata min facéndome máis doado respirar un aire irrespirable.

O poder da fraxilidade é un traballo dun poeta escéptico. Son sete treitos que, como di An Alfaya, se transitan con pasos cansos.

Os poemas son coiteladas silandeiras nun mundo que non me gusta. Nun mundo do que formo parte e no que teño a responsabilidade como persoa que habita nel.

As pequenas cousas, a acción cultural perden valor perante o éxito que se mide polo que se ten. Polo maldito diñeiro.

Eu tentei escribir un poemario comprometido co ser humano e crítico cunha sociedade que nos fai e que nos desfai.

E fíxeno, ao xeito do gran poeta arxentino, Hugo Mujica, con poemas curtos, con versos desprovistos de follaxe. Intentei que fosen intensos, que deixasen silencios e que se adentrasen nas viaxes interiores de cada un. Poemas espidos, directos, para poñer en evidencia o cotián, as nosas contradicións e a nosa capacidade de rebelarnos contra as sombras que nos producen inquietude e medo. Volvo á nenez, canto ao amor e ao desamor, á palabra, escribo de ausencias e, nun tramo especial, poño o dedo na chaga da tara que nos anega como é a violencia machista. Debo dicir que é unha tara que me revolve o estómago. Que non podo con ela. E, precisamente, é neste apartado onde aparecen certas físgoas de luz e de esperanza. Mulleres que se enfrontan e din BASTA! É un desexo íntimo que habita en min.

A miña poesía está pegada á miña pel e eu afirmo rotundamente que, coa música, é a arte na que me recoñezo fundamentalmente coma se fose un espello.

Nace dunha observación aguda dos comportamentos humanos, do coñecemento de min mesmo, do que me rodea, das emocións, do pensamento crítico…

Por que a fraxilidade? Pois porque está aí. Porque todos somos fráxiles en momentos importantes da nosa vida, aínda que non o queiramos recoñecer. Sempre hai certas partes do noso comportamento que rozan a fraxilidade. E isto non é malo se nos fai ser conscientes de que o fráxil ten o seu poder dende a sensación emocional que nos conforma. Fainos ver as dúas caras da vida: a luz e a negrura. Convídanos a camiñar por espazos diversos e ateigados de sorpresas. É a nosa decisión tomar o vieiro axeitado ou non. A fraxilidade amósanos a nosa procedencia, os nosos hábitos, cara a onde camiñamos e as debilidades que posuímos para desenvolver a nosa vida. Dinos que todo pode crebar nun intre dado, pero que temos a capacidade de poñerlle remedio. De aí, o seu poder. Podemos agochala, ignorala pero sería un tremendo erro. Sempre petará no noso interior.

Xa o di María do Cebreiro. “ O poder da fraxilidade/ canta con cada pedra no fío do coitelo,/ que pode ferir e sandar ao mesmo/ tempo: non hai pracer intenso/ que non doia e cada ferida ten/ a súa propia beleza”.

Para min, o pracer, a beleza intensa da fraxilidade.

E remato xa.

Pero antes, quero xustificar ese derradeiro capítulo dedicado á poeta Chantal Maillard, nacida en Bruxelas, pero de nacionalidade española, autora de poemarios brillantes como, por exemplo, La herida en la lengua.

Sinto que na súa poesía nada é superfluo nin gratuíto. Poesía exquisita que, dende certa realidade, nos convida a gozar dunha experiencia de viaxe interior, da que o lector ou lectora sae decote cunha nova luz.

Por este camiño vai tamén a miña poesía.



An Alfaya, na presentación do poemario.




TRES POEMAS


Non sei se feren

Fernando Glez, fala no nome do Ateneo Atlántico
            as rosas vermellas ou amarelas

nin se feren os cactos

            firmes nun andel

nin sequera se feren as palabras

            pronunciadas a destempo

 

Non o sei

            mais si estou seguro

de que en certos casos

            fere a poesía


 



Edurne Baines, a editora, durante a súa intervención
Pestanexa o tempo

sobre uns dedos feridos

que inventan a sonata do imposible

            Sangran as teclas invisibles

                        e as notas cóbrense

                                dunha sombra infinita

                           que fai inútil a beleza da música soñada

 




É a ausencia dos sucos de luz

            que alimentan as ganas de loitar

Os irmáns Alberto e Andrés Cunha, durante a súa actuación
É a música do imposible

Que negra é a suor

                        da desmemoria!

Vexo as rúas da cidade

                        deshabitada

            e recoñezo os pasos

                        case borrados

            que algunhas noites

            na feble penumbra

                        me levaban a ti

Inefable labirinto

                        do desexo compartido

Quero aferrarme a ti



Asistentes ao acto en Librouro

Non quere que unha vez morta

  ninguén baile sobre a súa tumba

 

  Afoga esas palabras

            que removeron o seu destino
     

Palabras insolentes e ferintes

Nunca volverá escoitar

“que non volverá pasar”

“que me fixeches infeliz” (por riba)

“que rompiches as dúas caras do amor”

“que nunca perdoas de verdade

             os meus descoidos”

Alumnos do IES Carlos Casares, coa súa profesora Noa García Garrido
“que non sabes o que é sufrir”

“que non me podes facer isto”

“que eu te quero con loucura”…

 

Palabras falsas

            que deixaron pegadas sen rostro

            cicatrices que sangran

Collerá un tren

            que a vai levar lonxe

                        da cruel escuridade