En plena conferencia |
Encántame ir ás escolas e aos institutos para falar de poesía co alumnado, para partillar coa xente nova as emocións que os versos conteñen. Para oír os nenos e nenas recitar, para velos representar, para escoitalos cantar eses poemas que lles chegan de verdade.
Moitos queixámonos de que non se le poesía. É certo.
Sempre mantiven que os adultos -en xeral- lle teñen moito medo e danlle as costas.
O alumnado precisa de mediadores ou mediadoras que lles contaxien con paixón e convencemento as bondades dos textos poéticos.
Nunca falla: cando hai mediadora, os rapaces e rapazas gozan e vibran coa poesía. Nótase no ambiente.
Isto aconteceume, a finais do mes de marzo, na miña visita ao IES “Carlos Casares”, de Vigo.
A profesora, Noa García Garrido fai a presentación |
Axiña comprendín que había unha mediadora que amaba a poesía. Noa García Garrido, profesora do centro, reuniu un bo número de alumnos e alumnas de bacharelato (e algún de Secundaria) para manter un encontro con eles. A súa man era evidente que estaba presente nestes mozos e mozas que xa amaban a poesía. Ben que me dei conta.
A experiencia non puido ser mellor. Atentos/as, respectuosos, interesados, notei que as palabras que lles dicía penetraban no seu interior.
Foi unha conferencia das que che deixan un sabor inesquecible.
Impresionante ambiente, moi cálido e cun agarimo cara á palabra poética realmente excepcional.
Un momento do acto |
Versos e aloumiños non podía deixar escapar a oportunidade para compartir cos lectores e lectoras o meu discurso no centro.
Así que, prezadas amigas e amigos, embaixo queda o audio da miña intervención, por se vos presta escoitala.