TÍTULO: Non cantan paxaros neste bosque.
AUTOR: Carlos Negro.
EDITORIAL: Xerais. Colección: Fóra de xogo.
O libro estrutúrase en nove
relatos curtos con cadanseu título
premonitorio ás historias que agochan os variados personaxes en diferentes
épocas, idades e espazos narrativos. O fío condutor de todos eles é o medo nas
distintas perspectivas de situacións que viven os protagonistas.
Así observamos medo á perda
dun ser querido, medo á ausencia, ao illamento por ser diferente, ao acoso, á
falta de liberdade, á perda da identidade, á realidade externa pero tamén á
interna. En definitiva, medo aos soños, ás pantasmas e ao misterio dos
pesadelos que nos acompañan. Por iso o libro é unha porta aberta á reflexión,
onde a palabra atinxe o seu valor tanto oral coma escrita. Non hai mellor xeito
que enfrontarse aos temores para poder vivir e pechar a porta da mera
existencia prendida e escravizada a un medo.
Páx.88: “ Cada época elabora os seus propios ritos, aínda que no fondo de cada ser humano, as paixóns seguen a conservar a mesma esencia que en épocas pretéritas…”
Páx. 91: “Atende. Fuxe da
calquera gaiola de cristal na que te pretendan encerrar. A resignación é a peor
das condenas”.
Páx.107: “ E quizais esa era
a mellor ensinanza que lles podía ofrecer: debían aceptar que a vida é un
relato que acontece, e que non sempre se explica. E cando ese
relato deriva en literatura, case sempre deixa una porta entreaberta, a físgoa
pola que asoma, coma un intruso, o misterio.”