lunes, 6 de marzo de 2023

DARDO POÉTICO (XCII) Poemas envoltos en jazz, de Antonio García Teijeiro

 



Lonxe de ser unha música estática, o jazz é un xénero musical en constante evolución. Dende o jazz máis clásico ao free e á fusión, o jazz segue interesando a moitos melómanos que non poden fuxir do meigallo que as notas de saxos, de pianos, trompetas, fiscornios, baterías, órganos, timabais, clarinetes e demais instrumentos deixan no máis fondo dos amantes desta música expansiva e ateigada de vizosas improvisacións.

 


     Estase a lamentar, entre os seguidores do jazz, que as novas xeracións non o escoitan. Que hai magníficos músicos mozos cheos dunha creatividade enorme e dun magnetismo musical que conmove. Os máis pesimistas temen que se convirta en música académica, de estudo, pero non de emocionar en vivo en concertos memorables.

     Non vou negar que este temor é fundado; porén, un aínda cre na maxia da música e desexa que as cousas vaian por canles máis optimistas.

     

     Como o catedrático da Universidade de Tennessee, Antón García Fernández, afirma, hai unha conexión evidente entre jazz e poesía. Tardaron os poetas en decatarse da profundidade deste xénero pero hai xa mostras sólidas de que o jazz, como boa música que é, prendeu no discurso poético dos escritores, amén do gran Cortázar, case un precursor literario, con páxinas memorables arredor do xénero jazzístico. O profesor García Fernández deu, na Universidade, en Martin, unha fermosa conferencia sobre este tema, deixando ben claro a súa opinión, sen dúbida moi acertada.

 


    Eu sentinme atraído polo jazz nun momento determinado da miña vida e tiven a necesidade de escribir algúns poemas que evocan a grandes instrumentistas, figuras do ceo musical jazzístico.

     Son algúns deles os que deixo aquí embaixo, para que os poidades saborear e co desexo fondo de que os digan algo. Pertencen ao poemario Na agonía dos outonos en silencio (Ed. do Castro, 2002)


Amor con Saxo

        con sexo

        con desexo

                                           Seres

        beixos

        medos

Sexo

      e

        Saxo

Sexo de saxo

Solo de saxo




nun recanto da vida

        Johnny Hodges reclama a mirada de

quen non cre nas intencións inocentes

Johnny Hodges
                                                   dun saxo.

a través dos cristais opacos

a emoción perdida dunha muller sen roupa

        desvía do seu labirinto

as testemuñas secas da dor ben coñecida.

The very thought of you pérdese sentimental

entre as sabas dun leito castigado polos fracasos.

 

 

 

  

soa sereno Lester Young.

Lester Young
                                  mergúllase nas pucharcas do fume

These foolish things, esa tenra melodía

                               que busca borrar a paisaxe ferinte

daqueles que se aforcan sen máis

no ritmo monótono do medo.


 


Nunha radio, as notas de More than you know

                 devoran a friaxe dos xestos

 

Coleman Hawkins
                                        erótica mansedume

    sobre o leito ocupado

        por un solo de Coleman Hawkins

nunha noite en que dous seres

        chegaron a comprender

a inutilidade de matar o amor.


 


sempre sentiu a culpa

de tela querido fondamente.

Charlie Parker
                                       culpable ou non

amouna no conflicto perenne

de quen non deixa de convivir

coa catástrofe.

ó fondo Charlie Parker tocaba

Don’t blame me, funesto presaxio

dos turbios desexos

que alguén deixaba morrer

sobre o negro tapete da indiferencia.




¿chega a ser inútil un beixo

Ben Webster
                           nos labios desa muller que se volve romántica

cando Ben Webster ataca  desde dentro

as primeiras notas de Once in a while?